O electricista é un falso nove

É coma se o ladrón de luvas de goma aislante organizara a historia para encaixala esteticamente na crónica dun telexornal habitual: un garrafón, un somier, un bloque de formigón e un Códice Calixtino do século XII. A xoia apareceu nun galpón do Milladoiro, o paraíso artificial dun electricista autónomo. A normalidade supera a ficción, apelídase Fernández. Nin códigos en pinturas renacentistas, nin morbosos flaxelos opusinos, nin fluxos vaticanos, nin Tom Hanks resolvendo o caso… Un electricista, calculen, que non un illuminati. Quedamos sen a escuridade do Falcón maltés e sen o esplendor dun ovo de Fabergé. Cada vez máis, o normal está de moda. O que onte era naturalismo hoxe é mediocre e mujeres y hombres y viceversa.

O que onte era naturalismo hoxe é mediocre e mujeres y hombres y viceversa

Hai unha teima por facer que todo pareza normal, habitual e sincero, que comeza a desfigurar a coherencia xeral. Se todo está normalizado nós xa non pintamos nada. Os poderes clásicos son coma os guionistas de Gran Hermano: redefinen cada día a normalidade para manternos apegados á súa ficción.

E deste xeito, todos caemos na dinámica de entender por natural o que non debería selo: unha homenaxe á bonhomía de Baltar con Superpiñeiro de speaker, por exemplo. O normal sería que coa chegada de Rajoy os mercados colleran confianza e incluso que as entidades financeiras puxeran neons de puticlubs nas súas fachadas explicando as letras pequenas dos seus contratos.

O empeño de atribuírlle a un Rei unha campechanía pandémica fixo que vivamos nun estado democrático con gasosa

O normal. O empeño de atribuírlle a un Rei unha campechanía pandémica fixo que vivamos nun estado democrático con gasosa e provocoulle o mesmo desgaste á liberdade de expresión que a sinceridade de Belén Esteban, esa fulana tan natural, ao sistema educativo.

Estas últimas semanas, por exemplo, os reporteiros ateigaron de tipos majos e achegados os álbums de cromos. Ninguén ten máis familiares que os xogadores de La Roja. Os reporteiros desfollan as árbores xenealóxicas dos novos heroes e pasan a visitar aos seus parentes mentres xogan ao dominó no seu bar habitual para vendernos que os chavales proveñen de núcleos asequibles. E mentres as nosas primas son de risco, as deles son de 300.000 euros. O normal para un contribuínte decente.

Xa o dixo onte no Facebook o xornalista Alberto Ramos: “Vaia obra de teatro faría Roberto Vidal Bolaño con todo este cristo catedralicio”

O electricista do Milladoiro xogou coma dianteiro pero non é un grande goleador. Ten mérito, pero non deixa de ser un falso nove. Ao mellor é que detrás do roubo hai un autor intelectual sentado nun sillón, con batín de seda e acariñando un gato. Só é unha sospeita, pero como o rebelde Deán, James Deán, mellor non dicir nada, pola causa.

Xa o dixo onte no Facebook o xornalista Alberto Ramos: “Vaia obra de teatro faría Roberto Vidal Bolaño con todo este cristo catedralicio”. Fronte ao cilicio desta normalidade, o máis acaído é o estudado simulacro. Cultura contra a mentira.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.