O enorme e indecente poder das eléctricas

“O prezo da luz subiu mais dun 90% nos últimos 15 anos” 

Ao tempo que algúns medios de comunicación e opinión, recollendo as evidencias, informaban de cómo o prezo da luz non para de subir tamén coñeciamos que as ganancias das compañías eléctricas se disparaban: “a suba do prezo da luz disparou os ingresos das eléctricas ata 32.170 millóns de euros no 2017”.

A quen lle pode estrañar que diante destas dúas realidades moitas familias de rendas medias e baixas, maioría de clases populares, se indignen?. Moito mais cando atenden a como evolucionan, por caso, os salarios e as pensións que camiñan en dirección contraria as ganancias das empresas eléctricas: estas soben aqueles baixan. Aínda mais si son quen de lembrar as razóns que algúns gobernantes no seu día (1998/2009) nos deron cara xustificar, por caso, a privatización e a liberalización do mercado eléctrico: que beneficiaría aos consumidores xa que a libre competencia conduciría a unha baixa nos prezos. Un beneficio que xa estamos vendo. Benditas hemerotecas!.

As evidencias permiten afirmar con toda contundencia que os prezos da electricidade soben por que esa é a vontade das compañías eléctricas para así obter uns zumarentos beneficios. Unha suba que, a súa vez, é autorizada polos gobernos de torno (PP, PSOE) cuxo contubernio coas mesmas e de sobras sabido (“portas xiratorias”). Unhas subas que, como sinalaba, desmenten categoricamente as teses neoliberais que nos venderon de que a privatización dos activos e a liberalización do comercio beneficiarían aos consumidores que terían así enerxía mais barata e mais limpa. En España, un dos poucos estados europeos que, ao día de hoxe, non conta cunha compañía eléctrica pública –aínda que si tivo unha: ENDESA- a privatización e a liberalización do sector favoreceu a creación dun oligopolio –ENDESA, Iberdrola e Gas Natural (agora Naturgy)- que fixa os prezos dun xeito unilateral tendo como único referente a máxima ganancia posible. Política comercial que fai que o prezo da electricidade en España estea entre os mais altos de Europa. Unha realidade que está castigando duramente a economía das familias e das pequenas e medianas empresas e, de rebote, ao emprego.

Como proba de tal arbitrariedade na fixación dos prezos baste con sinalar que moi probablemente as compañías eléctricas sexan as empresas españolas que mais e maiores conflitos tiveron primeiro coa  antiga CNC (Comisión Nacional da Competencia) e agora coa CNMC (Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia)  por mor de poñer trabas a competencia e a transparencia no sector.

Podería pensarse que son razóns de mercado, por caso un incremento da demanda derivada da suposta recuperación económica, as que provocan a suba constante dos prezos. Argumento que non resiste as evidencias posto que como puidemos comprobar durante a grande recesión, a pesares de producirse unha relevante contracción no consumo o prezo da enerxía eléctrica non parou de medrar. Son, xa que logo, outras as razóns quen moven os prezos.

Razóns que hai que buscar na propia natureza do sistema eléctrico español, na oferta, quen experimentou importantes cambios cando a liberalización do sector. Liberalización e privatización que trouxeron para o sector eléctrico unha maior fragmentación do mesmo ao par que un total desregulamento como corresponde as bases da mundialización neoliberal. Unha fragmentación e un desregulamento, por certo, xenerosamente regados con fondos públicos.

Unha fragmentación do sistema en tanto en canto o novo mercado eléctrico “distingue varios tipos de axentes: empresas produtoras, de transporte e distribución e empresas comercializadoras” (Xan R. Doldán García: “A ilusoria competencia do mercado eléctrico”. Tempos Novos, setembro 2018). Unha fragmentación na que as empresas privadas administran a parte mais rendible do negocio (produción e comercialización) deixando a administración pública a menos rendible (transporte) e que resulta mais formal que real xa que “na práctica seguen a funcionar baixo unha dirección única que unifica criterios de actuación entre unas liñas de negocio e outras e, de facto, a concentración e tan extrema que dificilmente podemos considerar que exista tal competencia” pois as empresas anteriormente citadas –ENDESA, Iberdrola e Gas Natural (agora Naturgy)- dominan, a xeito de lobby, practicamente todo o negocio eléctrico.

Un dominio oligopólico que repercute nos prezos ao consumidor como estamos vendo en todos estes anos de suba constante dos mesmos. Así o enorme poder sectorial e político destas empresas facilitou que se establecera un criterio para a fixación dos prezos ao consumidor claramente favorable aos intereses daquelas. Criterios, por outra parte, de non fácil comprensión para os consumidores. Primeiro hai que saber que a electricidade que consumimos ven subministrada por distintas fontes (carbón, gas natural, eólica.) que usan diferentes tecnoloxías e que, xa que logo, teñen distintos custos de produción. Hai que saber tamén que este mercado se rexe polo sistema da poxa continua, un mercado claramente especulativo –non se comercializan quilovatios senón títulos: OTC- e enormemente variable no tempo. Neste marco “o prezo para cada hora de poxa de electricidade no mercado diario (…) ven determinado pola última tecnoloxía que teña entrado a cubrir a demanda e que, ademais é a mais cara” (Xan R. Doldán García). Noutras palabras, sexa cal sexa a fonte subministradora o prezo unificado para todas é o mais caro de todos. Un prezo, xa que logo, que está sempre moi por riba dos custos medios de produción. Como moi ben explica o profesor Xan R. Doldán, “isto sería o mesmo que pagar en lonxa todo tipo de peixe comercializado polo prezo do que se vende mais caro nun período de tempo dado”.

Nembargante o consumidor amais do prezo así calculado ten que pagar tamén  os custos de comercialización e o chamado eufemisticamente “déficit de tarifa”. I é que segundo as empresas que controlan o mercado a pesar da desmesura dos prezos ao consumidor estes (que determinan os ingresos por tarifa) non cobren uns custos de produción –cuxo equivalente en prezos é fixado polas propias empresas oligopolistas e os grandes grupos financeiros-. Unha estafa mais  que solo resulta comprensible si se ten en conta o enorme poder político dun oligopolio eléctrico en cuxos consellos de administración podemos atopar nomes moi coñecidos de expresidentes, exministros, exconselleiros autonómicos, altos funcionarios, exxuices e maxistrados en activo... con gran poder de influencia nos respectivos gobernos. Influencia que moitas veces remata coa presenza no goberno de torno de antigos directivos desas empresas.

Mentres no se mude esta situación, de enorme e indecente poder dun oligopolio, mentres no se proceda a unha auténtica regulación do sector continuaran os abusos, auténticas estafas, das compañías eléctricas aos consumidores.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.