O espazo de ruptura nas próximas eleccións e a Experiencia Galicia

Mitin de AGE na Coruña, no ano 2012 CC-BY AGE

A irrupción de AGE en 2012 fixo saltar polo aire a doce estabilidade do campo político galego. Remexeu culturas e identidades coa súa determinación de intervir nas condicións materiais, e inmateriais, da existencia das persoas ás que apelaba: esa maioría inmensa chamada, segundo Marx, a ser o motor da emancipación da inmensa maioría da sociedade. Identificou como adversario o partido único representante da inmensa minoría, os que mandan sen presentarse ás eleccións, responsables dunha crise que nos esmaga e nos anula. AGE foi un salto cualitativo que inspiraría procesos posteriores fóra de nós. Contra a representación e o fascismo financeiro. Era en parte a continuidade da impugnación que asomara co 15M. Practicaba, ademais, unha reapropiación dos nomes das cousas, unha nova poética, a conquista da linguaxe e o seu emprego coma arma emancipatoria. Aquela Experiencia Galicia que nacía desexaba posuír a linguaxe: espazo de ruptura, fronte ampla, unidade popular, República. E Marea como concepto expansivo: todo coas organizacións políticas, pero moito máis alá delas. Eran os puntos de ancoraxe. O mapa político galego quedou escachizado nun momento de mobilización electoral. E non había volta atrás. Nada volvería ser o mesmo.

A irrupción de AGE en 2012 fixo saltar polo aire a doce estabilidade do campo político galego. Remexeu culturas e identidades

AGE foi acusada precisamente de ser AGE e do que AGE buscaba: que nada volvera ser o mesmo. Perdían sentido os vellos compartimentos de réxime. Nas culturas ligadas ás tradicións políticas do galeguismo, determinouse superar o apego interclasista do nacionalismo e o formalismo da esquerda nominalmente socialista ou socialdemócrata e propoñer un republicanismo de ruptura que de ningunha maneira renunciase ao dereito a decidilo todo dunha cidadanía constituínte e republicana xa no seu propio recoñecemento como suxeito. Aquilo non podía ser apenas un movemento táctico electoral, era unha posición estratéxica, e de aí os conflitos que a sacudiron e que perduraron case ata onte mesmo.

Para que todo aquel ensaio tivese rendemento político real e afectara á base material da sociedade, ás nosas condicións de vida, cumpría abrir espazos comúns de participación e decisión, instrumentos novos, plurais, diversos e conflitivos en si mesmos, onde se citase esa maioría social disposta a organizarse e tomalo todo nas propias mans, sen delegación representativa. Na propia articulación desta Experiencia Galicia estaban incluídas tamén as contradicións que a debilitarían pero que ao mesmo tempo a facían posible.

O proceso, desde AGE e as mareas municipais á En Marea de Mazarelos e á de Vigo, foi posible porque había condicións de extrema emerxencia

Retomemos.

O proceso, desde AGE e as mareas municipais á En Marea de Mazarelos e á de Vigo, foi posible porque había condicións de extrema emerxencia; a crise e o carácter caótico do sistema ensinaban sen pudor toda a súa putrefacción cruel. Nada ocorreu por xeración espontánea nin grazas á xenialidade dos cadros políticos. Todo se orixinou na miola da conciencia das necesidades comúns. E se as necesidades eran comúns, común tiña que ser a resposta. Unidade sen exclusións, por tanto, máis alá dos vellos marcos políticos establecidos que non servían para comprender nin superar o que ocorría.

Sete anos despois de AGE e da reacción desencadeada nada mudou tanto como para que quede impugnado o proceso. Ao contrario. O peche da crise de réxime practícase con envoltorio totalitario sobre a emerxencia extrema permanente. Abonda con reparar na naturalidade con que se asumen detencións arbitrarias, represión e criminalización de disidencia e movementos, presos políticos e de conciencia, etc. O réxime só sabe recompoñerse con máis coerción. Os poderes reais determinan condicións de posibilidade e imposibilidade na sociedade e nunhas institucións formalmente democráticas. E con iso tamén pretenden establecer os marcos do posible na práctica política. É a potencia totalitaria da reacción. De ningunha maneira debería quedar sen resposta.

A ruptura, a nación, a república non son simple enunciado nin ideoloxía sen máis senón consecuencia da acción de subxectividades organizadas

Desde o seu nacemento, a articulación política do espazo de ruptura está sometida a contradicións inevitables en suxeitos de procedencias e culturas diversas. Sobre todas elas operan, ademais, dúas tensións restritivas e conservadoras. Unha expresa teimuda un conflito superestrutural entre nacionalismo e non nacionalismo que esconde o enfrontamento entre a idea da política como representación e feito autónomo e a súa concepción como necesidade de alteración da base material máis alá de identidades e pulsións autorreprodutivas. A outra tensión deriva dun cálculo electoral que só conduce á competencia interna e anula a cooperación. En ambos os casos, os intereses de parte guían a acción de diversos grupos, sectaria, e anulan os intereses comúns. Unha especie de caricatura inversa da diverxencia de intereses na sociedade. Unha diverxencia que no interior do espacio de ruptura non pode darse. Anula o sentido do propio espazo. Desménteo.

Probablemente estas tensións propiciaron que os artefactos políticos comúns se esfarelasen case coa mesma rapidez con que se armaban. Con iso, os programas de intervención foron substituídos por sometemento ás condicións institucionais, as luces dos salóns do pazo sempre cegan. Todo conduciu á reclusión de cada parte nas súas propias identidades, nas súas zonas de confort e en principios que perdían a súa potencia política ao se reduciren a simples enunciados que en non poucas ocasións serviron para marcar distancias cos aliados. Pero a brecha segue aberta no tecido social, resultado do conflito entre as formas de propiedade e quen non posúe máis ca a súa propia forza de traballo. O espazo de ruptura está sempre aberto mentres a sociedade se estruture en clases. A crise de réxime é unha loita por agrandar ou minimizar esa brecha, a contradición entre os poucos e a multitude. A ruptura, a nación, a república non son simple enunciado nin ideoloxía sen máis senón consecuencia da acción de subxectividades organizadas. En todos os escenarios posibles. Tamén no electoral.

Rearticulemos, logo, a Experiencia Galicia. Cos seus diferentes suxeitos, non só organizacións políticas

É imprescindible recompoñer a Experiencia Galicia. Trátase de fuxir do cruceiro granítico de cada identidade illada e encontrarnos na encrucillada, ter posibilidade de decidir. Sabemos enunciar principios, pero necesitamos ir máis aló. Cómpre elaborar en común programas e proxectos políticos que nos leven a eses escenarios enunciados frecuentemente: á ruptura, á República, á Nación, a modificar a base material que estrutura esta sociedade, a única sociedade en que vivimos e na que debemos actuar. Nela, non en ningún escenario ideal. Rearticulemos, logo, a Experiencia Galicia. Cos seus diferentes suxeitos, non só organizacións políticas. Abonda con que estes se recoñezan e se comprometan mutuamente a articular acordos e espazos comúns. E instrumentos políticos, sociais e, desde logo, electorais.

Os procesos electorais non son definitivos, pero si importantísimos momentos de mobilización e toma de conciencia. A política institucional será eficaz se mellora as vidas das persoas e ademais contribúe a articular suxeitos sociais de ruptura nos barrios, nas cidades, nas vilas, nas parroquias, cos seus espazos de decisión, as súas institucións alternativas e as súas prácticas de cooperación e solidariedade. Nada novo. Coma no caso dos grandes principios, non abonda con enuncialo. Haberá que facelo. Sen que o electoral, insuficiente, deixe de ser necesario. Desprezar ese espazo ou absterse de participar é unha boa lanzadeira para a marxinalidade non operativa. Renunciar a intervir nas institucións impediría evidenciar as súas propias contradicións e os seus duros límites e deixaría o camiño aínda máis aberto a que o poder impoña toda a súa infinita capacidade coercitiva contra a maioría social.

Non pode haber escusa para unha candidatura de unidade e ruptura para as proximas xerais e autonómicas sen máis exclusión ca a daqueles grupúsculos que teimaron en esnaquizar cada instrumento de unidade

A Experiencia Galicia non hai que inventala. Segue viva na medida en que o proceso de articulación política do espazo de ruptura non está clausurado, a pesar do que ocorreu nas eleccións xerais de abril deste ano. Agora, ante os procesos electorais que se abren, é imprescindible insistir: Unidade e acumulación de forzas. As organizacións que veñen traballando no espazo deben acordar xa programa e candidaturas, máis alá, moito máis alá, de intereses de parte. Pero estas organizacións, imprescindibles, seguen sendo insuficientes. As candidaturas das próximas xerais e autonómicas terán que aglutinar todas as sensibilidades que se referencian no espazo de ruptura, tanto as diversas mareas e iniciativas cidadanistas coma novas propostas organizativas. A diversidade articulada no común. O valor da unidade non reside xa só na súa capacidade de multiplicar números senón principalmente na de amosar a diversidade como riqueza e compoñente nova e na posibilidade de practicar políticas radicais de parte no seo da sociedade rompendo cos intereses de parte no espazo común.

Que ninguén propicie nin permita que os tempos volvan á vella dozura estable de antes de 2012

Talvez non estaba previsto, pero as condicións esixen reconstruír o suxeito político que dea visibilidade nova á Experiencia Galicia, a articulación do espazo de ruptura nun sentido republicano. Non pode haber escusa para que non sexa posible unha candidatura de unidade e ruptura para as proximas xerais e autonómicas sen máis exclusión ca a daqueles grupúsculos que teimaron en esnaquizar cada instrumento de unidade e se opuxeron tenazmente a todos eles. Coa ollada posta en todas as alianzas. Tamén máis alá de Galicia.

Que ninguén propicie nin permita que os tempos volvan á vella dozura estable de antes de 2012. Dozura e estabilidade para os poderosos. Dura e miserable para a inmensa maioría.

Dado que as necesidades seguen sendo comúns, común ten que ser a resposta.

Unamos rompendo e rompamos unindo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.