O espírito do 29 de xaneiro

Non tiven ocasión de vivir o proceso de Riazor’82. Un ano antes xa marchara -en realidade convidaranme a saír- daquel club privado chamado ERGA. Decidín deixar de ser súbdito e adquirir a condición de cidadá a sabendas que a franxa de pensamento autónomo xera algún que outro inconveniente e mesmo, en xente pasional coma min, máis de unha metida de zoca que a xente de ben te perdoa e a outra anota na folla de penais.

Así que non estou disposto, por nada do mundo, a perderme este novo proceso constituínte da alternativa galega’12.

O pasado 12 de febreiro tiven a ocasión e a honra de asistir a asemblea aberta do Encontro Irmandiño. Non podo dicir coma Henrique Tello que dá gusto estar nun sitio onde se saúda todo o mundo pero é comprensible, despois de moitos anos o cancro do sectarismo tamén ten as súas pequenas metástases que teremos que ir curando, e como dicía o propio Tello sen facer moito caso dos comentarios das novas electrónicas. Ao fin e ao cabo un acaba asumindo que a diferenza de Alfredo Rubalcaba e algún outro, un é un menxevique e mesmo un menxevique dos menxeviques.

No ambiente excitante e ilusiónante do encontro do pazo de congresos de Compostela había un algo de congreso constituínte, ao igual que o haberá de seguro o 25 de febreiro, o 11 de marzo e o 17 de marzo.

Pero equivocariámonos se  nos autocompraceramos cos centos de persoas que se arrexuntan arredor desta citas. Temos que ir máis aló.

Son dos que penso que o BNG como alternativa política e como referente electoral da esquerda galega esta amortizado hai tempo.

Que ademais o 15M non só veu certificar a desafección da cidadanía pola política institucionalizada e polos partidos como interfaces, nomeadamente os de esquerda, senón que posibilitou a visibilización da idea que era posible construír novos espazos políticos e que ademais o armazón político-institucional saído da transición estaba esgotado. No caso de Galicia o estatuto, a súa imposibilidade de renovación, e a estrutura de partidos herdada do fraguismo saltou polos aires. Así que todo parecía indicar hai algún tempo que era o momento e había masa crítica suficiente para encetar unha nova singradura.

Sendo isto verdade, non é menos certo que na teoría política sobre movementos sociais e transformadores, analizase que para que o cambio se produza necesítanse factores políticos (oportunidades políticas), necesítanse novas ferramentas (estruturas de mobilización) pero igual de necesario son os marcos identificativos (procesos enmarcadores).

Nese senso o traballo realizado por Encontro Irmandiño, + Galiza e outros sectores renovadores do nacionalismo previo a XIII asemblea do BNG non son so plausibles senón foron necesarios para que a xente se encontrara, se recoñecera e se identificara cun construtor alternativo ao dominante no nacionalismo.

Así pois, como hai un antes e un despois do 15–M en canto á percepción que a cidadanía ten da política, existe un antes e un despois do 29 de xaneiro en tanto en canto se crean as condicións políticas, instrumentais e identificativas para a construción dun novo referente, todo elo ademais reforzado por un liderado moral e ético que ten, nestas complexas circunstancias, estado á altura con xenerosidade e valentía.

Pero equivocaríanse os dirixentes de +Galiza ou de Encontro Irmandiño, de Esquerda Nacionalista ou do PNG, se pensarán que a reconstrución dun espazo estaría feita pola reunificación fora dos seus respectivos seguidores.

Convén ir máis aló.

- Construír un novo espazo nacional (nacionalista no político) que permita incorporar persoas que senten o país, o defenden e o sitúan no centro da súa intervención política e social máis aló das definicións formais.

- Construír un espazo plural e flexible. Amplo pero lonxe dos partidos clásicos convertidos en prolongacións das institucións e combinativo fuxindo do frontismo entendido coma partido guía e grupos satélites ou da mesa de partidos para arrepañar cotas de poder interno.

- Introducir na axenda os elementos de contradición política do século XXI, tanto no que son as novas correntes da esquerda global que sitúan como centro a sustentabilidade ecolóxica e a xustiza social global, nunha versión nova do socialismo lonxe do corporativismo ou do desarrollismo da etapa anterior e os elementos de radicalidade democrática e loita contra a corrupción política que introduciron os novisimos movementos sociais.

E todo iso sen renunciar as luces do pasado pero sinalando con forza as sombras da etapa anterior.

Tempos de crise, tempos de transición, tempos non que os referentes petrificados caen e xorden novos espazos máis líquidos en construción. Esa é a tarefa de agiornamento tal como a foron realizando nos últimos anos o altermundismo e os movementos sociais máis avanzados. De xeito unitario pero sen esquecer que a unidade sen renovación ademais de pura melancolía leva a parálise e a autodestrución por inanición.

Recordando como dicía Rosalía de Castro que “a quen se muda, deus o axuda”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.