O Estado non é neutral

Unha parte hexemonicamente maioritaria dos nosos xuíces e maxistrados (fóra Tribunais Supremo e Constitucional e Audiencia Nacional) traballan a eito e tentan facer xustiza con imparcialidade e obxectividade. A inmensa maioría dos nosos policías e servidores públicos entréganse ao seu traballo con profesionalidade e espírito de servizo cidadán. E, porén, miñas donas e meus señores, o Estado non é neutral. Os Poderes Públicos tenden satisfacer preferentemente os intereses das grandes corporacións e das elites, no canto das pemes, clases medias, traballadores e excluídos sociais.

O Estado non é neutral. Os Poderes Públicos tenden satisfacer preferentemente os intereses das grandes corporacións e das elites, no canto das pemes, clases medias, traballadores e excluídos sociais

Unha parte da responsabilidade desta desgraza é a hexemonía do bipartidismo monárquico-dinástico (PP-PSOE; PSOE-PP) ao longo destes máis de trinta anos. Un bipartidismo hexemónico que residenciou o poder político real en dúas moi pequenas elites dos dous partidos maioritarios. Que, ao tempo, son quen fornecen os centos de  milleiros de postos políticos de segundo, terceiro e cuarto nivel e quen negocian cos poderes financeiros hexemónicos. Algúns, si, transnacionais, mais outros estreitamente vencellados ás propias elites popular e socialista. Non por acaso a meirande parte dos valores do IBEX 35 pertencen a antigas sociedades públicas privatizadas canda Felipe González ou  J.M. Aznar ou a bancos, distribuidoras eléctricas e grandes construtoras-concesionarias de servizos que dependen do BOE. Velaí a forza no Estado do chamado capitalismo castizo do BOE.

Unha parte da responsabilidade desta desgraza é a hexemonía do bipartidismo monárquico-dinástico (PP-PSOE; PSOE-PP) ao longo destes máis de trinta anos

Mais o control destas elites a respecto dos Altos Tribunais e dos mandos máis sobranceiros das Forzas de Seguranza  garante que a estrutura estatal e máis estritamente, a da Administración do Estado dependente do Goberno central estea sempre aquelada para afastarlle os problemas ás elites e facer caer o peso da lei sobre os infractores que carezan de padriños ou mesmo sobre os que sobardan as canles convencionais de oposición e protesta e exercen accións non violentas de desobediencia civil.  O Estado español multa manifestantes pacíficos, mentres desprega todos os seus esforzos para lle evitar trastornos a Rato ou á infanta Cristina.

Mal pode cualificarse de social, liberal ou democrático un sistema duro cos febles e tolerante cos poderosos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.