O estatuto ausente

© mapio.net

Nas semanas previas á recente cita electoral galega, constatouse un feito indiscutíbel: a reforma do vixente Estatuto de Autonomía non formou parte das propostas e/ou debates rexistrados entre as principais forzas políticas concorrentes.

A reforma do vixente Estatuto de Autonomía non formou parte das propostas e/ou debates rexistrados entre as principais forzas políticas concorrentes

Alguén podería argumentar que tal circunstancia foi a consecuencia lóxica da conxuntura excepcional derivada da aparición -no mes de Marzo- da grave crise sanitaria provocada polo coronavirus. Aceitando o inevitábel condicionamento suscitado por un acontecemento imprevisto coma ese, convén lembrar que cando se traballaba co calendario electoral inicial -establecido para o 5 de Abril- as formacións políticas tampouco incluían, nas súas axendas programáticas, unha alternativa concreta para mudar o texto estatutario. Por non citar o feito de que a propia xestión da pandemia colocou nun plano destacado o reparto do poder entre as distintas administracións públicas e o xeito mais eficiente de utilizar as respectivas competencias.

Dende que chegou á presidencia da Xunta, no mes de Abril de 2009, Núñez Feijóo nunca tomou en serio a posibilidade de promover a modificación do Estatuto. Despois de boicotear a proposta realizada polo PSdG e o BNG no ano 2007 -aproveitando a prescrición legal de que calquera mudanza require o apoio das dúas terceiras partes da Cámara do Hórreo- declinou reiniciar calquera traballo parlamentar alegando a fonda crise económica dos primeiros anos do seu mandato e, a partir do 2012, a situación xerada polo conflito político aberto en Cataluña. Durante todos estes anos a súa vontade de ampliar o autogoberno resultou perfectamente descritíbel: practicamente non reclamou novas competencias ao abeiro das posibilidades existentes co actual marco normativo. Para que promover un novo Estatuto se non se queren reclamar mais capacidades decisorias? Hai que recoñecer que o presidente da Xunta e o seu partido non estiveron sos nese rol tan conservador: ningún dos importantes poderes económicos e mediáticos que veñen apoiando o labor de Feijóo manifestou o seu interese por un cambio no status institucional da Galiza. O único que fixeron foi protestar ante hipotéticos tratamentos diferenciais que puideran dispensar os gobernos do Estado a Cataluña e a Euskadi. No canto de reivindicar mais autogoberno, había que protestar preventivamente polo que foran capaces de obter os demais.

Núñez Feijóo nunca tomou en serio a posibilidade de promover a modificación do Estatuto. Para que promover un novo Estatuto se non se queren reclamar mais capacidades decisorias?

BNG e PSdG non colocaron a reforma do Estatuto entre os seus referentes programáticos para a cita electoral do 12 de Xullo. No caso da organización nacionalista existe unha posíbel explicación: no seu actual ideario non figura -como sucedía no pasado- esa reclamación como ponte de tránsito cara os obxectivos finais proclamados (autodeterminación, República galega). Porén, a campaña protagonizada por Ana Pontón encaixaba ben con ese teórico horizonte de cambio estatutario. As evidentes semellanzas no contido e no ton utilizados pola candidata nacionalista cos que no seu día exhibiu Anxo Quintana -cabeza visíbel da proposta dun “Estatuto de Nación” formulada polo BNG no ano 2005- permitirían pensar na viabilidade da incorporación desta perspectiva na folla de ruta da segunda forza parlamentaria na nova lexislatura que agora comeza.

Resulta mais complicado atopar unha xustificación da opción tomada por Gonzalo Caballero a respecto da reforma estatutaria. O PSdG non ten mudado o seu cadro programático xeral nin existe constancia pública dun eventual rexeitamento da dirección estatal de Ferraz ante unha proposta dese carácter (téñase presente que o Partido Socialista en Euskadi está participando nun proceso de elaboración dun novo Estatuto para aquela nación). Tratase, xa que logo, dun grave erro na percepción das prioridades políticas que debería asumir o partido ante a sociedade galega para afirmar a súa identificación cun proxecto de autogoberno nacional de solvencia acreditada.

A sociedade galega -e sobre todo as xeracións que non viviron a transición posfranquista- non merece agardar outros 40 anos para mellorar o seu autogoberno nacional

Feijóo dispón dunha posición cómoda. Se BNG e PSdG non son quen de activar, nos vindeiros anos, aos sectores da sociedade galega que desexan unha maior calidade no autogoberno, o político dos Peares non terá que aturar os custes asociados ao rexeitamento dun proxecto de novo Estatuto. Cando se acheguen novas confrontacións electorais seguirá instalado no “Galicia, Galicia, Galicia”, como última receita retórica fabricada nos laboratorios dos seus asesores.

No vindeiro mes de Decembro, cumpriranse 40 anos da aprobación -nun referendo certamente moi pouco exemplar- do vixente Estatuto de Autonomía. Descartada a visión fundamentalista dos que pensan que normas desta relevancia deben ser inmutábeis, só cabe pensar que a sociedade galega -e sobre todo as xeracións que non viviron a transición posfranquista- non merece agardar outros 40 anos para mellorar o seu autogoberno nacional.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.