O finiquito político de Mariano Rajoy

Que ocorrería se a sentenza da Audiencia Nacional sobre o caso Gürtel se coñecera o pasado día 21? Apoiarían Cidadáns e o PNV os orzamentos presentados polo goberno Rajoy?

Que ocorrería se a sentenza da Audiencia Nacional sobre o caso Gürtel se coñecera o pasado día 21? Apoiarían Cidadáns e o PNV os orzamentos presentados polo goberno Rajoy?

De dúas, unha: ou todo foi unha azarosa coincidencia temporal ou alguén coordinou os reloxos do poderes lexislativo e xudicial para evitar incómodos solapamentos que alimentasen decisións irreversíbeis de grande alcance político. En todo caso, non é desatinado pensar que Albert Rivera e  Urkullu eran conscientes de que, 24 ou 48 horas despois do balón de osíxeno proporcionado ao PP gobernante, ía transcender unha decisión xudicial previsibelmente demoledora para a reputación de Mariano Rajoy e do seu partido. Sabedores desa hipótese moi  verosímil, talvez preferisen a continuidade dun executivo sometido a un insoportábel proceso agónico.

Apostar, exclusivamente, pola xudicialización da vida política provocou que vaian estoupando varias “bombas” de efecto retardado, colocando á defensiva a quen afirmaba que  estabamos ante unhas poucas “mazás podres"

Zaplana primeiro e a  Gurtel despois certificaron a dimensión da penitencia que debe pagar o PP por renunciar á vía das responsabilidades políticas na loita contra a corrupción e colocar todos os ovos na cesta das actuacións xudiciais. A curto prazo, as vantaxes desa estratexia eran indiscutíbeis: todo o mundo seguía nos seus postos e utilizábanse coa máxima intensidade as prerrogativas asociadas á lóxica dos contenciosos xurídicos (presunción de inocencia, reclamación das garantías procesais, recurso á mentira como arma defensiva). Como, ademais, a administración xudicial padece unha  endémica falta de dilixencia -en moi boa medida por falta de recursos humanos e materiais- os posíbeis efectos negativos da opción elixida nos despachos da rúa Génova dilataríanse moito e cecais perdesen boa parte da súa carga tóxica.

Os cálculos dos dirixentes do PP fracasaron totalmente. Apostar, exclusivamente, pola xudicialización da vida política provocou que vaian estoupando varias “bombas” de efecto retardado, colocando á defensiva a quen afirmaba que  estabamos ante unhas poucas “mazás podres” no cesto virtuoso dos cadros políticos que administraron diversas comunidades autónomas e concellos.

O finiquito político do líder do PP xa é unha realidade. O futuro do PP está por escribir

Os últimos triunfos de M. Rajoy foron debidos aos erros e incapacidades dos adversarios e non tanto aos acertos propios. Hipotecado xudicialmente, illado parlamentariamente, non foi quen de sobrevivir á moción de censura promovida por Pedro Sánchez. O finiquito político do líder do PP xa é unha realidade. O futuro do PP está por escribir.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.