Aínda que a última recesión económica xa marcaba o camiño, agora xa non caben dúbidas de que a pandemia da COVID.19 e a invasión de Ucraína por tropas rusas co impacto que ámbalas dúas tiveron sobre a demanda e a oferta globais puxeron en evidencia o absoluto fracaso da globalización neoliberal e os seus dogmas. Un fracaso que leva a que non poucas voces autorizadas se pregunten si non estamos diante do principio do fin da mesma e dos seus dogmas sobre "os mercados perfectos".
Seguramente que unha das manifestacións mais relevantes deste fracaso a atopemos no campo da xeopolítica quen, evidentemente, ten impacto sobre a economía. A crecente ofensiva do pais hexemónico na globalización neoliberal (Estados Unidos) contra a gran potencia emerxente (China) está conducindo a que non poucos países relevantes na xeopolítica mundial (Irán, Turquía, India....,) constrúan pontes e amplíen e os seus lazos comerciais con China. O mesmo está pasando con un número crecente de países periféricos de África e Latinoamérica. Son movementos que teñen implicacións e que, xa que logo, configuran unha nova mundialización económica agora multipolar ou cando menos bipolar que, con total seguridade, será distinta da anterior e con novas regras.
Da importancia estratéxica que están alcanzando estes cambios en marcha da conta a inquietude que parecen mostrar os lideres das grandes potencias que foran ferras defensoras da anterior globalización. Na última xuntanza do Foro Económico Mundial (22/26 de maio de 2022), que como se sabe foi sempre un baluarte da globalización neoliberal, os países asistentes non puideron evitar recoñecer o "fracaso da globalización e a necesidade de cambiar as regras anteriores". Cambios que, por caso, "supoñan políticas industriais destinadas a aumentar as capacidades de produción dos países". Unhas declaracións que, como podemos ver, van en contra da biblia neoliberal ("expansión libre do comercio e dos fluxos de capital") que estes países defenderon durante as últimas décadas.
Pero non nos fagamos ilusións por que as inercias, e os grupos de presión seguen sendo moi poderosos e si ben nesta xuntanza de Davos se recoñeceron os fallos da globalización neoliberal non se aproveitou a ocasión para "reflexionar seriamente sobre as decisións e as políticas que levaron ao mundo a onde está hoxe" polo que "agora que a globalización acadou a súa cima, so nos queda agardar que xestionemos a súa caída mellor que xestionamos o seu ascenso" (Joseph Stiglitz: "Entender bien la desglobalización").
As evidencias apuntan a que estamos diante dunha destrución das cadeas de subministros globais, un bloqueo do comercio mundial e unha detención dos movementos de capital que conducen a fallos nas cadeas mundiais do valor de forma que aínda que non se poda dicir que esteamos no definitivo final da globalización neoliberal este si parece inevitable. Un final do que non se pode acusar en exclusiva a pandemia e a guerra en Ucraína a pesares dos indubidables impactos das mesmas, por que os cambios xa veñen de mais atrás. Por caso, tanto a caída do comercio internacional como a ruptura das cadeas de valor globais -obtención de materias primas, transformación das mesmas en bens, deseño e comercialización- comezaran antes da pandemia. Unha caída do comercio na que xogan un papel fundamental as políticas proteccionistas que, por caso, ven adoptando Estados Unidos co gallo de facer fronte a capacidade competitiva de China e que outros países relevantes están secundando. Unhas políticas proteccionistas que se xustifican en base a necesidade de recuperar a anterior potencia industrial.
Unhas políticas proteccionistas que se acompañan da posta en cuestión de acordos comerciais anteriores que foran impulsados pola OMC e que tan decisivo papel tiveran na consolidación do globalización neolilberal. Unhas políticas que están tendo como resposta a creación de novas relacións comerciais internacionais como, por caso, sucede entre os países do leste. Velaí, por caso, tanto a potenciación da Ruta da seda como o acordo comercial INSC, que pola dimensión comercial e territorial dos países implicados van a traer indiscutibles cambios no comercio internacional e, por iso mesmo, na economía mundial e un posible desprazamento do centro de gravidade a Oriente.
As crecentes ameazas estadounidenses a China fai que a chamada Ruta da Seda (BRI) tome maior relevancia. Estamos diante dun descomunal proxecto estratéxico destinado a promover o comercio -ao través de tres grandes rutas comerciais: unha terrestre formada por seis corredores internacionais, outra marítima e unha terceira dixital- entre Asía, Oriente Medio, Europa e Africa. Para moitos expertos supón un dos maiores proxectos globais de infraestruturas da historia, que ten a China como principal motor económico e comercial pero que implica a 70 países de tres continentes (Asia, Europa e Africa). Un proxecto que por mor da COVID sufriu unha certa parálise pero que segue estando aí e que Pequín espera lle sirva para mostrar ao mundo que pode xogar o papel de líder que os Estados Unidos coa volta a políticas proteccionistas non parece nin disposto nin en condicións de asumir. Unha estratexia china a longo prazo que Occidente non debera minusvalorar e menos Europa dada a súa actual dependencia de China en sectores estratéxicos.
A guerra en Ucraína, e as decisións adoptadas pola OTAN de illar a Rusia, están favorecendo que o proxecto de crear unha ruta comercial Rusía-Irán-India (INSTC: Corredor de Transporte Internacional Norte-Sur), para o transporte de mercadorías por barco, ferrocarril e carreteiras entre India, Irán, Afganistán, Azerbaiyan, Rusia e Asía central e Europa tome novos e relevantes folgos. Un proxecto que supón, xunto a citada Ruta da seda, e tendo en conta o potencial estratéxico dos países en cuestión (reservas de petróleo, gas, minerais...), un ascenso das economías emerxentes tal que pon en cuestión hexemonías anteriores ao modificar, por caso, as anteriores cadeas de valor nos subministros.
Non menos relevancia nesta desglobalización está tendo a situación do deica hoxe estratéxico mercado de petróleo -autentico sostén enerxético da actual globalización- por mor tanto de que a súa produción está definitivamente minguando -segundo a AIE cada vez lle resulta mais difícil cubrir unha demanda en cifras récord: "o mercado está chegando ao seu límite"- como a que as empresas petroleiras agochan graves problemas financeiros. Problema enerxético que se agrava pola evidencia de que as enerxías alternativas -as renovables, maiormente- non son quen de substituílo completamente algo que, indiscutiblemente, afectará tanto a produción como ao transporte e, xa que logo, ao actual volume de comercio mundial. Finalmente non podemos perder de vista a situación do mercado de crédito no que as débedas (públicas e privadas) con cifras record (350% PIB mundial), teñen un peso cada vez mais relevante. Unha situación que indiscutiblemente afectará a oferta monetaria mundial e, en consecuencia, tanto a un comercio internacional que require de medios financeiros como as grandes empresas cuxo financiamento será agora moito mais difícil e custoso o que afectará a competencia empresarial (Lucía Barcena, Luis Gonzalez Reyes: "Ha empezado el fin de la globalización?")
Evidentemente que resulta moi difícil de asegurar con rotundidade como se resolverán definitivamente estes problemas da economía mundial, moito mais cunha guerra en Ucraína de final hoxe imprevisible, pero o que si parece indiscutible é que "a globalización só volverá cando o capitalismo gañe unha nova oportunidade baseada nunha rendibilidade mellorada e sostida. Parece pouco probable que iso suceda cando temos no horizonte outra recesión e tal vez mais guerra". (Michel Roberts: "The Next Recesión")