O fracaso do hospital de Vigo

A comarca de Vigo -con máis de 600 mil habitantes- precisa, desde hai tempo, un novo hospital. O actual Hospital Xeral quedou pequeno xa na década dos oitenta. A integración, daquela, na rede asistencial do hospital privado Povisa (que atende a península do Morrazo e parte de cidade), mediante un concerto particular custosísimo, representou un atranco para a construción do hospital central que a poboación precisa e demanda.

O goberno progresista (2005-2009) deu os pasos precisos, coa participación dos profesionais e da cidadanía, para impulsar a construción do novo hospital

O goberno progresista (2005-2009) deu os pasos precisos, coa participación dos profesionais e da cidadanía, para impulsar a construción do novo hospital. Foi constituída unha Sociedade Pública de Investimentos (SPI), que sería a encargada de xestionar e financiar o proxecto de construción, que estaba previsto iniciar en 2009 para concluír en 2013. A viabilidade económico-financeira do proxecto estaba garantida.

 

Cando o Partido Popular ocupou o poder na Xunta paralizou este proxecto e substituírono por outro que utiliza o modelo PFI (Iniciativa de Financiamento Privado)

Mais cando o Partido Popular ocupou o poder na Xunta paralizou este proxecto e substituírono por outro que utiliza o modelo PFI (Iniciativa de Financiamento Privado). Este sistema de concesión, empregado hai anos no Reino Unido para a construción e xestión dos hospitais, ten demostrado ser menos eficiente e máis caro que a xestión pública. Provoca o deterioro da calidade asistencial, xera problemas na xestión dos hospitais e representa un paso importante de cara á privatización da sanidade. No caso de Vigo, ademais, ao proxectar un hospital máis pequeno do previsto, reforza a presenza e continuidade de Povisa na rede asistencial como hospital de referencia para unha parte importante da poboación da comarca.

Así pois, o novo hospital de Vigo será máis pequeno, moito máis caro, de peor calidade construtiva e vai significar unha severa carga hipotecaria para a Consellería, que terá que pagar durante dúas décadas. Queda secuestrada unha partida importante do orzamento sanitario e o Sergas fica refén da empresa concesionaria. Unha vez construído o edificio, a empresa cobrará un canon anual á Administración en función da poboación atendida e explotará os negocios que se crean arredor dun hospital (seguridade, aparcadoiros, limpeza, mantemento, hostalería etc). Os gobernantes de Galicia coñecen, con toda certeza, o nefasto impacto económico e social producido por estas iniciativas en Valencia e Madrid –que teñen a sanidade pública na ruína-. Se, con todo o sabido, seguen o mesmo camiño non poden aducir ignorancia. Saben a donde nos levan pero non desviaron o seu traxecto porque hai intereses cruzados coas empresas concesionarias que ven na sanidade unha oportunidade de negocio.

O novo hospital de Vigo será máis pequeno, moito máis caro, de peor calidade construtiva e vai significar unha severa carga hipotecaria para a Consellería, que terá que pagar durante dúas décadas

A UTE (Unión Temporal de Empresas) que obtivo a concesión está integrada por construtoras en bancarrota e bancos arruinados. A Consellería de Sanidade adxudicou o contrato a un consorcio constituído polas construtoras Acciona, Puentes y Calzadas, Altair Ingeniería y Aplicaciones, OCA (Obras, Caminos y Asfaltos) e por Conccesia Cartera na parte financeira (formada polo grupo Ribera Salud, Caja de Ahorros del Mediterráneo e Bancaja –agora integradas en Bankia-). Este banco ven de recibir preto de 24.000 millóns de euros de diñeiro público, o que representa o maior rescate dunha entidade bancaria na historia de España.

 

O informe técnico necesario para a adxudicación da obra elaborouno a consultora PwC (onde traballou De Guindos). O Sergas pagoulle por este traballo 220.000 euros

O informe técnico necesario para a adxudicación da obra á mencionada UTE  elaborouno a consultora PwC (onde traballou De Guindos como xefe de servizos financeiros despois de abandonar Lehman Brothers, e onde aínda traballa a filla da conselleira). O Sergas pagoulle por este traballo 220.000 euros, aínda que o informe non aparece no expediente completo solicitado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, polo que os defensores da sanidade pública sospeitan que tal  informe non existe.

Neste tipo de proxectos as empresas adxudicatarias utilizan diversos mecanismos para obter máis beneficios. Un deles é realizar sucesivas modificacións sobre o presuposto inicial. A UTE do novo hospital de Vigo xa deu o primeiro aviso no mes de xuño: despois de facer a cimentación reclamoulle ao Sergas un sobrecuste de 8 millóns de euros por ter que improvisar solucións na obra “ante a falla do estudio xeotécnico do solar”. Entenden que o estudio debía ser facilitado polo Sergas como promotor da obra. 

 

Neste tipo de proxectos as empresas adxudicatarias utilizan diversos mecanismos para obter máis beneficios. Un deles é realizar sucesivas modificacións sobre o presuposto inicial

Pero a maior sorpresa deuse a coñecer a finais do mes de agosto. A prensa deu noticia de que ningún banco accede a prestar diñeiro para o novo hospital. A propia concesionaria confesaba nun escrito que “a día de la fecha -4 de julio-, transcurrido más de un año desde la adjudicación del contrato, el acceso a la financiación bancaria se ha visto cerrado”. A UTE é incapaz de obter nos mercados financeiros os créditos necesarios para continuar a obra que iniciaron co 20% do financiamento previsto, con recursos propios da concesionaria. Así pois, a obra está parada. De feito, no lugar da obra apenas hai actividade. Segundo os sindicatos xa cortaron máis de cincocentos contratos e só quedan alí uns 50 traballadores que se dedican a tarefas de mantemento, sen que a construción avance de ningún xeito.

Todo parece indicar que este proxecto xa naufragou, como tantos outros iniciados durante o mandato de Núñez Feijóo

Todo parece indicar que este proxecto xa naufragou, como tantos outros iniciados durante o mandato de Núñez Feijóo. A convulsa situación que viven as entidades bancarias non lles permite participar nun negocio de porvir tan incerto como este. Os partidos da oposición xa reclaman o rescate para a financiamento pública da obra e a xestión do novo hospital de Vigo. SOS Sanidade Pública ten feito numerosas manifestacións nese mesmo sentido. Haberá que volver atrás e reiniciar o camiño que se truncou no 2009 coa chegada do Partido Popular ao poder. Pero xa provocaron un dano irreparable á poboación da comarca de Vigo. Perdéronse catro anos por querer converter a sanidade nun espazo de negocio na vez de procurar o beneficio dos cidadáns. Quen vai pagar este atraso?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.