Aínda que non nos guste, a maioría absoluta obtida polo Partido Popular o pasado 21 de outubro non é precisamente unha gran sorpresa. Se ben se ten destacado o feito de que Feijoo sexa un dos poucos dirixentes europeos que non acusa o desgaste da crise, hai varios factores que explican –baixo o meu punto de vista- a súa reelección. O principal é sen dúbida a incapacidade dos demais partidos políticos de presentar unha alternativa sólida e crible, e nomeadamente do PSOE por ser o partido que ineludiblemente tería que encabezar dita alternativa nesta ocasión. A vitoria de Feijoo, na que influíu o interesado adianto electoral, é máis que nada unha derrota da oposición. O feito de que AGE, unha coalición formada apenas catro semanas antes dos comicios, se convertera na terceira forza no parlamento así o acredita. Os resultados de AGE descansan en boa medida na atractiva e oportuna figura de Xosé Manuel Beiras así como en ser quen de ler o profundo cabreo diante da situación actual dunha parte da cidadanía, en particular da xente máis moza. Dalgún xeito os cidadáns galegos premiaron a quen consideraban que mellor oposición podía facer, ante a falla dunha alternativa sólida de goberno.
Lía vai pouco tempo no facebook dun amigo que mentres a metade da poboación está moi asustada co que está sucedendo, a outra media está moi indignada e reclama mudanzas radicais
En segundo lugar, á hora de explicar estes resultados é ineludible ter moi en conta a profunda crise económica e política que estamos a vivir tanto no noso país como noutros países Europeos. Lía vai pouco tempo no facebook dun amigo que mentres a metade da poboación está moi asustada co que está sucedendo, a outra media está moi indignada e reclama mudanzas radicais. Voume permitir matizar dita reflexión apuntando que a segunda metade é significativamente máis pequena que a primeira, como vimos de ver no caso galego e como, non neguemos a evidencia, acontece en dous dos Estados máis castigados pola crise: Grecia e Portugal. Nos dous, ao igual que en Galicia, gobernan forzas conservadoras porque así o decidiron –cos matices que queiramos- as súas respectivas cidadanías. A vella Galicia replica dese xeito os comportamentos conservadores da vella Europa, da maioría cidadá que ve con tremenda preocupación o que está acontecendo pero que antes de iniciar aventuras incertas escolle malo coñecido, canto menos mentres o deterioro social e económico non sexa moi superior ao actual. É por iso que resulta absurdo botar man, á hora de explicar os pasados resultados electorais, dunha suposta anomalía galega ou dos típicos tópicos da carretaxe e do caciquismo. Créanme, veño dun concello onde goberna o PP por ampla maioría dende hai máis de 16 anos, e podo afirmar que os cidadáns votan absolutamente libres e conscientes do que queren votar, dende os máis novos aos máis vellos.
Para que se produza unha mudanza política en Galicia ao igual que no resto de Europa son necesarias alternativas cribles, sólidas e non rupturistas, nin na súa forma nin no seu fondo
Como corolario dos dous factores que vimos de apuntar, a miña opinión é que mesmo nunha situación de fonda crise como a actual, para que se produza unha mudanza política en Galicia ao igual que no resto de Europa son necesarias alternativas cribles, sólidas e non rupturistas, nin na súa forma nin no seu fondo. Guste ou non, estes son os vimbios cos que hai que facer o cesto.
A refundación do nacionalismo político e a fin do modelo frontista
O ascenso de AGE veu a demostrar que había vida para o nacionalismo fóra do BNG, tal e como moitos apuntamos cando tomamos a decisión de saír desa organización
A maiores de corroborar que os cidadáns galegos escollen malo coñecido, a outra grande consecuencia do 21 de Outubro é a ratificación de que estamos diante dun punto de inflexión na historia recente do nacionalismo galego. O BNG veu acentuado, dun xeito dramático, o declive iniciado xa en 2001, últimas eleccións nas que por certo Xosé Manuel Beiras concorreu como candidato da fronte á Xunta de Galicia. O ascenso de AGE veu a demostrar que había vida para o nacionalismo fóra do BNG, tal e como moitos apuntamos cando tomamos a decisión de saír desa organización. Pola súa banda, Compromiso por Galicia non foi quen de facerse sitio nestas eleccións debido tanto ao descoñecemento das súas siglas e dos seus líderes como, sobre todo, por verse literalmente arrollada polo papel estelar de Beiras e AGE durante a campaña electoral. A pesares dos nosos esforzos, os votantes coñecedores e mesmo simpatizantes da nosa proposta electoral optaron racionalmente polo voto útil a AGE e en menor medida ao BNG.
É difícil soster a pertinencia de que convivan nunha mesma organización persoas e partidos de ideoloxías tan dispares como podían ser no seu momento o PNG e a UPG
Sexa como for, o principal damnificado do 21 de outubro é ao meu humilde ver o mantra mil veces repetido da “necesaria unidade do nacionalismo”. Dita unidade, concretada no papel do BNG até xaneiro pasado, fundamentárase no eido teórico nun relato seudocolonial do país que requiría unha resposta frontista e multipartidaria, ao estilo dos países subdesenvolvidos que acadaron a independencia no século pasado. Por certo, outra volta, non deixa de ser paradoxal que fora o profesor Beiras un dos autores que establecera as bases teóricas desta visión. A realidade, como xa nos viñan advertindo os galegos elección tras elección, é que ese relato non é o acaído para o país que temos. Por extensión, é difícil soster a pertinencia de que convivan nunha mesma organización persoas e partidos de ideoloxías tan dispares como podían ser no seu momento o PNG e a UPG. Era unha situación practicamente sen par, tanto noutras nacións do Estado como de Europa.
Cómpre por tanto reinventar o nacionalismo político, ou se se quer, a expresión política do feito nacional galego, sobre outras bases ben diferentes. Anova, BNG e Compromiso terán nestes meses que veñen que clarificar cal é o seu proxecto para este país, as persoas que lideren no inmediato ditos proxectos así como o seu target en termos electorais. Evidentemente este exercicio autónomo non tería porque impedir no medio prazo o establecemento de alianzas electorais entre estas organizacións, tanto por unha cuestión táctica de aritmética electoral como por razóns de tipo estratéxico. Mais a unidade orgánica non semella nin posible nin desexable, dadas as lexítimas e razoables diferenzas ideolóxicas e de praxe existentes entre estas organizacións.
Na parte que nos toca a CxG coido que o camiño non pode ser outro que o de situarnos en fórmulas nidiamente socialdemócratas, convenientemente adaptadas á realidade actual e conscientes do profundo debate que se está a vivir no seo da socialdemocracia europea
Na parte que nos toca a CxG coido que o camiño non pode ser outro que o de situarnos en fórmulas nidiamente socialdemócratas, convenientemente adaptadas á realidade actual e conscientes do profundo debate que se está a vivir no seo da socialdemocracia europea. Dito debate refírese ao xeito concreto de garantir o acceso aos servizos básicos de Estado de Benestar, aos formatos de intervención na economía para acadar os obxectivos de estabilización, redistribución da riqueza e de promoción dun modelo de desenvolvemento medioambientalmente sostible. Debemos dirixirnos ao conxunto da sociedade, pero as clases medias urbanas e en particular os novos sectores de profesionais de índole diversa deben ser obxecto de especial atención. Nas coordenadas nacionais, Compromiso debe falar sen rubor de galeguismo, establecer un relato positivo da experiencia do autogoberno e adoptar unha estratexia reformista no camiño cara maiores cotas de soberanía no seo do Estado e da Unión Europea. Finalmente, as fórmulas de rexeneración democrática e apertura organizativa que viñemos practicando na nosa curta historia de vida, máis alá do asemblearismo fácil, deben ser marcas identificativas que debemos coidar e promocionar.
Sen dúbida un camiño cheo de dificultades pero tremendamente apaixonante. Aí estaremos.