Abrir o xornal cada día convértese nun acto heroico por denigrante: cada día máis imputados no panorama financeiro galego, o prezo dos alimentos, da luz e do gas encarecéndose, a invención do canon da auga para asfixiarnos un pouco máis se cadra, os recortes salvaxes en sanidade e educación, en fin, que da cultura xa sería mellor non falar. A Fundación Cela, que desastre, cantos cartos de subvencións –cartos de todos nós– empregados para que a súa presidenta levase unha vida a todo tren en Madrid mentres que o legado do único premio Nobel galego apodrece en Iria Flavia ou no monte Gaiás… E entre tanto mofo, hai que salvar a fundación e hai que salvar o euro! Moi ben, e quen nos salva a nós?
“Sempre nos quedará a literatura”, como dicía aquela muller que tivo catro fillos seguidos e que aseguraba, puido sobrevivir a aqueles axitados anos de crianza grazas á lectura de libros
“Sempre nos quedará a literatura”, como dicía aquela muller que tivo catro fillos seguidos e que aseguraba, puido sobrevivir a aqueles axitados anos de crianza grazas á lectura de libros que a evadían da tolemia na que se convertera a súa existencia. Será por tantos desalentos que estes días non podo deixar de pensar no libro de J.D. Salinger cuxo título orixinal é The Catcher in the Rye (O Gardián entre o Centeo). A súa primeira edición data de 1945 pero coido que está de rabiosa actualidade. Moito se ten falado desta obra ata converterse nun obxecto literario de culto. A maioría dos comentarios que teño lido acerca dela afirman que é unha novela que retrata como ningunha outra esa difícil e controvertida etapa do ser humano chamada adolescencia.
Para min é un libro extraordinario que supera con creces esta visión simplificada. Son algo máis de 200 páxinas que resumen a sociedade de consumo occidental, con todas as súas eivas éticas e morais, esas que seguramente, ao longo das sucesivas décadas, nos teñen levado á situación actual, xa non de impás senón de regresión que estamos a padecer. Dende John Updike ata Michel Houellebech, pasando por algunhas boas novelas de Ian McEwan, a fatiga vital e a propia existencia humana son examinadas de xeito descarnado, despiadado, a través da literatura.
Pero a visión de Salinger, por ser case pioneira, leva a palma. O protagonista, un rapaz adolescente dunha familia de clase media norteamericana vai de internado en internado tratando de superar a morte dun irmán e o baleiro existencial que esta lle provoca. A incapacidade dos seus pais de entendelo e a conseguinte falta de apoio que precisa fan que, durante un Nadal, deambule solitario polos recunchos máis sórdidos e escuros da sociedade na que se sinte atrapado, tratando de procurar un plan alternativo á súa existencia, nun intento desesperado de fuxida cara adiante que o deixará esgotado e maltreito co único consolo do amor da súa irmá pequena que representa a inocencia nun mundo desquiciado. Pero será el o que remate internado nun psiquiátrico.
Porque Holden cre na verdade, na beleza e no amor e non sinte ningún respecto polas convencións sociais que agochan as miserias dos individuos, aborrece as conciencias adormecidas. Pero ama profundamente a literatura, as verbas
É por iso que o protagonista d'O Gardián entre o Centeo non só asume as pautas de comportamento que poderíamos cualificar como normais da personalidade dun adolescente, senón que amosa un comportamento nihilista que demostra unha visión moi madura da realidade ao sentirse impotente perante as inxustizas que a vida lle plantexa: un sistema educativo obsoleto e clasista do que é víctima, un xeito excesivamente competitivo de relacionarse cos compañeiros, un fracaso amoroso por mor de estúpidos prexuízos, a falla de comunicación cos proxenitores, e unha admiración tenra pola infancia, polos cativos que representan a inocencia do ser humano, a materia de que están feitas as persoas aínda sen perverter. En definitiva, un lugar cedido á esperanza, unha mostra de que un futuro mellor é sempre posible.
Holden Caulfield –probablemente alterego do propio Salinger– asume un nihilismo que expresa unha crítica política e cultural e pon en entredito os valores e as crenzas da súa sociedade. Porque Holden cre na verdade, na beleza e no amor e non sinte ningún respecto polas convencións sociais que agochan as miserias dos individuos, aborrece as conciencias adormecidas. Pero ama profundamente a literatura, as verbas.
Vivimos nun mundo de mentiras onde a destrución do estado de benestar é denominado polo goberno español como un “conxunto de reformas económicas”, o rescate é unha “inxección de liquidez”, a suba do IVE é unha “redistribución de impostos”
Vivimos nun mundo de mentiras onde a destrución do estado de benestar é denominado polo goberno español como un “conxunto de reformas económicas”, o rescate é unha “inxección de liquidez”, a suba do IVE é unha “redistribución de impostos”, e así sucesivamente. Non lles queda nin unha soa promesa eleitoral por incumprir. Por iso precisamos tanto a literatura, para que nos devolva a cordura, para distinguir mellor as mentiras, para que os corvos que se comen o centeo se absteñan de facelo, para multiplicar os gardiáns entre as promesas e que non nos falte o pan. Que non nos quiten nunca as palabras!