O glorioso Centro Galego de Bos Aires está sendo envelenado polo actual goberno do presidente Macri. Ata hai ben poucos anos mantiña a súa dignidade. Había problemas pero os seus directivos aínda levaban dentro un forte sentimento identitario que os facía comprometerse na salvagarda do esforzo emigrante. Na esquina de Belgrano e Pasco estivo a máis importante escola impartidora de amor a Galicia no exterior. Durante máis dun século os nosos descendentes enchían o seu peito de orgullo xa que formaban parte da estirpe xenerosa dos sementadores de solidariedade na beira riopratense.
Na esquina de Belgrano e Pasco estivo a máis importante escola impartidora de amor a Galicia no exterior
A desfeita comezou despois das eleccións celebradas o 29 de agosto de 2010. As urnas deciden que o presidente sexa Carlos Alberto Vello Pombo –-o pai de Covelo e a nai de Ordes--- candidato apoiado por dúas agrupacións: “Unión Gallega” e “Galicia”. A mesma noite electoral e pensando nos socios, expresou: Estoy muy ilusionado porque renazca en todos y en cada uno de ellos la esperanza por el Centro Gallego que quieren y necesitan. O novo presidente comeza moi animado a traballar para asinar convenios con obras sociais para prestar servizos que acheguen ingresos e tamén negocia coas autoridades públicas acordos de prórrogas para o pagamento da grande débeda da entidade.
Sen deixarlle tempo a Vello para avanzar na busca de solucións, recibe o golpe da demisión dos membros da Xunta Directiva
Sen deixarlle tempo a Vello para avanzar na busca de solucións, recibe o golpe da demisión dos membros da Xunta Directiva que representan as tres agrupacións (“Celta”, “Breogán”, “A Terra”) que perderan as eleccións. Deixan só a un presidente que necesitaba estar ben arroupada porque a crise era moi fonda. Unha gran débeda e moitas baixas sociais e un gasto excesivo en salarios xa que o números de empregados era de arredor dos 1500. A saúde de Vello vai mal e sofre unha doenza pola que ten que estar ser internado e logo demite. Hai que lembrar a lamentable actitude dos empregados que chegaron a petar nos bombos polos corredores do hospital para protestar polo retraso no pago dos seus soldos.
O 25 de outubro de 2012 asume como interventor xudicial Carlos La Blunda Criado en representación del INAES (Instituto Nacional de Asociativismo e Economía Social). As autoridades electas quedan desprazadas por mandato xudicial. Nunha entrevista expresa que “el objetivo es regularizar la situación económica y poder volver a convocar a elecciones porque el Centro Gallego es una mutual que funciona con un sistema electoral”. Hai que suliñar que grazas aos cartos do INAES foi posible que os traballadores cobrasen o seu salario. O interventor tiña moi boas intencións pero a grande maioría dos directivos non axudaron para que a súa difícil tarea fose máis levadeira. Puido conseguir un aumento na ocupacion de camas que pasou das 130 as 200. As críticas eran constantes e de carácter político: ¡Mirá lo que nos mandó la chorra de Cristina! Ahora tenemos un montonero en el Centro Gallego.
A maioría dos directivos do Centro Galego votaron a don Mauricio e por tanto están felices e contentos. Os nosos alegres paisanos votaron a quen nunca gañou un peso de forma honrada
O 22 de abril de 2016 asume como interventor xudicial Martín Moyano Barro. Hai un novo goberno nacional presidido por Mauricio Macri. A maioría dos directivos do Centro Galego votaron a don Mauricio e por tanto están felices e contentos. Os nosos alegres paisanos votaron a quen nunca gañou un peso de forma honrada. Está imputado en múltiples causas xudiciais. Hai uns días foi denunciado por “fraude en perjuicio de la administración pública y negociaciones incompatibles con el ejercicio de funciones públicas”. Con Moyano todo ía ben. Sen problema ata que organizou unhas eleccións truchas (amañadas) cunha lista irregular que incluía a varios candidatos non habilitados por non ter a antigüidade mínima esixida segundo os estatutos sociais. A mafia macrista actúa sempre así pero os nosos alegres paisanos están anestesiados polos moi competentes lavadores de cerebro da prensa corrupta do dúo “Clarín & Nación”. Un valente socio denunciou no xulgado. Non sei eu se irá adiante a demanda xa que nos tribunais hai un grupo que responde aos intereses coimeros do réxime macricida.
Non hai que ser moi espelido para comprender que Moyano cumpre unha misión. O seu encargo é liquidar a mutualista de asistencia médica. A sección cultural non ten importancia. As valiosas obras de arte poden ir todas para un almacén xa que negocio está en dispoñer das máis de 300 camas do hospital. Sendo o actual goberno un inimigo declarado da saúde pública non entendo as queixas de algúns socios de que Moyano os enganou. Eu digo que non houbo engano. Foron beber grandes doses de veleno macrista para deixar de vivir por enriba das súas posibilidades. Don Mauricio fala de “sinceramiento de la economía” e quizais teña razón xa que a actual colectividade galega non merece ser propietaria dun hospital de calidade na céntrica esquina de Belgrano e Pasco.
A sección cultural non ten importancia. As valiosas obras de arte poden ir todas para un almacén xa que negocio está en dispoñer das máis de 300 camas do hospital
Non o sei, poida que Macri sinta envexa polo éxito dos vellos emigrantes galegos. O que está confirmado é que despreza a quen traballa e cumpre coas obrigas fiscais. Hai que desculpar a don Mauricio. É fillo dun destacado malandraestafador que andaba metido en ilegais calabresadas roubando aquí e acolá. O triste é ver a ringleira de galaico-porteños que se xuntaron coa Porcallada Macrista para esmagar aos que menos teñen. Desexan ser millonarios pero sen pagar impostos que manteñan aos preguiseiros. A súa túzara mentalidade fainos incapaces de recoñecer os erros e sorprende moito que nin sequera lle fixeron o convite ao ministro de Saúde Pública para que visite o Centro Galego. Estes activos criticadores do goberno anterior son agora mansos cordeiriños que non piden nada. Tampouco fan propostas para a continuidade do histórico Centro Galego.
Desde o 10 de decembro de 2015 afundiron na miseria a millóns de cidadáns pero souberon encher de feixes de dólares as súas alforxas en Panamá e Suiza. O veleno do autoritarismo está moi presente nos máis altos cargos do goberno
O certo é que os votos dos cínicos odiadores de orixe galega axudaron a poñer na ponte de mando da República Arxentina a un grupo ilícito de queimados empresarios. Desde o 10 de decembro de 2015 afundiron na miseria a millóns de cidadáns pero souberon encher de feixes de dólares as súas alforxas en Panamá e Suiza. O veleno do autoritarismo está moi presente nos máis altos cargos do goberno. Posúen unha especial protección mediática que lles permite manifestan calquera barbaridade ofensiva contra dos intereses maioritarios da poboación. O ministro de Educación dixo diante dun micrófono que “hay que crear argentinos y argentinas que sean capaces de vivir en la incertidumbre y disfrutarla”. Hai que entender ben ao inmoral ministro. Está dicindo que se debe de aceptar a miseria pero sen queixarse. Non me cabe na cabeza que as palabras do ministro sexan recibidas con beneplácito por parte dos emigrantes galegos. O que corresponde é unha denuncia formal nos organismos internacionais que se ocupan da salvagarda dos dereitos humanos.
Estou convencido de que o goberno de Macri non está preocupado polo futuro do Centro Galego de Bos Aires. O que está buscando é o xeito de pechar as portas sen facer barullo
Estou convencido de que o goberno de Macri non está preocupado polo futuro do Centro Galego de Bos Aires. O que está buscando é o xeito de pechar as portas sen facer barullo. Por se aínda quedan inxenuos, vou informar de que o interventor Moyano estivo hai uns días en Madrid para reunirse co ex director xeral de Hospitais da Comunidade de Madrid. Estou a falar de Antonio Burgueño Carbonell que é moi coñecido pola súa nefasta xestión administrativa no Centro Galego. Hai que engadir que Burgueño foi denunciado nos tribunais de xustiza por falsidade documental, fraude, prevaricación e malversación de fondos públicos. Poida que Moyano necesite do asesoramento deste especialista de escuro pasado ou tamén –-non quero ser malpensado--- que viñese para falar dos goles de Messi ou do adestrador Simeone.