O pasado mércores 19 de febreiro, Luís Villares anunciaba publicamente que non se presentaba ás eleccións primarias para encabezar a candidatura de En Marea ás eleccións autonómicas.
Era probablemente a súa última roda de prensa como portavoz de En Marea e político activo, antes da súa volta á Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Tras explicar os motivos diante das cámaras, enviou unha sentida carta á militancia da súa organización política, na que explicaba algunhas das razóns que o moveron a anunciar a súa “despedida”.
A noticia, non agardada, provocou reaccións dispares.
A maior parte delas, desde o Partido Popular ao BNG, desexáronlle o mellor e agradecéronlle con elegancia os servizos prestados ao país. Só algunhas voces do espazo da denominada esquerda ruturista manifestaron nas redes sociais a súa pública ledicia.
Unha persoa con prestixio social e profesional gañado a base de esforzo; un xuíz orgulloso das súas orixes humildes, arriscou moito pedindo a excedencia na maxistratura, connotándose así politicamente para o resto da súa vida no que segue a ser o Poder do Estado máis reaccionario
As moitas persoas que apoiamos e apreciamos a traxectoria de Luís, en cambio, experimentamos –máis unha vez– os sentimentos amargos que provoca o cheiro a queimado no hemisferio esquerdo da política galega.
Unha persoa con prestixio social e profesional gañado a base de esforzo; un xuíz orgulloso das súas orixes humildes, que arriscou moito pedindo a excedencia na maxistratura, connotándose así politicamente para o resto da súa vida no que segue a ser o Poder do Estado máis reaccionario; unha persoa que, tras demostrar compromiso e lealdade cun proxecto político, acepta a invitación a presentarse ás primarias para encabezar a candidatura de EM ás autonómicas do 2016... Unha persoa así, sufriu o tráxico destino de ser inmediatamente traizoada por quen o alentaron a lanzarse en paracaídas sobre o territorio hostil da esquerda rupturista.
Vou contar publicamente apenas un episodio, ao meu xuízo revelador, das graves deslealdades que recebeu Luís Villares desde o minuto 0.
Na Praza da Leña da Coruña, o 18 de agosto do 2016, día en que Luís se presentaba como candidato ás primarias no feudo da Marea Atlántica, fun testemuña dunha conversa na que un destacado dirixente de Podemos Galicia sentenciaba que “Luís non valía”, por ser demasiado de dereitas. Por ser “elitista”.
Escoitar aquela fatwa sobre o cabeza de cartel electoral de En Marea deixoume tan abraiado que nin puden demostrar a miña indignación: fiquei atónito. Non tanto polo irresponsable comportamento de quen consideraba unha persoa seria, nin pola enésima contemplación desa táctica tan vella de eliminar adversarios polo procedemento de alcuñalos de inimigos do povo, revisionistas, pequeno-burgueses, etc., senón sobretodo polo feito de que os dirixentes locais que alí estaban asentiron e consentiron a fatwa dun dirixente que xa naquela altura era polos seus vetos (ainda que, polo que acabei sabendo, a fatwa fora directamente lanzada desde Madrid). Tratábase de promover a un believer pringao para que puxera a cara no cartaz electoral, e logo desfacerse del, costar o que costar.
Se queremos superar unha das nosas eivas colectivas máis importantes –non aprendermos nin dos éxitos nin dos erros, teimarmos unha e outra vez nas mesmas fórmulas organizativas, nas mesmas consignas, nas mesmas estratexias –, toca reflexionar sobre o herdo político que deixa a experiencia “Luis Villares”
Tardaron tempo, e polo camiño desbaldiron a súa credibilidade política perante boa parte do seu electorado, como se viu nas eleccións locais do 2019. Mais conseguírono: Luis marchou elegantemente para casa o 19 de febreiro do 2020, consciente de que a súa traxectoria política, cos seus erros e acertos, xa dera todo o posible para o proxecto de En Marea.
Dous días depois, a coordinadora de En Marea decide non presentarse ás autonómicas para non dividir o voto progresista...e tamén o 21, as cúpulas de Unidos Podemos, Anova, Compostela Aberta e Marea Atlántica anuncian un principio de acordo sobre o reparto de postos sobre o que sustentar un terceiro remake da “unidade popular” ensaiada con AGE no 2012 e En Marea no 2016.
Así as cousas, a derrota de Luís Villares debe ter, con todo, algo de positivo. Se queremos superar unha das nosas eivas colectivas máis importantes –non aprendermos nin dos éxitos nin dos erros, teimarmos unha e outra vez nas mesmas fórmulas organizativas, nas mesmas consignas, nas mesmas estratexias –, toca reflexionar sobre o herdo político que deixa a experiencia “Luis Villares”.
Resumireino en cinco puntos:
1. O fracaso da impugnación das formas tradicionais de participación política que defendeu o 15-M en todo o Reino e, na Galiza, os sectores que marcharon do BNG en Amio-2012.
Durante os últimos cinco anos, esta dupla impugnacion foi finalmente neutralizada por declinacións ainda máis desoladoras, por cínicas, da tradición oligárquico-vanguardista de orixe leninista fraguada no interior da UPG, o BNG e do PCE, cuxo ADN herdaron tanto os núcleos dirixentes de Anova, Marea Atlántica ou Unidas Podemos. Canto máis se invoca a unidade popular, máis se acentúa o minifundismo de organizacións de concepción leninista, que reclaman para sí o monopolio da política lexítima para o país.
A dinámica política de construción da presunta Unidade Popular 3.0 que se fragua en poucos días para as autonómicas do 5 de abril demostra ser, máis unha vez, un proceso de arriba cara abaixo; e onde as decisións políticas esenciais tómanse contrarreloxo por catro persoas, xeolocalizándose as negociacións en móbiles ubicados nunha vivenda unifamiliar da zona residencial madrileña e nunha quinta da contorna compostelana.
2. Os pactos entre a esquerda española e a esquerda nacional galega acaban sendo hexemonizados pola esquerda española.
O liderado de Luís Villares supuxo un intento de construción dunha En Marea nidiamente focada ao servizo dos intereses da cidadanía galega. Porén, o intento dun cidadanismo centrado en Galiza intento colidiu doblemente, por unha banda, co férreo control implantado polas forzas de implantación estatal (Podemos e IU) e, por outra, coa vontade de o BNG monopolizar o espazo soberanista galego.
Após cinco anos de actividade de Podemos en Galicia, o liderado de AGE 3.0 é xa asumido directamente polo secretario xeral de Podemos Galicia, coa anuencia explícita de Anova e as mareas municipalistas. Podemos pasa a ser o pau do palleiro electoral arredor do cal se acubillan outras forzas electoralmente irrelevantes e en declive, e socialmente moi pouco representativas. Beiras e os ex alcaldes derrotados nas eleccións municipais do 2019 farán campaña como bos fetiches indíxenas, e, just in case, apañarán os quiñóns de cargos na Xunta de Galicia que o xefe central considere oportuno ceder ás comparsas aborixes.
Confírmase que os que comezaron ceibar consignas contra Luís Villares en agosto do 2016, traballaban para salvagardar os seus intereses persoais e, de paso, a hexemonía política de Pablo Iglesias no espazo rupturista galego...Confírmase tamén, que o famoso epílogo político de Xosé Manuel Beiras non é máis que a enésima fuxida cara as súas tendencias políticamente autolíticas, nun desesperado intento por alimentar un (falso) relato de sí mesmo como O único líder visionario capaz de programar o GPS para levar ao seu pobo ao destino da Terra Prometida.
3. Fóra do BNG non hai espazo electoral para o cidadanismo nacional galego...e dentro do BNG tampouco.
Non menos deprimente é a atitude de o BN-UPG non aproveitar as boas perspectivas electorais para recuperar a sintonía electoral con forzas galegas de raíz cidadanista, integrando no seu seo un continxente non desprezable do activismo social xurdido do crash do ano 2008.
O desprezo a calquera fórmula de coalición electoral con EM corrobora así que non hai interese ningún en actualizar –xa non digo superar– a proposta formulada en Riazor no 1982, a dunha fronte de liberación nacional dirixida e controlada pola UPG. A fórmula acuñouse nun frontón de maneira profética.
11 anos depois do comezo da operación “Papauntos”, a UPG está convencida de que a elección estratéxica escenificada en Amio é tan correcta, que está a piques de rendir inesperados frutos o 5 de abril: o soño húmido dun BNG que sobarde o 10% dos votos co control absoluto do Comité Central, grazas ao presunto apoio electoral por descarte dos arrepentidos dos experimentos cidadanistas. Para o BNG, a desaparición de Luís Villares servirá para ampliar a performance electoral coa mesma base social e as mesmas consignas de sempre, alimentando o (falso) relato do Partido como O único líder visionario capaz de programar o GPS para levar ao seu pobo ao destino da Terra Prometida.
4. A inconsistencia política estrutural do frontismo rupturista.
Cando escrebo estas liñas, está por redixirse o programa electoral que tal coalición quere defender perante a cidadanía. A improvisación de último minuto non é tanto costume como hábitat; a mellor expresión da súa volátil natureza politica de fondo.
Á vista dos precedentes, é difícil que “os segmentos máis conscientes” da cidadanía activa, que diría Beiras, podan acreditar na existencia dun proxecto político serio, capaz de entrar con solvencia nun tripartito de esquerdas se chega o caso da perda da maioría absoluta do PP. Se non se dar tal hipótese, é ben certo que para facer a oposición infantil que se fixo durante estes anos, o programa sobexa.
Para ben e para mal, a esta altura do 2020 o remake AGE Terceira Parte só ilusionará aos believers de estrita observancia: só eles desfrutarán escoitando da boca dos seus profetas orixinais esa colección de consignas rupturistas tan resesas como aldraxadas polos feitos obxectivos dos últimos anos.
5. Os liderados da política ruturista galega e o principio de Peter.
Quería exercer as súas propias responsabilidades como cabeza visible dun proxecto político, e por iso negouse a ser un incompetente en mans alleas.
Finalmente, a experiencia Luis Villares pon de manifesto que o principio de Peter (en calquera organización xerarquizada, todo empregado tende a ascender até o seu nivel de incompetencia) é quizá a chave explicativa que mellor expresa como o mundo ruturista selecciona os seus liderados.
Luis Villares era un líder competente: dotado dunha visión propia da realidade do país, consciente das limitacións estruturais existentes que se opoñen a unha política transformadora polo adestramento profisional no exercicio da potestade xurisdicional. Con certeza, carecía de adestramento nos arcanos da comunicación política e da xestión da “cociña”, e o contexto non foi propicio para ter un aprendizado tranquilo destas destrezas: Luis quería exercer as súas propias responsabilidades como cabeza visible dun proxecto político, e por iso negouse a ser un incompetente en mans alleas.
Esa foi a súa inxenuidade máis grave, nun país onde as forzas políticas de esquerda confirman unha e outra vez que os únicos liderados políticos sustentables son os que traballan por conta allea.