O líder político da Galicia moderna

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao Dominio Público Praza Pública

Cumpríuse este venres, 7-X, o 72 cabodano do pasamento en Bos Aires de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Castelao, canda Rosalía, son os principais persoeiros galegos da Idade Contemporánea. Rosalía como construtora espiritual da Nación. Castelao como líder político da Galicia moderna no século XX.

Malia as grandes remudas sofridas na Galicia e no mundo despois da súa morte é abraiante a actualidade do seu pensamento político

Malia as grandes remudas sofridas na Galicia e no mundo despois da súa morte é abraiante a actualidade do seu pensamento político. Soubo distinguir entre os seus alicerces ideolóxicos ( defensa da soberanía galega e do noso dereito a decidir) e a praxe estratéxica da conquista do Estatuto de Autonomía como solución do seu tempo ao encaixe autónomo de Galicia no Estado español. Defendeu un nacionalismo galego cívico e democrático, pacífico, integrador, europeísta e universalista, afastado de supremacismos e imperialismos. E, xa que logo, apostou pola unión confederal de Galicia, Euskadi, Catalunya, Castela e Portugal como parte constituínte duns Estados Unidos de Europa que construirían unha Unión Mundial dende valores de paz, humanismo, cooperación, multilateralidade e multipolaridade.

Bandeira do Consello de Galiza, que cubriu o cadaleito de Castelao, custodiada na RAG © Retrincos historia

Comprendeu tamén Castelao cuestións tan actuais hoxendía como a importancia de construir economía, Nación e sociedade democrática dende a industrialización e desenvolvemento económico baseado nos potenciais endóxenos galegos , a virtualidade do cooperativismo ou a importancia da recuperación do Dereito Civil galego. Defendeu sempre os valores da democracia liberal e refugou de solucións autoritarias de esquerda ou dereita, nunha época onde esa actitude política non era maioritaria..

Castelao é o grande líder pragmático que, canda Alexandre Bóveda, é quen de facer dun Partido Galeguista transversal e interclasista a vangarda que fixo posíbel conducir outras forzas políticas e sociais cara á aprobación plebiscitaria do Estatuto (28 de xuño de 1936) cun millón de votos favorábeis (case o 74% do censo electoral), superando os inxustos requisitos impostos polos gobernos republicanos de Azaña e Casares Quiroga.

No exilio bonarense Castelao fixo moitísimo con moi pouco. Soubo construir a alianza GALEUSCA con vascos e cataláns, dirixida a sobardar o marco constitucional republicano de 1931 para artellar unha República federal plurinacional. Constituiu o Consello de Galiza (novembro de 1944) cos deputados Elpido Villaverde, Alonso Ríos e Suárez Picallo, como institución fideicomisaria da vontade cidadá galega expresada nas eleccións de febreiro de1936 e no plebiscito estatutario de xuño de 1936. E ésta institucionalización da vontade cidadá galega foi chave para que accedese como ministro representante de Galicia como país no Goberno republicano no exilio de José Giral (1946-47).

O pensamento e a praxce política de Castelao seguen vixentes. 

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao © Pacheco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.