O lobo está dentro da casa. Sobre a vaga reaccionara e a dereitización dos partidos institucionais

Pedro Sánchez e Giorgia Meloni ©

Aquilo que a nosa xeración entendía como un mal do pasado está volvendo tomar forza. Os discursos reaccionarios avanzan e están comezando a transformarse en éxitos para a extrema dereita. A sorpresa e a indignación aflora nas tribunas socialdemócratas, que nos chama a votar para frear ao fascismo, pero a resposta non está sendo un aumento da súa capacidade para confrontalo

Hai un mes escoitabamos no Parlamento alemán un forte debate sobre migración. Neste, o bloque conservador (CDU/CSU) propoñía un control fronteirizo permanente, a aceleración das deportacións e maiores restricións en seguridade. A semana pasada as eleccións nese mesmo país pecháronse cun resultado amplamente favorable para estes discursos da dereita. Os conservadores alcanzaron o 28,5% dos votos e a extrema dereita duplicou o seu apoio. Un resultado que, lonxe de supor algo novidoso, sinala unha evidente tendencia que percorre Europa: a dereitización do conxunto dos partidos institucionais. Italia, Hungría, Portugal ou Francia xa son exemplos deste camiño e da axenda política que o acompaña. 

Mentres tanto, vemos nos E.E.U.U. como o sector máis reaccionario comeza a aplicar as medidas anti-proletarias e belicosas que prometera, afondando na axenda xa levada a cabo nos últimos anos por Biden. Son exemplo destas medidas a adaptación de Guantánamo para albergar a 30.000 migrantes irregulares, a petición de que os estados membros da OTAN aumenten os seus orzamentos militares a un 5% do PIB ou a defensa dunha limpeza étnica en Gaza.

Quen se poña diante dun xornal hoxe verá innegable que aquilo que a nosa xeración entendía como un mal do pasado está volvendo tomar forza. Os discursos reaccionarios avanzan e están comezando a transformarse en éxitos para a extrema dereita. A sorpresa e a indignación aflora nas tribunas socialdemócratas, que nos chama a votar para frear ao fascismo, pero a resposta non está sendo un aumento da súa capacidade para confrontalo. Como no conto infantil que todas coñecemos, Pedro leva tanto tempo dicindo que o lobo está vindo que termina amosándose cómplice da súa chegada. A esquerda parlamentaria, esa que liderou as protestas sociais nos últimos anos, vive hoxe -dun xeito máis ou menos evidente- un proceso de descomposición xeral que está alimentando ás forzas reaccionarias.

A clase traballadora hai tempo que vive unha ofensiva económica. Falamos dun momento histórico caracterizado por un recorte nas condicións de vida da maioría desposuída. Isto concrétase no saqueo aos seus salarios e aforros. Podemos observar o constante empeoramento dos servizos públicos, o asentamento da precariedade e temporalidade laboral ou mesmo a imposibilidade de acceder a unha vivenda

A clase traballadora hai tempo que vive unha ofensiva económica, a cal se vai intensificando nos últimos anos. Falamos dun momento histórico caracterizado por un recorte nas condicións de vida da maioría desposuída. Isto concrétase no saqueo aos seus salarios e aforros. Podemos observar o constante empeoramento dos servizos públicos, o asentamento da precariedade e temporalidade laboral ou mesmo a imposibilidade de acceder a unha vivenda. Unha sanidade deteriorada chega da man dun traballo inestable, dun recorte nas pensións e de infiltracións policiais nos movementos de base.

Os partidos institucionais véndennos que isto é tan só unha mala racha, que fai parte dun breve momento temporal que xa se solucionará. O certo é que existen diversas xeracións de proletarias que non coñecen outra realidade que non sexa a crise. Mozas que son incapaces de ver unha posibilidade de mellora nun mundo no que os telexornais abren diariamente anunciando outra “crise temporal”.

Para gran parte da mocidade traballadora a recesión do 2008 foi o primeiro momento no que tiveron que enfrontar esta realidade. Un momento no que se iniciou un ciclo político caracterizado polo xurdimento de partidos populistas que canalizaron institucionalmente as protestas levadas a cabo polos movementos sociais do momento. 

A ofensiva económica xeralizada e a masiva despolitización dos sectores tradicionais dos que vivía a esquerda, xeran o caldo de cultivo idóneo para eses lobos reaccionarios. Cando a saída progresista fracasa a saída reaccionaria aparece como a única vía para cada vez máis persoas

O resultado deste proceso é ben coñecido por todas. En primeiro lugar, a subordinación política da maioría dos movementos de base ao programa destes partidos e aos da esquerda tradicional que tanto rexeitaban. Tras isto, a integración no goberno e a incapacidade total de levar a cabo o programa que os levou ao ascenso. O resultado final: o descrédito total de quen dicía querer mudalo todo e rematou por ser unha triste decepción. Saben ben isto as veciñas da Coruña que viviron o desaloxo no 2018 da Insumisa baixo o goberno de Xulio Ferreiro, un deses “alcaldes do cambio”. Tamén quen se enfrontaba a desafiuzamentos diarios mentres escoitaba aos portavoces de Bildu berrar aos catro ventos que estaban prohibidos. 

O barco á deriva da socialdemocracia conduciu á renuncia política ás bases do anterior ciclo. Aquelas que depositaron no voto grandes esperanzas de cambio, hoxe non ven saída a uns males que, lonxe de ser solucionados, seguen vivindo en primeira persoa. 

Esta situación, a ofensiva económica xeralizada e a masiva despolitización dos sectores tradicionais dos que vivía a esquerda, xeran o caldo de cultivo idóneo para eses lobos reaccionarios. Cando a saída progresista fracasa a saída reaccionaria aparece como a única vía para cada vez máis persoas.

O fracaso dos proxectos progresistas é un dos factores que levaron a semana pasada a Weidel a acadar os mellores resultados históricos da formación alemá de ultradereita. Este éxito construíuse sobre as ruínas dun goberno de coalición progresista impotente ante a forte recesión económica que vive Alemaña, un país que toca por primeira vez neste século a caída do PIB por dous anos consecutivos. 

A reacción aparece na nosa sociedade cando, ante a posta en risco do nivel de vida das clases medias, as vías progresistas xa non parecen camiños seguros. Así, xeralízanse discursos que entenden que esta ofensiva é unha corrupción dunha orde natural harmónica (na que tiñan mellores condicións) e buscan culpables de dita alteración

A reacción aparece na nosa sociedade cando, ante a posta en risco do nivel de vida das clases medias, as vías progresistas xa non parecen camiños seguros. Así, xeralízanse discursos que entenden que esta ofensiva é unha corrupción dunha orde natural harmónica (na que tiñan mellores condicións) e buscan culpables de dita alteración. Resulta sinxelo rastreando estes discursos atopar sempre que os inimigos son as capas máis desposuídas da nosa clase. 

A forma máis común deste suposto inimigo na actualidade é o proletariado migrante. É exemplo o debate sobre migración en Alemaña co que abría este artigo, pero vemos que o racismo tamén está medrando nas vilas e cidades do noso territorio. Todo isto, mentres a semana pasada viamos como se atopaba un grupo de migrantes en Ordes nunha situación de absoluta miseria e sobre-explotación. De igual forma vemos como a axenda da extrema dereita chega a tódolos partidos, incluídos os progresistas. Así, mentres o goberno progresista carga contra a dereita non dubida en militarizar unhas fronteiras converténdoas nun cemiterio masivo de migrantes.

A lóxica que subxace a este proceso é a defensa da volta a unha orde xerárquica natural mediante medidas anti-proletarias. Unha orde na que certas capas da sociedade volven a un mellor nivel de vida a costa de ter aínda a moitos por abaixo delas: aos migrantes, ás mulleres, ás persoas LGBT...

As vías que se defenden para intentar volver a este momento están sendo o máis depreciables posibles e xeran un sentido común favorable a medidas amplamente autoritarias e represivas. Todo isto, complementa á ofensiva económica contra o proletariado cunha forte ofensiva política e cultural. 

Internacionalmente asistimos a unha expansión rápida destas ideas en todas as esferas das nosas vidas. A pregunta que non podemos seguir eludindo é: que ferramentas temos hoxe para confrontar a expansión das ideas reaccionarias?

O que se nos busca vender é que debemos volver a depositar a nosa confianza en estruturas socialdemócratas en completa descomposición. Os seus voceiros din que a nosa vitoria depende de resucitalas, mais non paramos de ver como elas van xirando cara á dereita co conxunto da sociedade. 

Levamos demasiados anos acudindo as urnas ante a ameaza dun lobo que xa se atopa dentro da nosa casa. Con todo, non podemos seguir confiando naqueles que lle terminaron por abrir a porta. Debemos ser nós mesmas, como clase, quen constrúa a ferramenta que nos permita botalo para sempre

No máis próximo vemos a ex-deputados do BNG saír en xornais a defender a todo pulmón a necesidade dunha policía galega e ao goberno progresista amosar lealdade á axenda belicosa de Europa. Afastando a mirada vemos como en Europa a tendencia está sendo a mesma. En Alemaña a antiga ministra de Exteriores dos Verdes (a quen Sumar apoiou) realizou unha defensa aberta do xenocidio contra o pobo palestino, un discurso que sostén tamén Die Linke. Tamén o antigo chanceler alemán defendeu, na portada dunha das revistas líderes en Europa, a necesidade dunha deportación a gran escala, achegando o seu discurso aos reaccionarios que di combater. 

En definitiva, vemos como todos os partidos institucionais, tamén a súa á esquerda, están vivindo un proceso de dereitización. Isto, sumado á descomposición das estruturas propias da nosa clase, déixanos nun estado de plena orfandade política. A tarefa de recompoñer unha verdadeira forza de oposición á reacción, ao sistema que a xera e aos políticos que o sosteñen; de volver a camiñar cara a construción dunha verdadeira alternativa política, parece hoxe complexa. Pero que outras vías nos quedan? Calquera outra cousa sería dobregarnos ante as forzas reaccionarias que percorren Europa. Sen confrontar o sistema que as xera, estas non van desaparecer.

Levamos demasiados anos acudindo as urnas ante a ameaza dun lobo que xa se atopa dentro da nosa casa. Con todo, non podemos seguir confiando naqueles que lle terminaron por abrir a porta. Debemos ser nós mesmas, como clase, quen constrúa a ferramenta que nos permita botalo para sempre.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.