O MAC da Coruña: Cando un museo funciona a pesar do seu propietario

Cartel de protesta contra o peche do MAC ©

Desde a súa presentación en sociedade, Naturgy actuou de forma perfectamente previsible. E conforme ao 100% co que, no fondo, e aínda que poida non gustarnos, terminou sendo: unha multinacional sen raíces nin conciencia; unha franquía que despide, deslocaliza e vende sen atender a máis necesidades que o seu propio beneficio a curto prazo; unha apisoadora pilotada por uns accionistas accidentais, que moitas veces nin sequera saben que o son, e que, en calquera caso, limítanse a estar de paso: ansiosos por facer caixa e marchar a calquera outro lugar. Como unha praga de lagosta. Ou como eses alieníxenas itinerantes que atacan o planeta terra nos cómics de superheroes. 

Se este proxecto puido manterse en pé foi a pesar do olímpico desinterese dos executivos

Esta penosa situación resulta evidente para os que a sufrimos desde dentro. E para calquera que queira vela desde fóra. Pero non debe, en ningún caso, levarnos a mitificar capítulos pasados na historia da empresa. Nin anteriores nin posteriores ao dobre proceso de concentración de marcas e dispersión de accións que deu forma ao monstro. Polo menos no referente ás súas políticas de mecenado, que son as que agora nos ocupan. 

Ben ao contrario, o paso do tempo demostrou que o proxecto artístico impulsado por Julián Trincado, máximo responsable de Fenosa e Unión Fenosa durante os anos finais do século pasado, foi unha aposta meramente persoal; un intento fracasado de transferir os seus gustos e inquedanzas á compañía que presidiu; unha quimera que apenas conseguiu sobrevivirlle. E que nunca arraigou entre os seus sucesores. 

De feito, se este proxecto, materializado no museo que primeiro se chamou MACUF e despois MAC, puido manterse en pé ata hai poucas semanas (ata a execución do peche unilateral e arbitrario decretado pola cúpula de Naturgy), foi a pesar do olímpico desinterese dos executivos que, desde o falecemento de Trincado, en agosto do ano 2000, se ocuparon da súa administración. E grazas á acción conxunta dunha serie de factores providenciais que me dispoño a enumerar. 

O abandono do MAC por parte dos seus propietarios plasmouse, por exemplo, en constantes altibaixos orzamentarios

O primeiro sería, sen dúbida, a pura inercia. Ou a preguiza que ata o peor dos viláns de cómic sente cando se enfronta ao desmantelamento de algo que, obviamente, funciona. O segundo, o empeño, en ocasións suicida, dos dous directores da institución: Luís Caruncho entre 1995 e 2005, Carmen Rivera entre 2005 e 2018. O terceiro, e talvez máis importante, o sentido da responsabilidade do cualificadísimo equipo profesional encargado de dar forma ás visións de ambos os directores. Un equipo do que tiven a honra de formar parte durante dúas décadas completas. O cuarto e derradeiro, a óptima rendibilidade das cantidades investidas cada ano no funcionamento da institución. Polo menos en termos de lavado de imaxe. Ou, dito de forma máis elegante, de impactos mediáticos positivos. Que, en caso de terse procurado mediante campañas de publicidade directa, terían custado entre un 1000 e un 2000% máis (segundo estimacións que a propia compañía realizou hai un lustro). 

O abandono do MAC por parte dos seus propietarios plasmouse, por exemplo, en constantes altibaixos orzamentarios, que con frecuencia se decidiron e notificaron tras a adquisición de compromisos de gasto. Ou nunha política de comunicación entre errática e inexistente, confiada aos mesmos axentes que anunciaban poxas de CO2 e cortes de subministración eléctrica. Ou nun aproveitamento deficiente e anticuado de internet e redes sociais. Pero, sobre todo, nunha demencial xestión de recursos humanos. 

Permanecín exposto a un perverso réxime de pau e cenoria, que alternaba veladas ameazas de despedimento e falsas promesas de regularización

Sirva como mostra un botón: desde xaneiro do 1999 ata xaneiro de 2019 (é dicir, durante vinte anos exactos), ocupeime, a xornada completa e con dedicación exclusiva, do deseño, desenvolvemento e condución das actividades educativas ofrecidas aos visitantes do museo. Pero só o último ano e medio puiden cobrar unha nómina e gozar de condicións equiparables ás do resto de traballadores da empresa. Porque os dezaoito anos e medio anteriores fun obrigado a facturar como traballador autónomo. E, por mor diso, permanecín exposto a un perverso réxime de pau e cenoria, que alternaba veladas ameazas de despedimento e falsas promesas de regularización; un réxime que me espremeu máis aló do límite das miñas forzas e que só foi levantado tras o demoledor ditame dunha inspección laboral. 

Obviamente, esta situación non me afectou só a min: quen podería resistirse a ampliar persoal de forma tan barata e conveniente? Outros sete profesionais altamente especializados víronse involucrados na mesma fraude laboral, durante períodos de tempo comprendidos entre os catro e os dezaseis anos. E cinco deles foron despedidos ao mesmo tempo ca min. 

Non cabe agardar gran cousa das negociacións sobre a reapertura do museo que a empresa mantén coa corporación local coruñesa desde hai xa algúns meses

Á vista destes antecedentes, diría que non cabe agardar gran cousa das negociacións sobre a reapertura do museo que a empresa mantén coa corporación local coruñesa desde hai xa algúns meses. Salvo, talvez, unha serie de evasivas e manobras envolventes, tendentes a crear as condicións óptimas para un novo pelotazo urbanístico. Que, en caso de consumarse, sería o terceiro en apenas dous quilómetros de espazo e dúas décadas de tempo, tras os proveitosos alleamentos da sede de Unión Fenosa en Fernando Macías e dos amplos terreos onde hoxe se alza o centro comercial Marineda. 

En países de tradición anglosaxoa, o patrocinio de actividades culturais por parte de corporacións industriais e financeiras continúa gozando dunha saúde inmellorable

Podería parecer inevitable que, nos tempos que corren, unha gran empresa se comporte así. Pero, por fortuna, isto non é certo: en países de tradición anglosaxoa, o patrocinio de actividades culturais por parte de corporacións industriais e financeiras continúa gozando dunha saúde inmellorable. E tamén aquí, na mesma cidade que Naturgy trata de abandonar con tanto empeño, existen aínda empresas e fundacións que apostan por reinvestir na súa terra, que confían os seus procesos de expansión a socios locais, que orientan o seu labor de responsabilidade social cara a quen propiciou o seu primeiro despegamento. Empresas e fundacións que proxectan novos museos, que manteñen abertas salas de exposicións, que producen eventos culturais da máis diversa natureza. De feito, algunhas delas fano dentro do mesmo polígono industrial que o MAC habitou durante case un cuarto de século. Longa vida a todas elas! 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.