O maquinista como única seguridade

PP e o PSOE asumiron despois da catástrofe ferroviaria de Angrois, en xullo de 2013, unha actitude ferreña contra calquera investigación xudicial ou administrativa independente. Baixo o mandato de Pepe Blanco (PSOE) como ministro inagurouse a liña de alta velocidade Ourense-Compostela logo de modificar (2010) a fasquía orixinalmente proxectada da liña, que determinaba a supresión dunha curva tan perigosa como a d’A Grandeira, onde cómpre baixar a velocidade de 200 kms/h a menos de 70. Baixo o mandato da entón ministra Ana Pastor (PP) desconectouse o sistema de seguranza europeo ERTMS dos trens Alvia (2012), deixando ao maquinista como única barreira de seguranza no caso de erro de desatención humana. Mais o PP e PSOE, o bipartidismo unionista e dinástico, querían tamén evitar danos reputacionais ao AVE español, priorizándoo fronte á verdade diante da cidadanía e das vítimas.

Os informes europeos foron unívocos: a remuda do traxecto proxectado e máis a supresión do ERTMS nos Alvia, que rebaixaban obxectivamente a seguranza, precisaban dunha análise de riscos e éste non se fixo

O bo e teimudo facer de Ana Miranda, eurodeputada do BNG, levou a investigación parcial do Ministerio de Fomento, que lle botaba na súa integridade a culpa ao maquinista, á EUAR, a axencia ferroviaria da UE.  E os informes europeos foron unívocos: a remuda do traxecto proxectado e máis a supresión do ERTMS nos Alvia, que rebaixaban obxectivamente a seguranza, precisaban dunha análise de riscos e éste non se fixo. Por outra banda, a EUAR denunciou a parcialidade da pescuda oficial da CIAR do Ministerio de Fomento, na que mesmo persoas responsábeis destas medidas de redución de seguranza partillaron na investigación.

O recoñecemento desta verdade por este especialista da UE xustifica por si a Comisión de investigación e desminte aos que non acreditan nesta caste de organismos

O cadro pintouno moi a xeito este día Christopher Carr, xefe de seguranza da devandita axencia europea EUAR, perante a Comisión de Investigación do Congreso : “no Alvia sinistrado non había máis barreira de seguranza ca a do maquinista”. É dicir, que se estaba a vulnerar gravísimamente un principio esencial da alta velocidade ferroviaria, como é que os viaxeiros non dependan exclusivamente do factor humano.

O recoñecemento desta verdade por este especialista da UE xustifica por si a Comisión de investigación, desminte aos que non acreditan nesta caste de organismos e habería botar fóra do foco, por irrelevante, a anécdota dos deputados Rufián e Gómez-Reino.

Publicidade

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.