Aquel neno emigrante da aldea de Tines (Vimianzo) medrou nun fermoso país de xente acolledora e fíxose un firme defensor dos ideais artiguistas que son a base sobre a que a “Frente Ampla” actúa no incremento do benestar xeral e dunha axeitada distribución social e na eliminación de inxustizas e discriminacións
A singradura do “Cabo de Hornos” desde o porto da Coruña ata o porto de Montevideo foi de vinte días [do 7 ao 27 de novembro de 1958] nos que eu, un neno da aldea de cinco anos, ía moi contento xa que despois de varios retrasos ía o lugar no que estaba o meu pai. A man de Valentina, a miña nai, coido que non me soltou ata que chegamos ao porto brasileiro de Santos. Alí recibín o agarimo do tío Xosé de Borneiro (casado na miña aldea con Fina que era unha das irmás de meu pai) e o saboroso agasallo dun fermoso acio de bananas (alí chámanlle “cacho”) que foron a miña comida ata chegar a terras uruguaias. Os anos pasan pero non esquezo que despois de dúas semanas de mareos e sen achegarme ao comedor para evitar os vómitos puiden gozar dunha froita que me gustou moito e foi o limiar da felicidade que axiña atoparía na capital da República Oriental do Uruguai.
O certo é que eu non tiven morriña xa que no novo espazo montevideano era feliz. Aquela cidade no outro lado do mar estaba chea de luz e de cores e de sons e de moitas letras en carteis anunciadores de comercios que eu nunca vira e preguntaba sobre o seu significado. O que lembraba da aldea eran os folladiños que a avoa Concepción me facía na tixola para merendar e tamén o chocolate que mercaba na feira de Baio. O meu barrio de Aires Puros tiña unha chea de árbores (chamados paraísos) nas beirarrúas que abeiraban dun sol que quentaba moito máis que o da aldea. O meu primeiro verán na capital uruguaia foi marabilloso e segue ben gardadiño no meu corazón pois en cadanseu día dos que pasaron ata o comezo da escola (o 15 de marzo de 1959) recibín os aloumiños de amables cidadáns que aínda que non me coñecían eran conscientes de que debían de trasmitirme ánimo e a esperanza dun futuro ventureiro nesta beira do Río da Prata.
Desembarquei tres días antes do domingo 30 que foi cando se celebraron unhas históricas eleccións nacionais (lexislativas e presidenciais) que deron comezo a sucesivos gobernos que non souberon manter a calidade da vida en democracia que caracterizaba a miña benquerida terra de Artigas
O tempo vai pasando pero o meu agradecemento para quen me acolleu cunha aperta de irmandade, mentras viva, non perderá forza. Estou pensando que desembarquei tres días antes do domingo 30 que foi cando se celebraron unhas históricas eleccións nacionais (lexislativas e presidenciais) que deron comezo a sucesivos gobernos que non souberon manter a calidade da vida en democracia que caracterizaba a miña benquerida terra de Artigas.
Agora mesmo estou a celebrar o triunfo da “Frente Ampla” na segunda volta das eleccións presidenciais que tiveron lugar o pasado domingo 24. Estiven moi inquedo xa que non era quen de acougar os nervios diante da posibilidade de ter cinco anos máis de sufrimento en mans dunha coalición coimera da dereita corrupta que dirixe o actual presidente Lacalle Pou. Pero grazas a que a familia frenteamplista soubo responder mediante unha axeitada dose de esperanza puiden berrar forte na mañá do luns 25: Adiante don Yamandú!
Agora mesmo estou a celebrar o triunfo da “Frente Ampla” na segunda volta das eleccións presidenciais que tiveron lugar o pasado domingo 24. Estiven moi inquedo xa que non era quen de acougar os nervios diante da posibilidade de ter cinco anos máis de sufrimento en mans dunha coalición coimera da dereita corrupta que dirixe o actual presidente Lacalle Pou
Aínda que pasaron os anos sigo vendo pasar por Propios (logo foi o bulevar Xosé Batlle e Ordóñez) unha ringleira de camións ateigados de xente que cantaban e abaneaban bandeiras. Nunca esquecerei aquel meu primeiro domingo na capital uruguaia. Era a miña primeira saída e tiñamos que camiñar unha media ducia de cuadras ata a casa de María Rama e Ramón Vázquez e a súa filla Mercediñas. Antes de cruzar (para coller pola rúa Tudurí ata a rúa Santa Ana) tivemos que esperar uns minutos e foi cando lle preguntei a meu pai por aquela xente que ía enriba dos camións. Dixo que se trataba de votantes “brancos” e outros “colorados” que ían elixir o vindeiro presidente da República Oriental do Uruguai. O certo é non souben do que estaba a falar e tiveron que pasar moitos anos para, máis ou menos, entender o significado dos partidos políticos e da democracia.
Aquel neno emigrante da aldea de Tines (Vimianzo) medrou nun fermoso país de xente acolledora e fíxose un firme defensor dos ideais artiguistas que son a base sobre a que a “Frente Ampla” actúa no incremento do benestar xeral e dunha axeitada distribución social e na eliminación de inxustizas e discriminacións.