As últimas décadas foron o período de consolidación do Centro de Investigación de Lourizán creado a mediados do século XX. Mais, a inexistencia dunha xestión da Xunta de Galicia que permitise fixar un cadro de persoal investigador, aproveitando o legado científico-técnico dos 80 anos de historia, orixinou a grave situación que ven arrastrándose durante máis de tres décadas. Agora, nesta encrucillada non se sabe cal será o seu destino
A Xunta de Galicia ten plans para o Centro de Investigación Forestal de Lourizán (CIF Lourizán) pois quedará integrado dalgunha forma nun novo instituto forestal que a axencia XERA, da Consellería de Economía e Industria, está pendente de crear co obxectivo de que “recupere o seu papel de referente sectorial a nivel nacional e internacional”. Nas declaracións institucionais insístese en que o centro de investigación manterá na nova entidade o seu papel científico relacionado cos estudos botánicos, a xenética e as enfermidades, mais vanse incorporar outros obxectivos como a estatística forestal e probablemente os vinculados ao sector bio-enerxético de ENCE, aínda que isto último non se anuncia de forma explícita dende hai un tempo.
O CIF Lourizán procede do CREIEF, un centro pioneiro que iniciou a súa andadura o ano 1943 co obxectivo de resolver problemas forestais para toda á área húmida do norte peninsular. Pero a situación cambiou moito, pois dende os anos oitenta creáronse escolas universitarias, diversificáronse as administracións públicas, naceron empresas privadas e públicas, así como novos centros de investigación e tecnolóxicos ligados ás comunidades autónomas. Nas novas condicións a conservación por parte de Lourizán do carácter de referente sectorial tería un sentido diferente do que tivo no lonxe pasado fundacional. Agora significaría que a investigación realizada fose de calidade e que isto se traducise nunha mellora na práctica forestal e agroforestal.
É de coñecemento público que o centro de Lourizán ten dificultades de subsistencia. Así mesmo, parece que os impulsores do actual proxecto de rehabilitación pensan que perdeu a categoría de referente sectorial, xa que na páxina 7 do anteproxecto de rehabilitación da finca (Documento base para el Concurso de ideas, con intervención de jurado, a nivel de anteproyectos, para la rehabilitación arquitectónica facilitando nuevos usos en la finca de Lourizán) está escrito que “Durante las últimas décadas el complejo de Lourizán ha ido sufriendo.......una cierta pérdida de relevancia en su actividad investigadora y proyección pública...”.
A expansión da investigación no centro só foi posible despois de 1990 grazas á construción de edificios con amplos laboratorios e tamén debido á disolución do viveiro comercial. O desenvolvemento das últimas décadas significou a formación de persoal científico e unha progresiva adaptación dos currículos ás convocatorias de proxectos de I+D
Xa que logo, vexamos como foi a evolución da investigación en Lourizán para ter unha idea da veracidade desta narración, convertida nun relato oficial. A principios dos anos oitenta o centro de investigación ocupaba o edificio do lagar de Montero Ríos no que o persoal investigador estaba amoreado, sen a posibilidade de crear os novos laboratorios que ían sendo necesarios. Había actividades sobre os lumes forestais, patoloxía, o silvo-pastoreo, a silvicultura do eucalipto e a dos piñeiros, a introdución de especies, a mellora xenética do castiñeiro e o piñeiro bravo e comezaba o estudo das variedades tradicionais de castiñeiro. Eran moitos asuntos para un centro tan pequeno.
A expansión da investigación no centro só foi posible despois de 1990 grazas á construción de edificios con amplos laboratorios e tamén debido á disolución do viveiro comercial, que supuxo a liberación dunhas seis hectáreas da finca para coleccións de xermoplasma así como a incorporación á investigación de persoal que traballaba nel.
Neste intre, tras as xubilacións, a investigación está sendo desenvolvida polo persoal que permanece no centro en situación precaria, con difícil acceso ás xefaturas de sección e de departamento e, nalgúns casos, para solicitar proxectos de investigación, debido á eventualidade dos seus contratos
O desenvolvemento das últimas décadas significou a formación de persoal científico e unha progresiva adaptación dos currículos ás convocatorias de proxectos de I+D. Foi un crecemento que deu lugar ao incremento da produción científica en forma de teses doutorais e publicacións. Das 33 teses realizadas no centro ata o ano 2017, 27 léronse dos primeiros 90 en adiante. En canto as publicacións, contabilizáronse unhas 900 dende a creación do centro ata o 2017, o 90% delas foran escritas a partir de 1980. A maior actividade científico-técnica deuse nas áreas de lumes e de xenética dende as que se realizaron numerosas achegas á xestión de diferentes direccións xerais da Xunta de Galicia. En consecuencia, a pesar da existencia de limitacións, a actividade investigadora aumentou de forma exponencial e destacou en varios campos.
Mais algúns problemas existen, veñen de lonxe e son graves. A principios dos anos oitenta os investigadores de Lourizán, dependente do Instituto Nacional de Investigacións Agrarias, accedían mediante concurso oposición cun perfil de investigador. Durante os primeiros 2000 aprobouse unha lei de investigación para o acceso e promoción do persoal científico da Xunta de Galicia que non se chegou a desenvolver, pois os directores xerais que a impulsaron xa non estaban. Nestas circunstancias, dende finais dos anos oitenta as asignacións de postos fixéronse mediante os concursos dos corpos de funcionarios da Xunta de Galicia sen esixir formación específica nas materias das prazas. Un asunto que ten ocasionado grandes atrancos.
Durante ese período de crecemento a investigación fíxose pola iniciativa dun número reducido de investigadores que recorremos á contratación de persoal a través de proxectos, a bolseiros e a asistencias técnicas. As dificultades para fixar científicos orixinaron a súa diáspora de modo que gran parte dos centros de investigación, tecnolóxicos e universitarios de temática forestal e agroforestal creados en Galicia construíronse en boa medida co persoal que iniciara a súa formación en Lourizán.
Había outros asuntos que non ían ben, en particular a falta dun financiamento continuo para manter os ensaios xenéticos e as coleccións de xermoplasma. Así a todo, os que permanecemos en Lourizán aínda tiñamos alicientes para continuar. Neste intre, tras as xubilacións, a investigación está sendo desenvolvida polo persoal que permanece no centro en situación precaria, con difícil acceso ás xefaturas de sección e de departamento e, nalgúns casos, para solicitar proxectos de investigación, debido á eventualidade dos seus contratos.
Agora, nas declaracións institucionais insístese en que o CIF Lourizán manterá o seu papel como entidade científica relacionada cos estudos botánicos, a xenética e as enfermidades. Pero, dados os antecedentes, non se sabe se se trata dunha afirmación pensada a conciencia ou simplemente quere dicir que se tolerará a permanencia dos anteriores cometidos, tal coma se fixo durante décadas
Con todo, Lourizán non perdeu proxección pública na maioría das materias da súa competencia ata datas recentes. Porén, houbo excepcións, en casos nos que na propia Consellería do Medio Rural preferiu traballar con outras organizacións de fora da Xunta. No entanto, os resultados de varios dos temas de investigación do centro seguen tendo repercusión en Galicia e fora dela.
Agora, nas declaracións institucionais insístese en que o CIF Lourizán manterá o seu papel como entidade científica relacionada cos estudos botánicos, a xenética e as enfermidades. Pero, dados os antecedentes, non se sabe se se trata dunha afirmación pensada a conciencia ou simplemente quere dicir que se tolerará a permanencia dos anteriores cometidos, tal coma se fixo durante décadas.
O proxecto de creación dun ambicioso instituto é unha boa ocasión para reflexionarmos sobre as súas competencias. Deberíanse considerar non só os obxectivos orientados ao bosque plantado, produtor de madeira para a industria, suxerido pola recente asignación do CIF Lourizán á Consellería de Economía e Industria, senón tamén os dirixidos ao bosque no seu conxunto con toda a problemática relativa aos solos, ao ciclo da auga, as cuestións sanitarias, ós lumes, ós materiais de reprodución para o bosque plantado e a conservación da diversidade xenética das especies forestais. Xa que o novo instituto vai integrar dalgún modo universidades, outros centros de investigación e empresas, non todos os obxectivos teñen que contar cun grupo de investigación en Lourizán.
O proxecto de creación dun ambicioso instituto é unha boa ocasión para reflexionarmos sobre as súas competencias. Deberíanse considerar non só os obxectivos orientados ao bosque plantado, produtor de madeira para a industria, suxerido pola recente asignación do CIF Lourizán á Consellería de Economía e Industria, senón tamén os dirixidos ao bosque no seu conxunto
Non obstante, hai algúns temas que deberan conservarse alí, xa que a Consellería do Medio Rural precisa ter investigación propia en materias como a patoloxía forestal e os recursos xenéticos, para que os xestores non sigan dando arrodeos en cuestións tan importantes. O achegamento dos científicos ós organismos de xestión e formación traduciríase na mellora, moi necesaria, de varios aspectos.
A tortuosa historia do persoal investigador de Lourizán indica que a Xunta de Galicia ten grandes dificultades para establecer procedementos de acceso e promoción do persoal científico. Un dos motivos posibles debe de ser a súa complexidade para un centro de tamaño reducido. Ademais, tamén é posible que non se considere necesario un perfil científico para a investigación forestal, o cal sería un erro.
Dende a transferencia á Xunta de Galicia no 1984 o CIF Lourizán pasou pola Consellería de Agricultura, a do Medio Ambiente, a do Medio Rural-Dirección Xeral de Montes e a do Medio Rural-Dirección Xeral AGACAL sen que finalmente nada importante cambiase. Cómpre que neste novo período de mudanza, asignado esta vez á Consellería de Economía e Industria, a Xunta de Galicia tome en serio o problema do persoal investigador e asegure unha coordinación eficaz do centro cas diferentes consellerías e direccións xerais con cometidos relacionados.
En conclusión, as últimas décadas foron o período de consolidación do Centro de Investigación de Lourizán creado a mediados do século XX. Mais, a inexistencia dunha xestión da Xunta de Galicia que permitise fixar un cadro de persoal investigador, aproveitando o legado científico-técnico dos 80 anos de historia, orixinou a grave situación que ven arrastrándose durante máis de tres décadas. Agora, nesta encrucillada non se sabe cal será o seu destino.