Sobre o proxecto de rehabilitación da finca de Lourizán

Detalle do Pazo de Lourizán © Cedida

Hai uns tres anos tivemos a boa nova de que o Pazo de Montero Ríos ía ser restaurado pola Xunta de Galicia e algúns dos que traballabamos no Centro de Investigación Forestal de Lourizán comezamos a fabular sobre os destinos que puidese albergar o pazo restaurado. Unha das ideas máis acaídas sería a súa transformación nun punto de confluencia do sector forestal galego

Hai uns tres anos tivemos a boa nova de que o Pazo de Montero Ríos ía ser restaurado pola Xunta de Galicia e algúns dos que traballabamos no Centro de Investigación Forestal de Lourizán comezamos a fabular sobre os destinos que puidese albergar o pazo restaurado. Unha das ideas máis acaídas sería a súa transformación nun punto de confluencia do sector forestal galego, como xa fora moitas décadas atrás. Disporíamos dun salón de actos cun aforo dunhas 140 persoas, salas de reunión para grupos pequenos, dun museo da historia forestal de Galicia e quizais dun arquivo forestal. 

A finca de Lourizán acolle actualmente o centro de investigación, a Escola de Capataces Forestais e o Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, tres centros da Xunta de Galiza dependentes actualmente das Consellerías de Industria, Medio Rural e Medio Ambiente, respectivamente. Malia que a finca é especialmente coñecida por albergar o complexo modernista de Montero Ríos, cuxos elementos principais son o pazo, o edificio do lagar, o invernadoiro e a gran mesa de pedra coa súa gárgola, o lugar ten outros valores. Entre eles o parque forestal visitado anualmente por miles de persoas e os elementos conservados da finca agrícola preexistente denominada A Granxa da Serra. Os socalcos das viñas, os muros e esqueiras, o pombal, a eira e o hórreo constitúen unha mostra do que foi un espazo agrario no século XVIII ao que se superpuxo o pazo modernista e finalmente as construcións realizadas dende a segunda metade do século XX para a investigación e formación forestais. Concretamente os dous grandes edificios de principios dos anos noventa que albergan o centro de investigación e a escola de capacitación foron construídos sen considerar o seu impacto paisaxístico, aínda que supuxeron unha mellora crucial para o desenvolvemento das súas funcións. Porén, algunhas obras daquel tempo fixéronse tendo en conta o valor da finca, por exemplo o Laboratorio de Patoloxía, un edificio cun deseño adecuado ao lugar, e os invernadoiros de xenética construídos nunha parte da finca non visible dende a zona monumental. No entanto, nese mesmo período tamén foron destruídas instalacións valiosas como o interior do invernadoiro modernista, o marabilloso Camiño do Cura, un acceso á finca dende a Igrexia Vella de Santo André e outras posteriormente. O Pazo de Montero Ríos, construído no ano 1910 ameaza ruína. Por conseguinte era urxente un plan de ordenación de toda a finca para evitar que continúe o proceso de deterioro. 

O Pazo de Montero Ríos, construído no ano 1910 ameaza ruína. Por conseguinte era urxente un plan de ordenación de toda a finca para evitar que continúe o proceso de deterioro

Mais, hai tres anos xa sabiamos que as cousas poderían levar un camiño ben distinto ao desexado por algúns de nós pois lembrabamos as declaracións de membros da Xunta feitas os anos 2016 e 2017 indicando que ENCE asumiría o groso do custo da rehabilitación do pazo e que a cambio instalaría nel un laboratorio de I+D forestal e de bioenerxía. Unhas declaracións que foran rexeitadas por numerosos colectivos sociais e que a Xunta non puido levar a cabo daquela pola falta de consentimento da Deputación de Pontevedra, propietaria da finca.

Hai tres anos xa sabiamos que as cousas poderían levar un camiño ben distinto ao desexado por algúns de nós pois lembrabamos as declaracións de membros da Xunta feitas os anos 2016 e 2017 indicando que ENCE asumiría o groso do custo da rehabilitación do pazo e que a cambio instalaría nel un laboratorio de I+D forestal e de bioenerxía

O ano pasado, tras a transmisión da propiedade da finca dende Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galiza anunciou o proxecto por valor de 17,9 millóns de euros para a restauración do Pazo de Montero Ríos e dalgunhas outras construcións e elementos. Dende entón estase a desenvolver o concurso de ideas que parte dun proxecto base encargado á Fundación RIA que se pode consultar na web (“Documento base para el Concurso de ideas, con intervención de jurado, a nivel de anteproyectos, para la rehabilitación arquitectónica facilitando nuevos usos en la finca de Lourizán”). O anteproxecto, centrado na zona de edificios máis antigos, nos xardíns circundantes e nos accesos, recolle actividades moi necesarias como a restauración do pazo e doutras construcións de valor histórico da finca, a conservación das estruturas do espazo agrario incluídos os socalcos e as esqueiras e a creación de varios espazos para divulgación e exposicións. As actuacións propostas sobre os edificios resúmense nunha aposta pola hostalería, localizada no pazo, consistente nun hotel de a lo menos catro estrelas (800 m2) e unha cafetería restaurante (490 m2) que terán como finalidade dinamizar o conxunto (dende o punto de vista económico, suponse); na xénese de espazos para empresas no semi-soto do pazo (376 m2) e unha zona de traballo compartido no primeiro andar da antiga escola de capataces (490 m2); na disposición de espazos para a divulgación e exposicións na á esquerda do primeiro andar do pazo (443 m2), no sequeiro do hórreo e no invernadoiro modernista; e, finalmente na transformación do edificio do lagar, actual laboratorio de medio ambiente moi ben reconstruído hai só uns vinte anos, nunha residencia para cinco ou máis investigadores (395 m2). Por suposto considéranse tamén espazos destinados á xestión do conxunto e á información, así como a mellora dos itinerarios botánicos. Ademais, o documento base abre a posibilidade de construír un edificio adicional, unha sala polivalente en madeira, destinada a eventos públicos e privados para 300 persoas. 

As intervencións anunciadas deixan ver varios aspectos preocupantes pois parece que a hostalaría, o turismo e o arrendamento das instalacións para a celebración de actos privados poderían transformar a finca nun lugar de continuo trasfego de turistas e de celebracións; nun lugar sen o sosego preciso para o desenvolvemento científico e técnico

As intervencións anunciadas deixan ver varios aspectos preocupantes pois parece que a hostalaría, o turismo e o arrendamento das instalacións para a celebración de actos privados poderían transformar a finca nun lugar de continuo trasfego de turistas e de celebracións; nun lugar sen o sosego preciso para o desenvolvemento científico e técnico. Outro aspecto que causa certa inquedanza é a excesiva importancia outorgada ao uso residencial que conduce ós mentores do proxecto a emular un pasado moi distante no que o pazo foi residencia de estudantes de enxeñería de montes, como desculpa para a creación dunha nova residencia pouco sustentable economicamente.

Alén destas opinións hai outros aspectos do proxecto que merecen ser comentados. Un deles é a insuficiente superficie do pazo dedicada a espazos de divulgación e exposición o que non permitirá un desenvolvemento ambicioso como museo forestal, arquivo e lugar de reunións e exposicións. 

A construción da sala polivalente de madeira cun aforo para 300 persoas a escasa distancia do pazo é unha mala idea porque sería un volume grande nun espazo xa saturado de construcións que tería unha utilización moi eventual como centro de reunión forestal. No propio documento base indicase que a cidade de Pontevedra conta con varias salas alternativas para grandes eventos. 

Se o obxectivo do proxecto é impulsar a investigación, formación, divulgación así como fomentar a vinculación da investigación co sector cómpre termar dos excesos procedentes do uso hostaleiro, turístico e residencial que puidesen limitar o desempeño das finalidades científico-técnicas para o sector forestal

Finalmente, a recuperación do invernadoiro modernista, que foi un dos grandes atractivos da finca de Lourizán, debería realizarse repoñendo o aspecto que tiña ata 1993, data na que con ocasión do I Congreso Forestal Español se levantou a vexetación que o enchía e se cementou o piso. Agora, na súa restauración cómpre ter en conta que, dadas as condicións que se producen no seu interior, non é un espazo apropiado para exposicións cunha certa permanencia. 

Se o obxectivo do proxecto é impulsar a investigación, formación, divulgación así como fomentar a vinculación da investigación co sector cómpre termar dos excesos procedentes do uso hostaleiro, turístico e residencial que puidesen limitar o desempeño das finalidades científico-técnicas para o sector forestal. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.