Rueda acepta ante Lores contribuír á rehabilitación do convento de Santa Clara e elude a Ence no futuro do pazo de Lourizán

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e César Mosquera, concelleiro e vicepresidente da Deputación, na xuntanza con Rueda, que estivo acompañado polo delegado da Xunta, Luis López © Concello de Pontevedra

A orde fixada polo presidente da Xunta para a súa primeira xira polas sete principais cidades, por poboación en sentido decrecente, deu lugar a que os encontros nas urbes que levan máis tempo sen goberno do PP, Lugo e Pontevedra, cadrasen unha a continuación da outra. En ambas o bastón de mando está na banda da esquerda dende 1999, co PSdeG na alcaldía en todos os mandatos no caso lucense e o BNG, no caso pontevedrés, e nas dúas Alfonso Rueda vén de anunciar que accede -cando menos, verbalmente- a proxectos reclamados dende cadanseus gobernos locais e que foran adiados ou, cando menos, evitados por Feijóo.

Vinte e catro horas despois do seu paso por Lugo, onde accedeu a cofinanciar o Museo da Romanización que desbotou en 2019 tras procurar o Concello 12 millóns da UE, Rueda viaxou a Pontevedra para atoparse co seu rexedor, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores. Entre outros asuntos, o xefe do Executivo galego dixo estar disposto a que a Xunta "participe" na reforma do convento de Santa Clara, o histórico recinto do centro da cidade mercado polo consistorio en 2021 e que a institución municipal, xunto coa Deputación, xa están a recuperar.

Vista do convento de Santa Clara desde un lateral do claustro tras a súa adquisición polo Concello CC-BY-NC-SA Praza.gal

Di Rueda que o seu Goberno non quere "quedar fóra" de Santa Clara e por iso, di, está disposto a achegar fondos. A súa "cantidade e intensidade", matiza, definiraos cando coñeza "en detalle" o plan para a rehabilitación. Lores coida que, con esta resposta, Rueda dá a entender que "entende a importancia para a cidade deste edificio" como un novo espazo para o complexo do Museo de Pontevedra.

"Santa Clara -di Lores- ten que contar coa colaboración da Xunta, tal e como de xeito histórico se fixo co Edificio Castelao" do Museo". "Hai ese compromiso" e por iso, "unha vez que se saiba que se pode avanzar", concretarase, confía.

Comparecencia conxunta de Lores e Rueda ante a prensa tras a súa xuntanza, este 25 de outubro na delegación da Xunta en Pontevedra © Concello de Pontevedra

Ao remate do encontro, Rueda bosquexou tamén outra das "actuacións fundamentais" que expuxo ao alcalde, un "proxecto ambicioso para recuperar o espazo emblemático do Pazo de Lourizán". O histórico recinto está en proceso de ser cedido pola Deputación pontevedresa á Xunta tras acordáreno o pasado verán despois de que, en febreiro deste ano, o Goberno galego fose condenado a rehabilitalo nunha sentenza que adquiriu firmeza en maio. En anos previos, a Xunta negárase a facelo se a Deputación, gobernada por PSdeG e BNG, non accedía a ceder o pazo a Ence.

O alcalde destaca o ton "cordial e construtivo" da xuntanza co presidente, pero lamenta que o Goberno galego siga sen ter "oco dentro dos seus plans" para a variante de Alba malia ser "unha necesidade imperiosa para as infraestruturas de Pontevedra"

Fora o propio Rueda, en calidade de vicepresidente, un dos representantes da Xunta que pulara por esa cesión do pazo á pasteira. No entanto, este martes non mencionou á compañía no seu anuncio, que consistiu en avanzar qu een 2023 "se convocará un concurso de ideas en colaboración con Fundación RIA, ligada ao arquitecto David Chipperfield" para a recuperación do espazo, que terá "orientación pública e relacionada co forestal, compoñente que sempre tivo", pero agora combinada co "uso turístico".

Estes acordos e anuncios nunha xuntanza que Lores define como de "ton cordial e construtivo" contrastan con puntos de diverxencia como o relativo á construción da variante de Alba. O que para o goberno local de Pontevedra é "un tema estrela", lamenta Lores, non ten "oco de seu dentro dos plans da Xunta para Pontevedra". "Non compartimos este posicionamento, e cremos que é unha responsabilidade súa e que algún día a terán que facer, pois é unha necesidade imperiosa para as infraestruturas de Pontevedra rematar esa circunvalación de Pontevedra interior, conectando todas as parroquias", sinala o rexedor nacionalista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.