Galicia reivindica as súas capacidades de urbanismo sostible no congreso europeo celebrado en Pontevedra

A praza do Teucro de Pontevedra durante a Placemaking Week Europe © Placemaking Europe
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-placemaking-pontevedra-5ceecc4.jpeg

A portavoz do Goberno municipal de Pontevedra, Anabel Gulías, ve no encontro Placemaking Week Europe un fito para reivindicar a capacidade de "crer nas nosas propias posibilidades e ideas" como país para levalas a cabo e acometer "transformacións" urbanas como a de Pontevedra

A Placemaking Week Europe Pontevedra supuxo unha auténtica revolución para a cidade, que acollía por primeira vez un encontro destas dimensións. Así o explica a concelleira de Promoción Cidadá e portavoz do Goberno municipal Anabel Gulías, quen asegura que no Concello agora teñen a vista posta en ″seguir traballando nos retos que quedan por diante″.

Durante o encontro houbo debates centrados en exemplos pontevedreses, Gulías celebra como os 400 profesionais participantes de máis de 40 países compartiron a importancia de ″recuperar para a cidadanía″ o espazo do convento de Santa Clara; así como a ″oportunidade″ que crea na cidade a posibilidade de recuperar un espazo das dimensións de Ence e o que pode supor. Tamén abordaron os "desafíos da economía creativa" e como pór en valor socialmente os beneficios que deixan este tipo de empresas e actividades na propia cidade, e mais a recuperación do peirao das Corvaceiras.

Debate moderadp polo xornalista Álex Espiño con Xaquín Moreda, concelleiro de Urbanismo e Patrimonio Histórico do Concello de Pontevedra; Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña; Maite Parga, técnica de Turismo do Concello de Carballo; Xoana Almar, muralista da cooperativa Cestola na Cachola CC-BY-SA Deputación da Coruña

Pero non só houbo sesións de traballo, as artes estiveron moi presentes e a pegada deste encontro arredor das cidades a escala humana queda, por exemplo, na escultura do artista Béju, que xunto á súa compañeira Sherryl Muriente doou á cidade unha das súas figuras Dudali, humanoides espontáneos e coloridos que ilustran as interaccións humanas. Para Pontevedra creou dúas figuras distintas ao carón da praza de Ourense, xunto ás escaleiras que dan acceso ao convento de San Francisco. Unha delas, azul, na parte baixa, implora enerxía e axuda; namentres que a outra, na parte elevada e de cor vermella, sería unha representación de San Francisco de Asís, ofrecendo a nomeada axuda.

"A través da arte somos capaces de mellorar –cando menos– o medioambiente urbano, convertendo un entorno urbano gris en algo máis bonito", sinala Xosé Regueira

Miguel Peralta, da cooperativa Cestola na Cachola, realizou unha intervención artística na medianeira do cruzamento da rúa San Antoniño con Altamira que recorda ás mulleres do mar que levaban as cestas de peixe na cabeza. Para esta creación, un mural do que non desvelou a temática ata o final, o autor contou coa colaboración da artista Xoana Almar, tamén da cooperativa. É unha acción que se desenvolveu en colaboración coa Deputación da Coruña e o Concello de Carballo, co propósito de amosar o poder de cambio que estes murais teñen na contorna urbana.

Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña e concelleiro de Turismo no Concello de Carballo, participou na sesión Recrear o espazo público. A arquitectura e a creatividade como estratexia, onde propuxo un ″urbanismo táctico″ que se alíe con outras fórmulas para vilas, para contornas periféricas de cidades ou barrios que veñen de vivenda de protección oficial dos anos 70 ou 80 e que están en decadencia. ″A través da arte, aínda que non somos capaces de solucionar todos os problemas que teñen en relación coas estruturas dos edificios e coa habitabilidade dos mesmos, si somos capaces de mellorar –cando menos– o medioambiente urbano, convertendo un entorno urbano gris en algo máis bonito. Sobre todo, reivindicando o dereito á beleza en calquera parte″, debulla.

Mural de Miguel Peralta, do colectivo Cestola na Cachola, rúa San Antoniño de Pontevedra durante a Placemaking Week Europe CC-BY-SA Concello de Pontevedra

A praza do Teucro converteuse na semana do Placemaking Europe nun punto de encontro para compartir o aprendido. Anabel Gulías explica que a veciñanza sentiu curiosidade por todas as persoas que falaban en inglés nas rúas da cidade e que tamén participou nos actos abertos, pero sobre todo salienta a presenza de persoas e empresas que tecnicamente tiveron algún tipo de implicación no deseño da cidade nestes anos de transformación. "A praza do Teucro funcionou como un escenario totalmente improvisado no que a xente se achegaba, collía a súa bebida, escoitaba experiencias doutras cidades e, ao mesmo tempo, compartía cos que estabamos alí a visión máis local", conta a concelleira.

"Foi moi intersante porque permitiu ver en Galicia actores na construción da cidade de todo o mundo e de moi diversas dimensións e problemáticas", valora Plácido Lizancos

″Foi unha esixencia do Concello de Pontevedra que nas keynotes, nas clases maxistrais, houbese xente galega porque o intercambio de experiencias e de realidades é, á fin e ao cabo, o que enriquece estes congresos. Non soamente ser activos na escoita do que vén de fóra, senón tamén ser proactivos e mostrar toda a nosa capacidade e o noso talento. Crérnolo. Se unha cidade de Galiza como Pontevedra foi quen de acometer unha das transformacións urbanas máis nomeadas e reclamada en calquera tipo de congreso, é xusto que reivindiquemos esa capacidade de crer nas nosas propias posibilidades e ideas e as levemos a cabo″, argumenta Gulías.

O director da Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSA) da Universidade da Coruña, Plácido Lizancos, valora que o encontro europeo arredor do placemaking, ese gran paraugas para aglutinar todas as prácticas urbanas participativas, democráticas e sostibles arredor do espazo público, foi "moi enriquecedor". "Desde o punto de vista disciplinar foi moi intersante porque permitiu ver en Galicia actores na construción da cidade de todo o mundo e de moi diversas dimensións e problemáticas. Ademais, non só foi unha acción expositiva na que nos mostraban as súas prácticas, senón que se facilitaba e se incentivaba o debate", asegura.

A concelleira de Promoción Cidadá de Pontevedra, Anabel Gulías, nunha das actividades do congreso © Placemaking Europe

Tres profesores da ETSA participaron nas palestras e un grupo do alumnado formou parte dos obradoiros. Lizancos explica que a escola pública de arquitectura inclúe o concepto do placemaking nos seus estudos, pois está "concernida coa construción social do hábitat" e, particularmente, "dos espazos colectivos nos que se produce a tensión cidadá". 

De feito, Plácido Lizancos considera que é aplicable a outras cidades e vilas galegas. "Tradicionalmente a cidade víñase construíndo así, coa participación das persoas e técnicos; ou coa participación espontánea, tal e como se fixo na arquitectura popular. E isto pode valer para comunidades pequenas, grandes, históricas ou contemporáneas. Idealmente, que a participación cidadá sexa activa é algo máis que positivo", argumenta.

"Todas as grandes transformacións teñen unha vertente técnica clara, pero teñen que ter detrás unha vontade política para materializalas", di Xosé Regueira

Neste sentido, Xosé Regueira defende –da mesma maneira que o fai o alcalde de Pontevedra– que hai técnicos espectaculares en moitas Administracións e moitos Concellos. Para el, se os espazos non se pensan doutra forma "non é unha cuestión técnica, é sempre de vontade política". "Cando as cousas van ben dependen da vontade política do goberno de turno e creo que hai que ter vontade para executalas. Todas as grandes transformacións teñen unha vertente técnica clara, pero teñen que ter detrás unha vontade política para materializalas. Polo tanto, hai que asumir riscos. Calquera cambio para mellorar a habitabilidade dos entornos significa tamén unha oposición dunha parte do electorado porque a sociedade tende a ser reacia aos cambios", sinala. 

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, celebra que os participantes na Placemaking Week puideran ver Galicia máis alá dos tópicos –e incluso dese feísmo relacionado co país– e asistiran á presentación de propostas modernas e alternativas. ″Era importante contar con expertos galegos ao mesmo nivel que a xente que viña de fóra″, apunta Anabel Gulías, que cita exemplos como o de Juan Picos, director da Escola de Enxeñería Forestal da Universidade de Vigo; ou entidades como a Fundación Paideia e o Estudo Bonobo de Pontevedra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.