As cidades “a escala humana” do futuro debúllanse na 'Placemaking Week Europe Pontevedra', un encontro con 70 relatores internacionais que persegue “crear cidades máis sas, equitativas e resilientes”
Arquitectos, urbanistas, sociólogos, políticos, economistas, activistas... Máis de 400 profesionais procedentes de medio centenar de países acudirán á cidade de Pontevedra do 27 ao 30 de setembro para participar na 'Placemaking Week Europe Pontevedra' co obxectivo de compartir experiencias e buscar solucións creativas e participativas para deseñar “cidades a escala humana”.
Economía creativa e da innovación; burocracia creativa; placemaking verde e azul; e desenvolvemento a escala humana para espazos públicos prósperos e resilientes son os catro piares sobre os que traballarán neste encontro que tomará o modelo Pontevedra como exemplo de análise e como base para implementar solucións de futuro para un urbanismo sustentable.
“Unha zona pública ten que ser intuitivamente utilizable. Os usuarios deben querer quedarse e sentirse na casa”. Estes son os cimentos do movemento do placemaking, que xa estivo presente en Pontevedra nas edicións dos encontros 'Urbtopías', e que agora trae a 70 relatores internacionais que explicarán as súas experiencias e a súa visión sobre o futuro das cidades.
Haberá doce conferencias maxistrais, exposicións de paneis, presentacións, obradoiros, grupos de discusión, xogos, música e encontros nas rúas. As conferencias do Teatro Principal e mais do Teucro disporán de tradución simultánea á lingua galega. Ademais, as que se desenvolvan na praza do Teucro serán de libre acceso e abertas á cidadanía. En Santa Clara, a avenida de Santa María, a Casa das Campás e o Museo de Pontevedra tamén haberá actividades.
Do 27 ao 30 de setembro arquitectos, urbanistas, sociólogos, políticos, economistas e activistas participan nun encontro que collerá o modelo Pontevedra como base para implementar solucións de futuro
Coa convicción de que é posible “crear cidades máis sas, equitativas e resilientes en Europa e no resto do mundo”, a semana do Placemaking Europe contará coas achegas da tenente de alcalde de Tirana (Albania), Anuela Ristani; a consultora en desenvolvemento económico e comunitario e fundadora e CEO de Elevators, Carmen Mays; a consultora en desenvolvemento económico e comunitario da Fundación Bernard van Leer, Cecilia Vaca Jones; ou o arquitecto, asesor de deseño urbano e director da Axencia de Mobilidade, Ambiente e Territorio de Milán (AMAT), Demetrio Scopelliti.
Tamén está confirmada a participación de figuras como Johannes Riegler, urbanista e xeógrafo, Oficial de Participación de las Partes Interesadas de la Iniciativa de Programación Conjunta Urban Europe; Marion Waller, filósofa, urbanista e asesora da alcaldesa de París; ou José Chong, especialista en desarrollo urbano e cooperación internacional e oficial de xestión de programas en ONU-Hábitat.