A falta de monxas con vocación de clausura fixo que o convento de Santa Clara de Pontevedra ficase catro anos baleiro. Un acordo entre o Concello e a orde relixiosa pechou a etapa relixiosa do conxunto de edificios e xardíns para abrir unha nova como espazo público
Ao entrar, o cheiro era intenso. Desde o ano 2017, cando as últimas moradoras do convento marcharon para o seu homónimo en Santiago de Compostela, moi pouca xente accedera ao recinto. Ulía máis que a pechado, notábase a humidade. Os claros e escuros íanse compensando ao abriren as contras das ventás, non demasiado grandes, conforme o grupo avanzaba polos corredores do edificio principal.
A mañá na que o alcalde de Pontevedra asinou xunto á nai abadesa das clarisas de Pontevedra a compra do convento de Santa Clara por parte do Concello chovía. ″Pregunteille que significaba iso″, contou Miguel Anxo Fernández Lores aos xornalistas, ″e díxome que claramente era porque Santa Clara estaba chorando por deixar o convento que ocuparon durante 750 anos″.
Para Lores esa choiva fina tamén podían ser bágoas, pero en todo caso ″de emoción″. ″Non son capaz de transmitir o importante que é o feito de incorporar Santa Clara ao patrimonio municipal″, dixo. A ″operación urbana″ máis destacada no que vai de século na cidade, segundo o Concello, que vén de acordar coa Deputación de Pontevedra un protocolo polo que se desenvolverá un estudo do convento para valorar a incorporación do mesmo ao Museo de Pontevedra, coa condición de manter o uso aberto e público da zona de xardíns e do chamado ′bosque′ de Santa Clara.
As monxas de clausura dormen en celas –así é como se lle chama aos seus cuartos– dispostas a ambos lados de corredores estreitos e escuros, nos que aparece a luz ao fondo dos cuartos de baño compartidos. Hai multitude de escaleiras que comunican entreplantas no convento, e unha sala de labores e costura na que aínda se conserva un calendario de parede do ano 84. Nun dos estantes das celas hai un cadro: unha táboa pintada con acuarelas que representa unha paisaxe no campo.
Houbo moita vida de muros cara a dentro, as monxas facían o seu propio viño –como tamén demostra o lagar que se conserva nos sotos do edificio principal– e cultivaban froitas e verduras nas hortas e nas vides do xardín. Tiñan, ademais, unha zona de lavadoiro no exterior e unha pequena plantación de talos de bambú. Na parte do xardín máis próxima ao claustro hai unha fonte, agora seca, e arbustos de pouca altura.
″É moi interesante para a cidade ter ese espazo verde aí″, salienta o concelleiro de Patrimonio Xaquín Moreda
No coro alto, desde onde elas escoitaban misa, na parte de arriba da igrexa do convento, fronte ao altar maior, hai preto de cincuenta cadeiras de madeira que rodean a estancia na que tamén se atopa o órgano barroco policromado que acompañaba as voces do coro. Bens como os retablos e o propio coro están agora ″en depósito″ durante catro anos despois do acordo de compra-venta do complexo relixioso.
O concelleiro de Patrimonio Histórico de Pontevedra, Xaquín Moreda, recoñece que hai ″certo romanticismo ao entrar nun espazo pechado tantos anos″ e celebra a ″unanimidade″ na cidade sobre a captación para o público dos máis de 12.000 metros cadrados da parcela. ″É moi interesante para a cidade ter ese espazo verde aí″, salienta Moreda, quen ten a vista posta en que a cidadanía de Pontevedra poida coñecer e achegarse a este lugar, moi céntrico, pero que semella unha illa.
A fin de semana do 18 e 19 de decembro celébrase a primeira xornada de portas abertas de Santa Clara
Os días 18 e 19 de decembro celébranse as primeiras xornadas de portas abertas para toda a cidadanía, desde as 10 ata as 18 horas. Poderá visitarse o claustro e mais os xardíns e a zona que chamaban do ′bosque′, onde está a pequena capela que ten un retablo en pedra coa Virxe co Neno Xesús no colo, e San Francisco e Santa Clara aos lados. As vides, as hortas e o lavadoiro tamén forman parte da visita. Despois das festas do Nadal, o Concello de Pontevedra organizará unha serie de visitas guiadas para a veciñanza. Mentres, xa se pode realizar unha visita virtual.
No xardín tamén hai un espazo para a memoria, no cemiterio aínda descansan máis dunha ducia de relixiosas. A Orde das Clarisas conta con poder exhumar os seus restos e trasladalos ao convento de Compostela, onde agora residen as dúas últimas relixiosas que habitaron Santa Clara en Pontevedra.
Victoriana Jorde Herrero, abadesa de Santa Clara, fixo incorporar ás escrituras notarias da compra-venda do convento –autorizada polo Vaticano– por 3,2 millóns de euros unha carta na que dá fe do ″fondo pesar″ das Irmás da Orde de Santa Clara e o seu lamento por ″non poder manter aberto o convento″.
A abadesa agradece que o Concello ″poida facerse cargo do mesmo e poñelo ao dispor de todos os pontevedreses, evitando así que a súa falta de uso e destino acabe prexudicando aos seus vellos muros, e esperando que o carisma da nosa fundadora Santa Clara de vivir en fraternidade o espírito de pobreza e alegría, do que viñeron dando testemuño as nosas Irmás de Pontevedra ao longo destes séculos, se manteña por sempre no recordo dos pontevedreses″.
Hai un muro que divide en dous o espazo, cara un lado están os edificios e para o outro o que chaman o ′bosque′. ″A nosa intención é abrir todo o espazo verde ao público, pero hai que estudar ben como porque ao ser un convento hai muros moi altos. Non se pode tirar o muro e unilo á praza de Barcelos. Buscaremos a maneira de abrilo respectando a Historia e a configuración do conxunto histórico″, avanzou Xaquín Moreda.
Agora, despois do acordo entre Concello e Deputación, estudos técnicos arqueolóxicos e históricos comprobarán o ano que vén a viabilidade de que o Museo de Pontevedra poida empregar as edificacións do convento para engadilas ao complexo museístico que xa ten despregado pola cidade e aumentar así o seu espazo expositivo. "É un acordo que lle posibilita á Deputación facer un estudo fondo das posibilidades de cara a utilización dos espazos construídos en Santa Clara para o Museo de Pontevedra", detallou o alcalde de Pontevedra.