O patrimonio industrial de Pontevedra únese a unha rede europea para a súa promoción turística

Museo da Salga do Grove © Turgalicia

O Museo da Conserva da Illa de Arousa, o Museo da Salga do Grove, o Muíño de Cobián de Silleda, a antiga fábrica de Carburos Laforet de Soutomaior, a antiga fábrica da luz de Segade de Caldas de Reis e os muíños do Folón e do Picón, no Rosal formarán parte da rede Industriana. Trátase dunha rede europea de patrimonio industrial nacida no ano 2015 e da que forman parte espazos de España, Italia, Bélxica, Malta e Hungría co obxectivo de promover o turismo industrial, centrándose en contornas do rural, e afianzar a súa conservación e protección, intercambiando experiencias e información e accedendo a convocatorias da UE.

A Deputación de Pontevedra impulsa a incorporación a Industriana destes seis bens patrimoniais da provincia. Os seis espazos serán sinalizados a través dun panel da E-Faith (Federación Europea de Asociacións do Patrimonio Industrial e Técnico) asociado a un código QR que contén múltiples idiomas e información e contidos multimedia.

A presidenta provincial Carmela Silva, manifestou a vontade de que outros concellos se sumen a estes primeiros seis, sempre que teñan menos de 20.000 habitantes e conten con recursos susceptibles de incorporarse á rede e cumpran os requisitos establecidos por este proxecto europeo. Silva explicou que esta iniciativa está ligada á campaña de promoción turística impulsada este ano baixo o lema “Somos historias”. A través desta campaña, enmarcada no Ano Europeo do Patrimonio, “estamos a divulgar todos os aspectos patrimoniais da nosa provincia, dende o arqueolóxico, ao cultural, etnolóxico, natural e, tamén, o industrial”. 

Na actualidade, xa forma parte de Industriana a antiga factoría de Conservas Albo en Vigo. No resto do Estado Español tan só Aragón, cunha ducia de espazos, e Andalucía con un, contan con elementos dentro desta rede europea.

Dende o ano 2002 funciona a Asociación Galega do Patrimonio Industrial (BUXA), que na súa web ten rexistrados un total de 511 bens patrimoniais industriais, distribuídos por todo o país: 242 na provincia da Coruña, 187 en Pontevedra, 59 en Lugo e 23 en Ourense. Nesta relación hai dende muíños (de río, de mar e de vento), fábricas de curticos, conserveiras, de papel, de vidro, de cerámica, de fariñas, estaleiros, ferrarías, minas, serradoiros de madeira, embotelladoiras de auga, cetarias ou centrais hidroeléctricas.

 

Museo da Conserva da Illa de Arousa © Turgalicia
Antiga fábrica de Carburos Laforet de Soutomaior © Asociación Buxa
Antiga fábrica da luz de Segade de Caldas © Turgalicia
Muíños do Folón e do Picón CC-BY-SA AlmaGz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.