O Concello de Pontevedra faise co convento de clausura despois de 750 anos e xa o prepara para que toda a cidadanía se achegue a coñecer o patrimonio público
"Un día histórico para Pontevedra", salientou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. O Concello de Pontevedra tomou posesión este mércores do convento de Santa Clara, 750 anos pechado á cidadanía. Ubicado en pleno centro da cidade, o convento ten máis de cinco mil metros cadrados de superficie edificada e dez mil metros cadrados de xardíns, hortas e vides.
"Comeza unha nova etapa", avanzou Lores, quen asinou na mañá deste 1 de decembro a venda coa Orde das Clarisas. O convento acolleu a monxas de clausura ata hai escasos anos. "Estivo sempre aquí de forma discreta", apuntou. Agora, comezará a formar parte activa da vida da cidade, pois o Concello organizará visitas para que toda a cidadanía se achegue a coñecer o patrimonio que xa é público.
O alcalde de Pontevedra lembrou que o convento de Santa Clara "viu caer a muralla" da cidade e "viu pasar a época de esplendor dos séculos XV e XVII" e tamén "a decadencia dos séculos XVII e XVIII". Para Miguel Anxo Fernández Lores esta adquisición, por 3,2 millóns de euros, "é un soño feito realidade".
Esta é a "operación urbana máis importante" despois da incorporación da Alameda no século XIX, sostivo Lores, quen aínda non detallou os plans exactos do ente municipal para o convento. "O primeiro será que o visiten os membros da corporación e as entidades sociais", dixo, "dende hoxe faremos todo o posible para que os cidadáns de Pontevedra poidan coñecer o seu patrimonio".
É a "operación urbana máis importante" despois da incorporación da Alameda no século XIX
A igrexa gótica, o claustro, a parte do coro, as viñas e as hortas na parte que chamaban do "bosque", as celas das monxas e as estancias nas que cosían ou cociñaban abríronse este mércores por primeira vez a persoas alleas á congregación das Clarisas. As relixiosas retiraron xa das instalacións as imaxes de Santa Clara e outras pertenzas.
O edificio case non sufriu modificacións desde o ano 1271, e o único moderno que se pode ver no seu interior é un ascensor que se instalou para facilitar a mobilidade das monxas desde as súas estancias privadas á zona común, na planta baixa, onde tamén se sitúa o torno do convento.