Das cidades a escala humana a un rural do século XXI: a reflexión europea sobre o urbanismo sostible xúntase en Pontevedra

Unha praza de Pontevedra durante a semana da Placemaking Europe © Placemaking Europe
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-placemaking-pontevedra-5ceecc4.jpeg

Profesionais de 41 países interesados en mellorar as cidades para as persoas están estes días en Pontevedra debatendo e aprendendo sobre un reto que é máis do presente que do futuro, coa cidade galega como modelo no que seguir avanzando. A Placemaking Week Europe Pontevedra non é un congreso ao uso, conta con obradoiros e sesións de traballo máis técnicas, pero tamén está aberta ao conxunto da cidadanía facendo uso do espazo público.

″Para nós é significativo e un orgullo que todos estes especialistas viñeran a Pontevedra. Repensar as cidades, ademais pensando nas persoas, é o que fixemos en Pontevedra durante moitos anos. Que neste momento sexamos o centro do debate sobre o futuro paréceme importante para a cidade porque significa que estamos posicionados no mapa para o resto de Europa, pero tamén do resto de continentes, e porque isto nos vai permitir aprender de xente que está na vangarda a todos os niveis e contrastar o noso modelo para ver por onde temos que seguir implementándoo″, salienta o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

O encontro Placemaking Week Europe Pontevedra reúne a profesionais multidisciplinares de 41 países para levar o 'placemaking', que aglutina as prácticas urbanas participativas, democráticas e sostibles arredor do espazo público, ás cidades e mellorar a súa calidade de vida

O concepto do placemaking é un gran paraugas para aglutinar todas as prácticas urbanas participativas, democráticas e sostibles arredor do espazo público. ″Supón entender o urbanismo desde a comunidade e o espazo público e non desde o deseño e a infraestrutura″, explica Ramón Marrades, director da fundación sen ánimo de lucro Placemaking Europe, que organiza o encontro, con sesións abertas ao público na Praza do Teucro [en caso de choiva, no Teatro Principal] este mércores, xoves e venres a partir das 19.00 horas. 

″Aquí non veñen só arquitectos ou enxeñeiros, tamén contamos con expertos en medio ambiente, deseñadores, persoas que traballan coa comunidade, activistas, funcionarios... A perspectiva é moi transversal, o máis importante non son os nomes, senón as aprendizaxes que se constrúen. Dos 250 profesionais de fóra do Estado español que están aquí hai un terzo que traballa en consultoría ou distribucións internacionais, outro que traballa desde o sector público e as que traballan desde o activismo comunitario a pé de rúa. O máis interesante vai chegar desde a interacción entre todos″, asegura Marrades.

No encontro abordarase "como o atractivo urbano de Pontevedra pode xerar tamén prosperidade económica a través de garantir que as persoas queden aquí a vivir ou regresen" ou "como pode ser o futuro da ría despois de Ence"

Falarase de xustiza e reparación, e de loita contra a crise climática, porque disto tamén se constrúen as cidades pensadas para mellorar a calidade de vida da súa veciñanza. A capacidade de transformar as urbes desde diferentes eidos está na base deste encontro, no que se abordarán, como destaca Ramón Marrades, catro desafíos locais para a Pontevedra do futuro: ″Como o atractivo urbano de Pontevedra pode xerar tamén prosperidade económica a través de garantir que as persoas queden aquí a vivir ou regresen; pensar como pode ser o futuro da ría despois de Ence, ou que deberiamos facer para evitar unha actividade contaminante e reverdecer a ría creando oportunidades de emprego; cales deben ser os usos do convento de Santa Clara que vén de adquirir o Concello; e como podemos recuperar a memoria mariñeira do peirao das Corvaceiras, devolvendo este espazo á cidadanía″.

Creating better cities together (Facendo cidades mellores xuntas) é o lema destas xornadas e o título dunha das sesións chave, na que diferentes expertos explicarán como incorporan o placemaking, ese urbanismo participativo do espazo público, para a mellora dos lugares. Un deles é David Sim, urbanista creador do concepto soft cities e coñecido por ter traballado con Jan Gehl, referente mundial polo seu traballo na capital de Dinamarca, Copenhague, que falará desde o punto de vista do deseño. Robin Abad, responsable das políticas públicas do Concello de San Francisco para a xestión da COVID no espazo público, que tratará o placemaking desde o eido da Administración. Viviana Cordero, experta na ′cidade dos nenos′. E Fredrik Lindstål, exvicealcalde de Estocolmo actual presidente do Porto da cidade, que falará tamén desde as institucións públicas.

"Hai que rachar con esa división do urbano e do rural e comezar, por fin, a falar do territorio como un todo", afirma Teresa Táboas

É certo que as cidades son as protagonistas, pero nunha das sesións –baixo o título Transecto– a arquitecta, exconselleira de Vivenda e Solo e membro do Consello da Unión Internacional de Arquitectos Teresa Táboas e o ex-director executivo de ONU-Habitat, ex-alcalde de Barcelona, ex-ministro de Industria e presidente de Agora. The New Urban Conversation Joan Clos van explorar a concepción do territorio como un todo, sen separar o urbano do rural. ″Hai territorios que son depredadores doutros, polo tanto, transecto refírese a que hai que rachar con esa división do urbano e do rural e comezar, por fin, a falar do territorio como un todo. En grande medida a crise climática ten que ver con este modelo neoliberal de crecemento sen límites, que tamén medra co feito urbano. As grandes cidades danlle as costas ao resto de territorios e provocan diferencias tremendas no económico e social. Hai que tecer o futuro entre esas dúas realidades″, debulla Táboas.

Nesa dicotomía rural/urbano Galicia sería un territorio perdedor. Porén, acollendo o territorio como un continuo, sae gañando. ″Galicia é un territorio subministrador. Nós xeramos unha serie de subministros que as grandes cidades precisan, por exemplo a propia capital do Estado español, desde alimentos á enerxía; pois haberá que compensar a eses territorios. Porque nesa descompensación está tamén o feito de que o rural se vaia baleirando pouco a pouco. Temos que xerar un novo rural para o século XXI e a única fórmula é transitando ese transecto″, defende Teresa Táboas.

"Traballar por unha cidade pensada para as persoas, con características de ser de vangarda, innovadora e creativa, tamén xera actividade económica", sinala o alcalde

Para a arquitecta, o prisma do debate tamén debe mudar, para que o debate non se produza só desde a cidade. ″Grazas ás novas tecnoloxías e ás novas maneiras de comunicarnos, hoxe en día é posible que o rural sexa tamén creador da sociedade do século XXI e que sexa consciente, tome partido, para solucionar os retos que temos por diante. O rural é o territorio que ten que xogar un papel chave porque nel radica a biodiversidade, que tanta importancia sabemos que ten″, engade Táboas, que lembra a singularidade do modelo galego, que o urbanista portugués Nuno Portas designou como ′rururbano′ a ″eses continuos, que non son nin rural nin urbano, ao longo das nosas estradas. É algo moi propio de Galicia e do Norte de Portugal, esa liña case continua que vai unindo territorios″.

O alcalde de Pontevedra celebra que "na inauguración participou unha parte importante da sociedade pontevedresa, nós queremos que participen tanto a veciñanza como as empresas porque aquí hai empresas que acompañaron todo o desenvolvemento urbano desde que comezamos facendo achegas innovadoras". "Ao final, traballar por unha cidade pensada para as persoas, con características de ser de vangarda, innovadora e creativa, tamén xera actividade económica; moito máis neste contexto globalizado no que co teletraballo xa temos xente que vive aquí e traballa para outros continentes. O feito de ter unha boa calidade de vida atrae xente para vivir e tamén talento″, argumenta.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o director de Placemaking Europe, Ramón Marrades, na inauguración do encontro © Placemaking Europe

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.