O mundo multipolar e a paz

Bandeiras dos EUA e de China Dominio Público

Por se había algunha dúbida que se vai a cara a unha nova repartición no dominio do mundo, só vexamos uns poucos acontecementos dos últimos meses.

1.- Decembro de 2022, o líder chinés, Xi Jinping, asinou acordos estratéxicos con Arabia Saudita en materia tecnolóxica e enerxética, entre outras moitas; 34 para ser exactos, co que, en plena guerra de Ucraína, Arabia Saudita afástase dos EEUU e Gran Bretaña.

2.- Marzo de 2023, China auspicia un histórico acordo para que Irán e Arabia Saudita restablezan relacións. A intermediación de Pequín rompe o eixo antiTeerán que Israel e Estados Unidos pretendían levantar con apoio de Riad.

3.- Marzo de 2023, Irán e Arabia Saudita eran só o principio. China presenta un 'plan de paz' para acabar coa guerra de Ucraína.

4.- Marzo de 2023, Xi convida a Sánchez a Pequín en pleno intento de mediación na guerra de Ucraína, cando o Estado Español vai presidir o Consello da Unión Europea. O presidente español, envorcado na súa axenda internacional polo semestre europeo, viaxará a China o 30 e o 31 deste mes.

5.- Marzo de 2023, Putin asegura que o plan de paz de China "pode ser a base para resolver o conflito en Ucraína". Pola súa banda, Zelenski ábrese a unha posible reunión con Xi Jinping tras o plan de China.

6.- Marzo de 2023, Vladimir Putin preside o primeiro cume Rusia-África. O mandatario recibiu en Sochi a 43 de líderes africanos cos que buscará fomentar máis acordos e fortalecer as relacións, co obxectivo de facer presenza nun continente cunha influencia maioritariamente occidental. Rusia condona máis de 20.000 millóns de dólares a África.

7.- Marzo de 2023, a armada española dedícase a vixiar á armada rusa en augas internacionais. O Sentinela, buque con base en Ferrol, seguiu e monitorizou este martes á fragata Admiral Kasatonov e ao barco cisterna Akademik Pashin. A armada portuguesa ía facer o mesmo no Atlántico, pero os mariños negáronse a ir ao buque, polo seu mal estado.

8.- Marzo de 2023, crise no Credit Suisse, o maior investidor de Credit Suisse Group AG CS, co 13% das accións, o Banco Nacional Saudita, provocou que as accións do banco de investimentos suízo baixasen ao non acudir á ampliación de capital coa que buscaban saír do buraco.

Mentres, os cada vez máis illados EEUU, o seu fiel servidor Gran Bretaña, e a UE, gritan como posesos que hai que derrotar a Putin (utilizando o método recomendado por Goebbels de "personalizar" o inimigo, "atribuíndolle” todos os males do mundo). Discuten se armar máis a Ucraína ou non, desde os “falcóns” como os británicos, quen anunciaron que van enviar armamento con uranio empobrecido, ou os polacos, que comezaron a facilitar avións, até as pombas como o Estado Español, que se limita a enviar catro tanques maltreitos (non ten moito máis, a verdade), ou Francia que bastante ten coa revolta obreira e popular contra as consecuencias da crise e a guerra.

Pero non nos confundamos, como fan certos sectores da esquerda ligada ao "castro chavismo"; a política rusa ou chinesa é todo menos antiimperialista. O seu “antiimperialismo” é querer substituír ao euro norteamericanos na hexemonía mundial, que é onde apuntan estes movementos de Putin e de Xi, e non buscar acabar coas relacións sociais de produción capitalistas que sosteñen a existencia do imperialismo.

É de sospeitar que nin Putin nin Xi teñen a menor intención de acabar co capitalismo, senón reforzar a posición das súas respectivas burguesías no concerto mundial, ante unhas potencias, o euro norteamericanas en franca decadencia: 50 bancos norteamericanos están ao bordo da quebra.

Estes sectores da esquerda, confundidos no mellor dos casos pola retórica "marxista" de China e “antinazi” de Rusia, fraco favor fanlle á causa da loita contra o capitalismo; fan o que Lenin criticou duramente aos que nun conflito entre potencias capitalistas, situábanse no bando dun deles: "non se pode engordar ao mozo imperialista fronte ao decrépito imperialista". E isto, ao adornar aos Putin ou Xi, é o que fan, "engordar" a estes fronte aos decrépitos Biden e ...; bo, dos europeos mellor non falar, porque son unha cortiza na tormenta.

Imos a un mundo multipolar, pero isto non significa que sexa un mundo mellor, antiimperialista e menos que menos, anticapitalista. Gañe quen gañe neste conflito internacional larvado, que está en erupción en Ucraína, o capitalismo seguirá a súa senda de explotación e saqueo de riquezas naturais. Ademais, os plans de paz parciais, como o de China para Ucraína, son, iso, parciais; os novos dirixentes chineses ten claro que, tarde ou cedo, van chocar cos EEUU e os seus fieis aliados do acordo militar AUKUS (Australia e Gran Bretaña), e por iso aumentaron o seu orzamento militar até o 7% do PIB.

Como dicía Marx, “entre dous dereitos, quen decide é a forza”, e máis aló das manobras da burguesía chinesa á que a actual situación pre bélica non lle interesa para nada, pois lle impide desenvolver “en paz” os seus negocios: Nova Ruta da Seda, semicolonización de África e América Latina, etc., o certo é que a humanidade ten moitos boletos para que se repita a historia da primeira metade do século XX, esa “longa noite de pedra” que vai de 1914 a 1945, só rota con momentos de esperanza como a revolución de Outubro.

O “mundo multipolar” que din defender non significa un mundo máis en paz, posto que nin o decadentes euro norteamericanos van ceder o cetro polas boas, nin o chinés rusos faranse con el sen loitar. A enfrontar esta situación é ao que nos debemos preparar, se queremos, de verdade, un mundo en paz.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.