O nacionalismo emancipador ante a Unidade Popular

1. Fóra o mundo xira. Problemáticas teóricas similares, e efecto bolboreta

A Turquía de Tayyip Erdogan é unha realidade específica complexa e diferenciada, por infinidade de motivos, á do Reino de España ou calquera outra que participe do espazo económico e político-institucional sometido hoxe ao diktado do capital alemán. Pódense facer, iso si, analoxías resumidamente (e, por isto, inexactas) a respecto da súa deriva autoritaria nos últimos anos e dos fenómenos organizados de resposta confluente, democrática e democratizadora que produce.

O HDP (Partido Democrático dos Pobos) sen arrombar as reivindicacións pro-kurdas e pro-minorías promove unha axenda política crítica para todo o estado

Alí, nas pasadas eleccións do 7 de xullo, apareceu con relativa forza (80 deputados nun dos sistemas electorais máis ríxidos do mundo) a contestación directa ao islamismo conservador dominante desde un partido de esquerda alternativa “radical” configurado arredor de organizacións previamente extra-parlamentarias, impulsadas e apoiadas pola minoría kurda: o HDP (Partido Democrático dos Pobos); sen arrombar as reivindicacións pro-kurdas e pro-minorías promove unha axenda política crítica para todo o estado incorporando a metade das candidatas mulleres, os dereitos da colectividade LGTB, o combate contra a pobreza, as desigualdades e o servizo militar obrigatorio, a defensa do medio ambiente ou a aposta participativa horizontal de base local: “só queremos representar aos oprimidos, non inventamos nada novo”, di o seu carismático líder Selhattin Demirtas. Unha aposta modernizadora na patria do semi-deus Atatürk. Nútrese de notable apoio xuvenil ligado ás mobilizacións do parque Gezi de Istambul durante o chamado 15-M turco. Consecuencias da mundialización na fronteira entre Oriente e Occidente.

Algúns dos seus aliados internacionais atopámolos entre Die Linke, EH Bildu ou Syriza. E o estado turco mailos seus servizos de intelixencia, coa colaboración inestimable da extrema dereita racista anti-kurda, veñen de declararlle unha guerra encuberta en todo o territorio, atentados e asasinatos incluídos, considerándoos “un perigo para a democracia”, “populistas” ou “defensores de terroristas”, e poñendo así colateralmente en perigo o precario equilibrio existente no proceso de paz coa guerrilla do PKK alén do conflito na fronteira siria, que o contamina todo de novo debido ás derivacións da política de trazo groso que interesan ao réxime. Sangrando e berrando aínda a inxustiza e a catástrofe humanitaria de Kobane como paradigma de resistencia á presión nihilista do auto-proclamado Estado Islámico e o bombardeo de posicións revolucionarias por parte da aviación. E isto no contexto dunha crise de refuxiados que, coma se dun efecto bolboreta se tratase, repercute aquén da vella Europa-fortaleza. Novos fitos dunha mundialización abrupta.

Este movemento tan plural de resposta coordínase sobre a base dun proceso de acumulación e de unidade popular pluri-nacional que ambiciona remover e rexenerar por completo o corrupto estado do que fai parte

Este movemento tan plural de resposta coordínase sobre a base dun proceso de acumulación e de unidade popular pluri-nacional que ambiciona remover e rexenerar por completo o corrupto estado do que fai parte, entendendo a unidade electoral de ata oito organizacións coma unha decisión táctica en tempos de emerxencia no social e no que atinxe á problemática das nacións oprimidas. Aglutinadas, iso si, nun único partido. Obxectivo: instaurar un novo estado, entendido coma unha nova permanencia, nun contexto de complexidades e ameazas cruzadas tan forte como é Turquía arestora. Como tamén Allende entendera, xa daquela, as necesidades e reivindicacións do pobo mapuche e as violencias que arrastraba secularmente. Como entendía Syriza en orixe ata que bateu coa irracionalidade implacable da Troika e trocou impotencia, aínda sen conflitos étnicos e nacionais internos de relevancia.

 

2. Aceleración histórica, fragmentación ineludible e resposta popular:

Como entendía Syriza en orixe ata que bateu coa irracionalidade implacable da Troika e trocou impotencia, aínda sen conflitos étnicos e nacionais internos de relevancia

Hai unha evidencia: a composición do novo Congreso dos Deputados será inédita, fragmentada e medirá o resultado do traballo político cooperativo e desde a base destes anos. Maio de 2011, a parte das interpretacións e lecturas posibles, cuestionouno todo. Supuxo a “volta á vida” da política no conxunto do estado español (interpreta así o pakistaní Tariq Ali a sepultura do tatcherismo e da Terceira Vía aberta por “Bloody” Blair no Reino Unido coa vitoria do laborista esquerdista Jeremy Corbyn).

A esquerda europea esperta dun letargo que dura décadas), máis alá das dinámicas propias das nacións no seu seo, como a galega

A esquerda europea esperta dun letargo que dura décadas), máis alá das dinámicas propias das nacións no seu seo, como a galega. Catro anos que comportaron dez, en canto aceleración histórica vivida: endurecemento do modelo neoliberal-conservador e privatizador, regresión en dereitos e liberdades individuais e colectivas, precarización laboral e desemprego explotador, afloramento da corrupción masiva que, como a couza, afectou de cheo non só á lexitimidade dos principais partidos que sosteñen unha Monarquía obrigada a mover ficha coa abdicación real se non á institucionalidade toda, etc… É dominio público que a oligarquía financeira (Rato, Blesa, Botín, Pujol…), ademais de ser a máis beneficiada coa Gran Estafa, foi quen alimentou e irrigou este Réxime da Corrupción e aposta por perpetualo mediante novas ferramentas de restauración sistémica.

O 27S dará conta dun percorrido que desembocará previsiblemente nunha sorte de proceso/s constituínte/s. Ou en perigosa parálise. A tensión social e nacional estirando, conxuntamente e como resposta, as costuras dun status quo insostible

Pero anticípase a posibilidade dunha Tangentópoli á española, unha vez certifíquese a irrelevancia política en Catalunya dos dous partidos centrais que articularon a representación maioritaria desde a Transición. O terceiro partido do sistema político e, normalmente, primeiro alí (Convergència) viuse obrigado a xogar o farol da ruptura subíndose á onda independentista. O 27S dará conta dun percorrido que desembocará previsiblemente nunha sorte de proceso/s constituínte/s. Ou en perigosa parálise. A tensión social e nacional estirando, conxuntamente e como resposta, as costuras dun status quo insostible. A Candidatura d´Unitat Popular medrará cun discurso alternativo e estratéxico de fondo moito máis ambicioso e anovador e coa potencia destituínte que lle confire ser a herdeira da tradición libertaria e do PSUC nun escenario político distinto ao noso. Moito máis rico e diverso, desde sempre.

 

3. A nosa encrucillada

Os procesos xenuínos de unidade popular xorden, histórica e invariablemente, en tempos de excepción e crise. Na encrucillada

Os procesos xenuínos de unidade popular xorden, histórica e invariablemente, en tempos de excepción e crise. Na encrucillada. Son sinais de alerta e consecuencia natural de momentos nos que o poder instituído violenta tanto a tantos durante tanto tempo: neste punto son inexorables. Poden trunfar. E fracasar. Pero ante eles só caben dúas actitudes posibles desde a esquerda: facer parte e procurar acomodo dentro, ou ficar á marxe. E este é hoxe un dilema que afecta e afronta tamén, outra volta, un nacionalismo galego que perdera corda e conexión coa súa base social potencial desde comezos de século.

As mareas, de momento, non terán refluxo nin acadaron pleamar. Foron outro síntoma máis das mudanzas dun imaxinario colectivo que demanda novos actores

En parte del non houbo unha lectura positiva do ciclo que abriu o 15-M. Considerouse un fenómeno esóxeno e inocuo mentres en Catalunya foi carburante, como pouco no ámbito urbano, do proceso no que se atopa inmersa. Tampouco leu correctamente o que significou a irrupción de AGE en 2012 e a de Podemos no 2014, nin a mensaxe que lanzou o resultado do 24 de maio nas municipais: as mareas, de momento, non terán refluxo nin acadaron pleamar. Foron outro síntoma máis das mudanzas dun imaxinario colectivo que demanda novos actores, novas dinámicas e a cristalización dun ethos novo e plural que xerminou nas loitas da rúa destes anos e se manifestou xa electoralmente. Non facer parte del, sen renunciar ao obxectivo estratéxico da “liberación nacional” e a superación do capitalismo, pode ocasionar un retroceso de consecuencias definitivas dado o imaxinario de transición do tempo que tocou vivir. E dadas as prioridades do común dos cidadáns máis agredidos.

Regresan as contradicións teóricas de finais dos anos 70 nun escenario aínda menos proclive aquí, se cabe, á vía isolacionista. En corenta anos moitas cousas mudaron aínda que permanecera a dependencia: instauráronse a cativa autonomía por vía dunha ineficaz descentralización político-administrativa, o desenvolvemento do “estado de benestar” ata a súa crise, a entrada na UE ou a influencia crecente do sistema mediático e Internet na difusión da información e na conformación do pensamento. Pero revalidar a colaboración táctica, de fraguar de novo, non poderá producirse a calquera prezo: nin renuncia ao caudal e capital simbólico, nin renuncia ao fundamento ético do galeguismo histórico, nin renuncia da soberanía para defender a resolución dos problemas propios e a singularidade nacional.

 

4. Podemos e Esquerda Unida non son o HDP. Nin nos kurdos.

Se algo hai que urxe agora é tronzar, canto antes, a desastrosa hexemonía neoliberal no conxunto do espazo europeo. O resultado desta foi (está sendo) nefasto. E a articulación da resposta alternativa no estado español está repleta de contradicións, complexidades e atrancos significativos. Pero tamén de avances e consensos fundamentais entre as forzas “do cambio”: desaloxo da mafia travestida de partido político, blindaxe dos dereitos sociais e laborais, preocupación polo sector e os servizos públicos, saída equitativa da mal chamada crise económica e os seus efectos, novos mecanismos de control e participación democrática contra a partitocracia, dereito a decidir e proceso/s constituínte/s …

Teoricamente faise complexa a conciliación coa concepción nacional-popular do soberanismo galego a non ser que acordemos que vivimos tempos de emerxencia extraordinaria e sería un entendemento meramente táctico sobre elementos compartidos

É certo que a tradición do vello PCE e Esquerda Unida dirímese entre dúas visións arredor do dereito dos pobos á libre determinación. Tamén o é que Podemos declarativamente o respecta, a falta dunha maior concreción e praxe efectiva. Este concilia nacional-populismo e soberanismo español con outras posicións ideolóxicas, mais re-interpretando o/s suxeito/s popular/es en termos plurinacionais. Teoricamente faise complexa a conciliación coa concepción nacional-popular do soberanismo galego a non ser que acordemos que vivimos tempos de emerxencia extraordinaria e sería un entendemento meramente táctico sobre elementos compartidos. O primeiro é un partido asentado con longa historia que fai hoxe unha aposta de unidade popular e ruptura. O segundo pariuno (non só) unha cúpula madrileña de notables que se estende, como referente e vector principal (pero non o único) de cambio, por todo o estado. Pola contra, o HDP constrúese de partida con elementos kurdos e organizacións socialistas curtidas na marxinalidade. A alianza coñécese coma o “Podemos turco” ou o “Syriza turco”, mais toda comparación é sempre odiosa.

Antes de hoxe fóronse tecendo as complicidades necesarias para facelo posible maximizando as posibilidades de situar a Galiza coma un actor tamén fundamental no máis inmediato

No que si coincide cos procesos de acumulación e mestizaxe aquí ata agora é coa necesidade de defender os valores da igualdade, a liberdade e a xustiza en oposición aos do mercantilismo e o conservadurismo desde unha óptica antagonista de re-fundación onde os pobos poidan decidir libremente o seu futuro. E iso é unha ameaza e unha oportunidade para as forzas “periféricas”. Alí decidiron construír mancomunadamente. Aquí haberá que decidilo cedo e a decisión, sendo difícil, pode supor un éxito ou un fracaso para xeracións. Sen esquecer que a forza motriz dun pobo non reside nos partidos, nos seus líderes ou unicamente nos resultados electorais, se non no movemento. E a forza e vigor do movemento mídese na capacidade de condicionar a axenda e socializar as súas prioridades políticas. O acomodo xurídico non pode ser un atranco insalvable se efectivamente hai vontade, responsabilidade, lealdade e ambición. Sabendo que antes de hoxe fóronse tecendo as complicidades necesarias para facelo posible maximizando as posibilidades de situar a Galiza coma un actor tamén fundamental no máis inmediato. Agora. Cómpre arriscar soamente sendo leais ao pobo galego!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.