Debater é a esencia mesma da política. Se temos medo ás ideas o asemblearismo será unha palabra baleira de contido. Nunha sociedade atravesada polo inmediato e efémero efecto da imaxe televisada e da comunicación electrónica manter a importancia do diálogo como exercicio democrático soa case imposíbel. Mais hai momentos e circunstancias excepcionais que obrigan a todos e todas a detérmonos, por trepidante que sexa o día a día político, e esforzarnos a buscar ese mínimo común denominador entre ópticas diferentes.
Un deses momentos está aquí e agora, na Asemblea Nacional do BNG. A situación da principal organización nacionalista galega esixe deste esforzo de debate e sinceridade. Pouco podemos engadir sobre esta situación que non se teña analizado polo miúdo en diferentes artigos e entrevistas. O devalo electoral é claro desde os últimos quince anos, sendo especialmente acusado nos últimos e incontestábel nas eleccións de decembro ao non chegar a ese limiar simbólico do 5% de votos. Aínda sabendo que o electoral non é un único factor a ter en conta para testar un proxecto político, é certo que a presenza nas institucións é un aspecto básico para unha forza que aspira a transformar a realidade económica e social da súa nación.
O electoral non é un único factor a ter en conta para testar un proxecto político, pero a presenza nas institucións é un aspecto básico para unha forza que aspira a transformar a realidade económica e social da súa nación
A Galiza que habitamos difire daquela que viu nacer en 1982 o proxecto frontista. O seu carácter profundamente urbano, tanto pola concentración da poboación como polos modos de vida actuais, e os efectos dunha forte crise económica que frustrou as expectativas laborais e vitais de miles de persoas, requiren dunha análise polo miúdo -algo que excede o cometido deste artigo- que deite luz sobre o divorcio entre a base electoral do nacionalismo e o BNG.
Para min non hai dúbida que a existencia do proxecto nacionalista é fundamental para a supervivencia de Galiza, mais estamos obrigadas e obrigados a formularmos se asistimos a un fin de ciclo para o proxecto tal e como o coñecemos as e os que levamos varias décadas de militancia. As dinámicas que funcionaban, agora semellan esgotadas. En momentos así cómpre innovar. Isto esixe refundar o proxecto nacionalista. O reto non é de orde menor.
Sería bo facer unha profunda autocrítica e, en consecuencia, iniciar un proceso de refundación do nacionalismo na próxima Asemblea Nacional que se desenvolva desde a base mesma da militancia
Para este cometido catro son os ámbitos básicos que cómpre revisar ou na linguaxe máis coloquial “resetear”. En primeiro lugar, o ámbito político. O nacionalismo do futuro debe manter os seus principios, desde a necesaria anovación social, para ser quen de articular un espazo útil para todas aquelas persoas que con vontade transformadora loitan e traballan pola liberdade do noso pobo. Debe ser un instrumento de entendemento das pulsións sociais e populares para a nosa liberación social e nacional. Para este fin sería bo facer unha profunda autocrítica e, en consecuencia, iniciar un proceso de refundación do nacionalismo na próxima Asemblea Nacional que se desenvolva desde a base mesma da militancia. Para esta andaina, arriscada e non exenta de problemas, é preciso manter a unidade do BNG, aumentar o seu pluralismo, dar paso a diferentes voces, renovar, dar alento a unha estrutura máis dinámica e menos burocratizada. A experiencia de NÓS-Candidatura Galega e o caudal de apoios que poida implicar poden ser un punto de inicio para a posta en marcha do proceso constituínte do novo ciclo político.
En segundo lugar, no referido ao ámbito social existe un cambio xeracional importante no xeito de exercer a protesta e o activismo. Desde as formas máis clásicas do activismo sindical e agrario até a actualidade median varias décadas de incorporación de novos problemas e novos xeitos de combatelos. Polo tanto, o que se espera hoxe da participación política nos movementos sociais é que esta sirva de acompañamento. Isto obriga a nos corresponsabilizar das propostas que se asumen colectivamente e a apostar decididamente por unha maior reciprocidade nos procesos de toma de decisións.
Non debemos ter medo a explorar todas as posibilidades de alianzas puntuais con aquelas forzas que poidan facilitar a consecución dun cambio político en Galiza, sempre que se dean certas condicións e que permitan ao BNG seguir como proxecto plenamente autónomo
Na perspectiva electoral, terceiro ámbito de intervención, tamén o contexto determina retos importantes. Coma nacionalistas galegas e galegos, representamos en Galiza a antítese natural do Partido Popular e, xa que logo, para nós constitúe un obxectivo prioritario e que non admite demora o seu desaloxo de todas as institucións. Non debemos ter medo a explorar todas as posibilidades de alianzas puntuais con aquelas forzas que poidan facilitar a consecución dun cambio político en Galiza, sempre que se dean certas condicións e que permitan ao BNG como proxecto plenamente autónomo seguir en activo e marcar un programa ambicioso de mobilización política e social.
O BNG está pasando por unha fase difícil, pero é unha organización forte, coñecedora do país e uniformemente implantada por todo o territorio. Necesitamos definir unha nova política de alianzas flexible que permita alianzas puntuais de concorrencia electoral que de ser o caso deberían ser aprobadas nun proceso asembleario. Todo isto sen renunciar a principios básicos, como poden ser: a) a defensa do dereito efectivo de Galiza á súa autodeterminación, b) defensa irrenunciábel dos sectores produtivos de Galiza sobre calquera outro interese, c) defensa e recuperación dos servizos públicos, d) creación dunha banca pública galega, e) defensa da lingua e cultura propia.
O asemblearismo, a participación, a transparencia e a política feminista e de identidade de xénero deben ser piares que sosteñan a nova arquitectura
Por último, o aspecto organizativo tamén require dun tempo de reflexión e anovación. Se abrimos un proceso de refundación principios como o asemblearismo, a participación, a transparencia e a política feminista e de identidade de xénero deben ser piares que sosteñan a nova arquitectura.
Hai 100 anos as Irmandades da Fala iniciaban un camiño para crear conciencia nacional e acadar os dereitos de Galiza como nación no mundo. É hora de tecer alianzas dentro da nosa organización, de dar debates plenos e recoñecérmonos como portadoras e portadores dun legado que ven de vello e que debemos legar ás xeracións do futuro, se como irmás e irmáns falamos.