O necesario cambio na gobernanza do Sergas

Sede da Consellería de Sanidade e do Sergas CC-BY-NC-SA CIG

Lonxe da refundación do capitalismo, como algún dirixente político europeo de entón chegou a formular, a crise do 2008 obrigounos a seguir bebendo cuncas dun caldo cada vez máis acedo. Executáronse recortes nos servicios públicos baixo a compracencia dos nosos gobernantes co paradigma ultraliberal, non dubidando en crear espazos de negocio alí onde tan so debería haber servizo público.

Toca repensar a nosa sanidade pública. Máis alá do necesario reforzo orzamentario do Sergas, faise preciso debater sobre cambios máis profundos na súa organización, permitindo aflorar os determinantes focos de ineficiencia que nela habitan e medran

A fenda orixinada pola actual pandemia amosa as eivas dun desenvolvemento económico multiplicador de desigualdade e alerta sobre a necesidade de potenciar as nosas institucións comunitarias.

Toca repensar a nosa sanidade pública xa que, máis alá do necesario reforzo orzamentario do Servicio Galego de Saúde (SERGAS), faise preciso debater sobre cambios máis profundos na súa organización, permitindo aflorar os determinantes focos de ineficiencia que nela habitan e medran.

Estes espazos de ineficiencia proliferan como unha enredadeira nos procesos da asistencia sanitaria. Pero hai un mal de raíz nesta enredadeira que se espalla por toda a súa ramaxe: trátase do seu modelo de gobernanza, concibido darriba abaixo como unha cadea de confianza política. 

Non é que non existan cualidades técnicas nos profesionais elixidos para os postos de responsabilidade, pero non son o factor determinante da súa escolla, sendo a súa adscrición personal ou ideolóxica ao partido no goberno a que condiciona a súa chegada a tales postos.

Non é que non existan cualidades técnicas nos profesionais elixidos para os postos de responsabilidade, pero non son o factor determinante da súa escolla, sendo a súa adscrición personal ou ideolóxica ao partido no goberno a que condiciona a súa chegada a tales postos

A cadea de confianza política deturpa a relación das equipas directivas cos profesionais, dado o espallado convencemento entre éstes de que a función básica daquelas é a de resgardar a acción política emanada dende a Consellería de Sanidade, e só moi secundariamente tratar de resolver os problemas cotiás e implementar solucións de futuro.

É dicir, a encomenda fundamental das equipas directivas está básicamente centrada na campaña electoral permanente na que viven os cargos políticos, contaxiándose así do obxectivo inherente á cativa función política, cal é o de amplificar os éxitos, reais ou ficticios, e agochar os fracasos. 

A miúdo pervertendo a dignidade profesional dos traballadores, que se senten esquecidos dunha xestión cortoplacista, de finalidade electoralista, que tende a maquillar a realidade cotiá, que prioriza os obxectivos políticos sobre os asistenciais e que non dubida en precarizalos e espremelos en beneficio dunhas contas de resultados sempre relucentes cando se ofrecen públicamente.

Esta eiva de orixe condiciona negativamente o liderado das equipas de goberno: marxina a súa compoñente técnica, incapacitaas para representar axeitadamente os profesionais ao seu cargo, imposibilita que os obxectivos estratéxicos, de habelos, sexan asumidos e partillados polos diferentes estamentos profesionais, viciando a súa acción de mando, sempre sospeitosa de obedecer a criterios políticos e non organizativo-asistenciais.

Os traballadores séntense esquecidos dunha xestión cortoplacista, de finalidade electoralista, que tende a maquillar a realidade cotiá, que prioriza os obxectivos políticos sobre os asistenciais e que non dubida en precarizalos e espremelos en beneficio dunhas contas de resultados

Procesos tan estratéxicos como os nomeamentos de xefaturas son percibidos polos profesionais como un reparto de cargos entre candidatos da máxima confianza e non da máxima valía técnica. Cando non a cruda demostración das cualidades de sumisión e acatamento ás directrices emanadas de máis arriba.

Ven sendo así porque estes procesos de selección baséanse na constitución duns tribunais avaliadores que non deixan de ser correas de transmisión dos intereses da dirección. Son boa mostra desta perversión as numerosas sentencias que nos últimos anos teñen responsabilizado ao SERGAS por incumprir a consideración de mérito e capacidade nestas avaliacións.

Ou qué decir da xestión da información dos balances de resultados do SERGAS, axeitadamente maquillados para beneficio dos responsables políticos e case nunca ben aproveitados para unha racional toma de decisións na mellora organizativa e asistencial.

Se as maneiras do Partido Popular témolas ben interiorizadas tamén somos coñecedores de que non hai na oposición política unha clara aposta por un cambio de modelo de gobernanza. A experiencia amosa que aquel partido que ocupe a Consellería de Sanidade encherá coa súa xente o organigrama directivo do SERGAS. É posible que sexan máis creentes no sistema sanitario público e que potencien os orzamentos, en especial da Atención Primaria como eixo do sistema, pero as eivas aquí relatadas seguirán manténdose e quentando o caldo de cultivo no que medra a desafección dos profesionais hacia a institución.

Non acadaremos unha reformulación eficiente do sistema sanitario público galego namentres o partido no goberno, sexa cal sexa, siga a empregar o SERGAS como unha axencia de colocación

O nivel asistencial non se sosterá se non se alenta o compromiso dos traballadores coa institución, adicando tempo, traballo e coñecemento, achegando ideas e ilusión, dando o mellor de sí para erguer a calidade do SERGAS que, como estamos a ver nestes días, configurase como institución imprescindible para o ben común da nosa sociedade. 

Este devezo dos profesionais seguirá tronzándose paulatinamente baixo o modelo de gobernanza que estamos a sofrir, e por iso faise preciso que se vexan representados nuns liderados naturais emerxidos do propio sistema e non forzados por adscricións políticas.

Non acadaremos unha reformulación eficiente do sistema sanitario público galego namentres o partido no goberno, sexa cal sexa, siga a empregar o SERGAS como unha axencia de colocación para a súa particular campaña de imaxe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.