O neno do lobo

Manuel Suárez, no tempo no que foi atacado polo lobo ©

O vinte e un de xullo de 1958 cadrou en luns e non foi moi caloroso para estar no verán e nas vésperas do Apóstolo Santiago. Hai quen di que salvei a vida por mor da roupa de manga longa que evitou que a maioría das 33 dentelladas non fosen máis fondas. Non sei pero quizais haxa que atribuílo o forte desexo de ir ata onde emigrara o meu pai. Non sabía onde quedaba xa que con cinco anos eran moi escasos os meus coñecementos de xeografía pero repetía a cotío que eu quero ir a Montevideo. Con cinco anos cumpridos foi cando a miña nai decidiu que había que marchar para que puidese comezar a escola, o primeiro curso, no outro lado do mar.

Hai quen di que salvei a vida por mor da roupa de manga longa que evitou que a maioría das 33 dentelladas non fosen máis fondas. Non sei pero quizais haxa que atribuílo o forte desexo de ir ata onde emigrara o meu pai

O tempo foi pasando pero o meu recordo mantén a súa feitura orixinal. Lembro o lugar onde xogaba con Alberte ---tiña uns anos máis ca min--- moi perto dunha leira na que o meu padriño, Manolo de Xan, estaba a traballar. Estabamos anicados, entretidos cunhas pedriñas nun espazo sen herba cando de súpeto Alberte berra: Manoliño! Que vén o lobo! O meu compañeiro sae fuxindo cara onde está o meu padriño e eu vou detrás del pero antes de chegar ao pasaduiro do valado fun freado por unha dentellada. Despois foi coma estar dentro dunha nube escura. Fun quen de apretar ben as mans contra da cara para tratar de pegarme ao chan. 

Lembro que choraba moito. Supoño que o medo fai que non sintas dor xa que ti non podes ser aquel neno ensanguentado. O que non esquezo é que as dentelladas ían parellas aos meus berros xa que o lobo ou loba deixou de morder cando perdín o coñecemento. Levoume ata un sitio en desnivel, moi axeitado para agocharme, pois a súa intención era voltar pola noite. O meu padriño tardou en atoparme seica arredor de 15 minutos e logo levoume no colo ata a aldea (Santa Baia de Tines-Concello de Vimianzo) onde estaba a miña nai. Subíome na égua e en carreira total achegoume ata a Piroga (Bamiro) que era onde tiña a consulta o médico de ferrado dos meus avós.

O que non esquezo é que as dentelladas ían parellas aos meus berros xa que o lobo ou loba deixou de morder cando perdín o coñecemento

O médico, don Braulio, dixo que necesitaba unha transfusión urxente de sangue e para iso tiñan que levarme a Santiago de Compostela. Falaron con Manolo de Mira que era o dono dun coche de alugueiro. Cruzan a ponte de Baio (Zas) e na Cacharoza collen á dereita con rumbo ao Sanatorio Baltar por unha estragada estrada na que tiveron un pinchazo nunha roda un pouquiño antes da Ponte Faílde en Santa Comba. Cando anos despois falei co señor Mira contoume que lle tremaban as mans e a chave das porcas pero conseguiu apretar os parafusos e levarme a porta do sanatorio onde atendía o famoso doutor Ramón Baltar. 

Don Ramón comentou que “este rapaz está moi frío xa que pasou moito tempo pero imos facerlle unha transfusión para ver se responde”. Pola noite, arredor das nove, falei coa miña nai para dicirlle que tiña sede. Estiven un día internado. Logo e antes de volver para Tines, a miña nai levoume ata a catedral onde petei tres veces no “Santo dos Croques” (moitos anos despois souben que era o Mestre Mateo) e despois a pasear pola Alameda cunha vendaxe arredor da cabeza. Aquí foi onde tiven a primeira experiencia negativa con xente que me recoñeceu e quería escoitar ao propio protagonista. Houbo tamén quen me fixo o sinal da cruz da miña cabeza dicindo que estaba bendecido por Xesucristo. A miña nai fixo de coiraza- parapeto, dicindo a todos que “non lle preguntedes ao neno polo lobo” e tamén “o neno non quere falar do lobo”. 

O médico, don Braulio, dixo que necesitaba unha transfusión urxente de sangue e para iso tiñan que levarme a Santiago de Compostela

O xornal compostelán “La Noche” do 24/7/1958 inclúe unha nota do seu corresponsal en Baio que era Braulio Astray Romero (fillo de Don Braulio) onde expresa o seguinte: 

A las tres de la tarde del lunes 21, y en la cercana parroquia de Tines, del municipio de Vimianzo, una alimaña de gran tamaño atacó al niño de cinco años, Manuel Suárez Suárez, causándole graves lesiones en distintas parte del cuerpo y principalmente en la cabeza y cuello que motivaron su rápido traslado a Santiago, en cuya ciudad se halla internado en el sanatorio del Doctor Baltar. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.