A partir do nacemento do movemento MeToo en 2017, organizacións e gobernos de todo o mundo trataron de brindar unha maior protección ás mulleres modernizando os seus sistemas jxurídicos e promulgando leis que castiguen máis duramente delitos como as agresións sexuais ou as violacións.Porén, países como Suecia, Gran Bretaña ou Dinamarca foron máis aló, e elaboraron normativas que buscan eliminar a ambigüidade existente con respecto ao consentimento nos casos de abuso sexual. Seguindo o seu exemplo, España vén de dar un paso máis cara a aprobación da lei do “só si é si”. Un texto non exento de polémica.
Desde que o Ministerio de Igualdade español anunciara fai ano e medio o borrador da lei, esta superou numerosos escollos tanto xurídicos como políticos. O Consello Xeral do Poder Xudicial e os partidos da oposición consideran que incluír o consentimento é algo innecesario, pois argumentan que o Código Penal vixente xa se basea nel, aínda que non se inclúa expresamente. Ademais, defenden que a incorporación da súa definición pode provocar que nalgúns casos non se respecte a presunción de inocencia do acusado.
O obxectivo final desta lei non é outro que a protección e a defensa da liberdade sexual das mulleres
Todo isto non son máis que escusas baratas que tratan de minimizar un problema real. Se, como estas organizacións afirman, o consentimento fose unha figura ben definida, a polémica sentenza da Manada de Pamplona non tería existido e aqueles actos terían sido xulgados como o que foron: unha violación.
De ter existido unha lei como a do “só si é si”, o xuíz encargado de condenar a aqueles sete individuos non tería interpretado os xestos da vítima, alegando que ela estaba desfrutando porque non se resistía e emitía sons que el consideraba de pracer. Se non existisen diferenzas entre a agresión sexual e o abuso, non teríamos visto como nesa sentenza se afirmaba que non fora unha violación porque non houbo violencia física. De ter existido esta lei, a vítima no tería sido humillada mentres agardaba a que se fixera xustiza.
O obxectivo final desta lei non é outro que a protección e a defensa da liberdade sexual das mulleres. Este texto non só permitirá aos xuíces e xuízas saber de forma clara cando houbo consentimento e cando non, senón que tamén supón un paso adiante cara un sistema xurídico máis igualitario e xusto. Un no que para saber o que aconteceu se preste atención aos feitos e non á roupa que a vítima levaba posta.