O noso dereito ás drogas

©

“Da pel para adentro empeza a miña exclusiva xurisdicción. Escollo eu aquelo que pode ou non cruzar esa frontera. Sou un estado soberano, e as lineas da miña pel resúltanme moito máis sagradas que os confíns políticos de calquera país.” Anónimo contemporáneo (1)
 

Se no encabezamento deste texto se usase a palabra viño en vez de drogas, estou seguro de que habería miradas e sorrisos de complicidade entre os lectores, e non pretendo con este pequeno ensaio máis que argumentar que tal distinción non ten sentido científico, se queremos aproximarnos a este tema cun mínimo rigor.

Se no encabezamento deste texto se usase a palabra viño en vez de drogas, estou seguro de que habería miradas e sorrisos de complicidade entre os lectores, e non pretendo con este pequeno ensaio máis que argumentar que tal distinción non ten sentido científico, se queremos aproximarnos a este tema cun mínimo rigor

O primeiro de todo sería conveniente intentar utilizar as palabras adecuadas intentando non caer en termos con connotacións pexorativas; sei que haberá quen considere estas apreciacións como pouco máis que excentricidades, pero como en todos os debates, as definicións importan. As sustancias ás que me referirei en termos xerais, teñen sido definidas de diversas maneiras, e convén intentar escoller ben cales delas queremos usar; se nunha noticia de prensa lemos que alguén se intoxicou cunha determinada sustancia, a connotación negativa é evidente, e seguro que se leramos que se embriagou, cambia sustancialmente o ánimo co que o lector accede á noticia. Según a fonte que usemos, poderíamos oir falar de narcóticos, alucinóxenos, psicotomimético,…Do mesmo modo téñense usado diferentes maneiras de referirse ás drogas con maior capacidade de inducir estado alterados da conciencia; a palabra psiquedélica refírese a un uso moi circunscrito ás sociedades occidentais, nun contexto xeográfico inicial moi recoñecido, mentras que os expertos prefiren usar termos como enteóxenos, que non serían máis que aquelas sustancias capaces de inducir un “estado inefábel de gracia experimental onde a existencia é espiritual e non material” (A. Hoffman), ou tamén aquelas que inducen o éxtase, entendido como o “estado incorpóreo onde se retrae a alma do corpo” (RG. Wasson). Co mesmo espíritu, fálase de psiconautas como aqueles individuos que empregan como vehículo as drogas enteoxénicas (Junger).

A historia dos enteóxenos é sen dúbida milenaria e se atopa extendida por toda a xeografía alá onde un ser humano puxo os seus pés, pero para a civilización occidental o seu descubrimento é relativamente recente, e debémoslle este “descubrimento” á paixón e entusiasmo dunha xeneración de viaxeiros inquietos de diversos ámbitos, como a antropoloxía, a socioloxía, a bioloxía, a química e a etnobotánica. Os máis relevantes foron Richard Evan Schultes (1915-2001)), biólogo, que en opinión de moitos sentou as bases da etnobotánica moderna, RG Wasson (1898-1986), micólogo e banqueiro, que xunto ca súa muller Valentina Pavlovna, pediatra rusa investigou diferentes fungos xa dende a súa lúa de mel, e coñeceu a María Sabina en México, e Albert Hoffman (1906-2006), químico que aillou a psilocibina e sintetizou o LSD. Todos eles desenvolveron as súas investigación no século XX, pero tamén hai unha segunda xeneración de etnobotánicos moi relevantes, entre os que hai que destacar a Terence McKenna (1946-2000) e Jonathan Ott (1949-); o primeiro deles é sobre todo coñecido por soster que as sustancias enteóxenas puideron ter un papel central como catalizador da evolución inicial da consciencia no Homo Sapiens, e que puideron inspirar a propia experiencia autorreflexiva (2). Por outra parte. Jonathan Ott é autor dun influinte e seminal libro, o Pharmacoteon, que constitúe unha das máis rigurosas aproximacións, sistematización e clasificación das sustancias vexetais con potencial enteóxeno. A clasificación que estableceu de enteóxenos segue tendo moita vixencia, e clasifica estas sustancias en feniletilaminas (peyote, mescalina, noz moscada), derivados indólicos (LSD, ololiuhqui, ergolina, DMT, psilocibina, pocións de ayahuasca), derivados do isoxazol (muscinol, ácido iboténico) e visionarios diversos (atropina, escopolamina, nicotina, salvinorina, tetra hidrocannabinol, kava-pironas) (3). Antonio Escohotado fixo unha clasificación máis práctica e moi últil para iniciarse na literatura das drogas, escollendo como categorías “buscando paz, buscando puro brío, e excursión psíquica”. (1) Todas elas non deixan de ser “distintas portas de mesma casa”, como sostivo David Erritzoe, especialista en fármacos psiquedélicos do Imperial College of London, nunhas recentes declaracións en El País (4), supoño que nun deliberado homenaxe a Aldous Huxley, outro ilustre da literatura relacionada cas drogas. Este investigador traballa nas potenciais aplicacións destas sustancias con fins terapéuticos, e faino con inusual humildade no ámbito científico. Non se pode caer na soberbia de infravalorar os coñecementos de culturas e formas de coñecemento tradicional que descubriron estas sustancias e as usan con sumo respeto e precaución; chama a atención, de acordo D. Erritzoe, que nas experiencias que están recollendo en ámbitos controlados e clínicos, e nunha cultura individualista e moi alonxada da íntima relación co entorno destas culturas tradicionais, “os usuarios descreben unha intensa conexión ca natureza, máis alá das evidentes diferencias culturais e históricas”. De acordo con diversas investigacións, estaríanse atopando campos de aplicación na saúde para o MDMA para o estrés postraumático, ou a psilocibina e a es-ketamina para a depresión. Trátase de sustancias con escasa toxicidade física, e que aplicadas nun contexto controlado abren un universo de investigación, e por suposto un mercado ampliísimo. Tanto é así que ao outro lado do Atlántico, en estados como Oregón e Colorado ou países como Canadá xa se despenalizou o uso dalgunha destas sustancias e se está regulando o seu mercado con fines terapéuticos. É o mercado, amigo (5).

E teñen estes usos tradición no noso ámbito xeográfico, ou soamente están circunscritos a lonxanas selvas amazónicas e xiadas estepas siberianas?. JA Fericgla, antropólogo e investigador dos enteóxenos adicou gran parte da súa carreira a investigar o uso destas sustancias e identificar o seu uso no mediterráneo (6). Ainda que prácticamente están desaparecidos, manteñense en certas zonas do Pirineo e Alpes cun uso ritualizado. Históricamente sen embargo gozaron de amplo uso diversos productos vexetais como a Amanita muscaria (con persistente presencia iconográfica na literatura infantil na actualidade), a Psilocibe semilanceata, a hármaga ou ruda siria (da familia química da propia ayahusaca), o solanum villosoum ou tomatiño do diaño, a datura stramonium (da familia da atropina, hiosciamina e escopolamina) a atropa belladona (cuxo poético nome parece que procede do seu uso entre a poboación femenina con intención cosmética por producir dilatación pupilar), o opio, o beleño ou Hyosciamus nyger, o cáñamo índica ou sativa e a lactuca virosa, variante silvestre da leituga que tanto usamos para as nosas actuais ensaladas. Tamén tiveron uso curiosamente certos “venenos” que producen as glándulas do lombo dalgúns sapos.

Parece pertinente preguntarse se todas as drogas merecen estas consideracións ou se polo contrario, todas aquelas que non pertencen ao mundo dos enteóxenos (recordemos que sustancias pouco tóxicas físicamente (7)) deben ser analizados por separado. Hai evidentes motivos culturais e económicos (e incluso coloniais) que fan que as drogas legais son conceptualizadas de forma distinta por considerarse menos dañinas que os enteóxenos, pero é claro que este punto de vista non se sostén científicamente. Se nos referimos ao potencial que teñen de provocar un uso “abusivo”, sexa polo seu potencial adictivo ou polos cambios de comportamento que producen, de maior a menor potencial de inducir este uso estarían o tabaco (33%), a heroína (25%), a cocaína (17%), o alcool (15%) e as benzodiacepinas (10%) (8). Por suposto considerar un uso inapropiado ou abusivo ten un matiz enteiramente cultural, pois non deixa de ser aquel uso que se alonxa ou desvía das pautas médicas ou sociais aceptadas dentro dunha cultura dada. E non se pode ocultar que na nosa cultura certas sustancias gozan dun papel central en moitos ritos culturais propios (incluindo os ritos de iniciación adolescentes) e dun valor económico enorme. De acordó con datos da Mesa do Tabaco, Extremadura é a rexión europea que máis tabaco produce, supoñendo ademáis 98% da producción en España; en Navarra teñen sede os tres principais fabricantes de máquinas expendedoras do mundo. O tabaco sería o 5º maior contribuinte á recaudación fiscal do estado, con cerca de 9000 millóns de euros (9). Do alcool resta pouco por decir, é industria nacional, está insertada profundamente en distintos hábitos culturais no noso entorno, e resulta case imposibel atopar unha celebración familiar, un negocio que se peche cunha comida despois dunha reunión de traballo, ou un encontró diplomático que non impliquen o uso de alcool en alguna das súas formas. Seguro que os psiconautas que usan os enteóxenos mirarán por riba do hombreiro aos usuarios de tabaco e alcool, drogas cunha evidente menor capacidade para evocar universos de abstracción e éxtase místico, pero non hai nengún motivo para que non sexan analizados e considerados ca mesma tolerancia. Respecto ao opio (adormideira rica en morfina), seguro que sorprenderá a moitos lectores saber que España pode considerarse o maior productora legal do mundo, con 113 toneladas anuais (seguido de Francia e Australia, con 75 millóns e Turquía con 69) (10). Moito se fala da crise dos opioides, polas devastadoras consecuencias sobre xeneracións enteiras de cidadáns sobre todo norte-americanos, pero esquécese falar da “outra crise dos opioides” que supón como consecuencia perversa, que tanto polo medo ao potencial efecto adictivo, como pola asimétrica distribución do seu uso médico, implique que gran parte da poboación mundial non teña acceso suficiente a unha familia de fármacos esencial no tratamento da dor aguda e crónica. Desta maneira, na Unión Europea, cun 9.3% da poboación mundial, consúmese o 37% do total dos analxésicos opioides, e en USA, cun 5.1% da poboación, outro 37%; como consecuencia dunha crise sanitaria moi selectivamente occidental, a opiofobia que padecemos induce cambios lexislativos que implican unha carencia inadmisíbel para o resto da poboación mundial (11). Qué hipocresía! O tratamento da dor e os coidados paliativos (en cuxo ámbito a morfina segue sendo un dos fármacos de elección), seguen sen ser unha prioridade desafortunadamente.

A historia dos enteóxenos é sen dúbida milenaria e se atopa extendida por toda a xeografía alá onde un ser humano puxo os seus pés

No aspecto máis lúdico e filosófico, por qué usamos as drogas?. Acudindo ao lúcido Thomas Szasz (1920-2012), profesor emérito de psiquiatra na Universidade de Syracuse en Nova Iorque (pero citado por moitas figuras da antipsiquiatria se ben él nunca se considerou parte dese movemento) e autor de algunas obras fundamentais sobre este tema, “polo mesmo que desexamos outros bens, para mitigar dores, curar enfermedades, acrecentar a nosa resistencia, ou simplemente sentirnos mellor, igual que desexamos outros bens ca sóla intención de facer a nosa vida máis productiva ou placenteira”. Igual que esperamos que os usuarios duns esquís ou dun carro se familiaricen cas normas de uso e coñezan como facelo con seguridade para eles ou os que os rodean, e por suposto atenderémolos se se lastiman usándoos, debemos aspirar a que os cidadáns que escollan usar drogas, o fagan con coñecemento e responsabilidade, necesitando para isto ser adultos “autodisciplinados”. Cun atrevido enfoque moi liberal e que inspirou definitivamente a Antonio Escohotado (1941-2021), o noso filósofo patrio máis sinalado na literatura sobre drogas, sostén Szasz que “o dereito a mascar, inxerir, fumar, inhalar o que medra de forma silvestre na natureza é un dereito previo e máis básico que o dereito a votar”. Ainda máis, “un goberno carece de lexitimidade política para privar a adultos competentes do dereito a usar sustancias”. Por este motivo, e seguindo cos razonamentos de Escohotado, non tería sentido algún legalizar as drogas; a cruzada contra a bruxería non acabou ca legalización da maxia, nen a cruzada antixudía acabou ca legalizacións dunha raza; a guerra contra as drogas só poderá acabarse asumindo a falsa moralidade e crueldade da súa propia existencia, eliminando as competencias estatais que atacan a propiedade que as persoas teñen de sí mesmas. E por suposto as drogas poderían ser un mercado controlado, como os vehículos de motor ou os explosivos.

Con este enfoque libertario (ou case anarcocapitalista como demostrou A. Escohotado ca súa deriva ideolóxica máis tardía), a propiedade abarcaría todo aquelo ao que un cidadán pode asignarlle valor, o dereito á propiedade sería a mellor “convención” para protexer a vida e a liberdade; se identificamos o corpo como unha propiedade, qué proveito tira un cidadán ao lograr todos os dereitos que o poder político lle concede, pero perde o poder sobre o coidado e alimento do seu propio corpo?. Por isto Escohotado e Szasz defenden a autonomía do placer propio e dispoñer do propio corpo como cada un considere, defendendo así a autonomía para resolver a maneira e momento da propia morte. Redundando no valor do placer, ambos se consideran debedores do espíritu de Thomas Jefferson, que sostivo que “entre os dereitos inalienabeis, están a vida, a liberdade e busca da felicidade, e é dereito do pobo abolir calquera norma ou goberno que lesione estes fins”.

Ainda que pareza algo rebuscado como argumento, nas sociedade occidentais somos increíbelmente tolerantes con outros hábitos que perfectamente poderían encaixar en conductas adictivas e definitivamente deletéreas para calquera individuo, pero moi especialmente para as poboacións máis vulnerabéis como a infancia

Na maioría das fontes científicas sobre o estudo das drogas falta o contexto, referido a todo o que rodea a propia experiencia do consumo e que non se limita a estudar a farmacocinetica e farmacodinámica de cada sustancia; o momento, a compañía, a experiencia previa, as expectativas, o saber acumulado do uso histórico dun embriagante, a inclusión dentro de ritos culturais, como as celebracións familiares, os ritos de iniciación adolescentes, proporcionan unha anclaxe que é difícil de reproducir en estudos de laboratorio controlados. Explicou Fericgla nunhas conferencias que organizamos algúns alumnos de medicina alá polo ano 1997 ou 1998 no hospital Germans Trias i Pujol de Badalona, que as culturas ao adquirir experiencia co uso dunha sustancia, teñen capacidade de matizala e sofisticala de forma extrema, como podemos ver co alcool no noso propio contexto; dispoñemos de infinitas presentacións, sabores, concentracións, temperaturas, texturas e cores, cada unha preparada para diversos momentos, vermuts, acompañamentos da comida, condimentos de comidas ou cafés, aderezando postres e outras moitas variantes. Polo tanto, o efecto das drogas debería estudarse como unha interacción entre a sustancia, o individuo e o contexto, esquecer un destes tres actores, só conduce a un saber sesgado. É tan importante o contexto, que pode facer que un fármaco non se prescriba en absoluto por motivos exclusivamente culturais; por exemplo a industria farmacéutica foi quen de conseguir que os antidepresivos, que en Japón prácticamente non existían hai 30 anos, penetraran no mercado a través de agresivas estratexias publicitarias. Como o conseguiron? Sutituindo a traducción da palabra depresión de utsubyo (tradicionalmente asociada a unha alteración case psicótica e incurabel) por kokoro no kaze (algo así como resfriado da alma), conseguindo á vez importar a psicoloxía norteamericana a xapón e facendo ao mesmo tempo dixeríbel para un xaponés tomar un remedio para un estado que até o momento nen identificaban como patolóxico e subsidiario de tratarse médicamente. Convertiron a calquera xaponés melancólico nun potencial usuario de antidepresivos (13). Non se trata aquí de discutir se a sociedade xaponesa sofre ou non depresión en base aos criterios da medicina e sociais de outros países, senón de descreber cómo se conseguiu facer penetrar no mercado os fármacos antidepresivos a partir de campañas nas que se intentou modificar o uso das palabras para manipular a percepción que os cidadáns tiñan da seu propio estado de ánimo.

Non pretendo con este texto animar a ninguén a consumir drogas, e por suposto, creo que merecen restriccións e protección todas as poboacións máis vulnerabeis como os menores, pero non é menos certo que hai argumentos abondos para defender que constitúe un dereito que nengunha autoridade ten lexitimidade para limitar ou castigar, pois ten a prohibición de consumir drogas claramente unha base máis moral que médica, e por tanto non ten sustento

Ainda que pareza algo rebuscado como argumento, nas sociedade occidentais somos increíbelmente tolerantes con outros hábitos que perfectamente poderían encaixar en conductas adictivas e definitivamente deletéreas para calquera individuo, pero moi especialmente para as poboacións máis vulnerabéis como a infancia. Hai voces no ámbito científico que xa abogan por incluir os alimentos ultraprocesados como sustancias que perfectamente poden ser consideradas adictivas e conducir a un consumo abusivo (14). Creo que ninguén discutirá os terribeis efectos da adicción dixital, incluíndo adicción a internet, aos xogos dixitais e a redes sociais no noso comportamento e no desenvolvemento intelectual e social da mocedade. De acordó a datos do Reino Unido, 95% da poboación ten un teléfono intelixente e accede ao dispositivo cada 12 minutos de media, e 20% deles usao máis de 40 horas á semana! (15). Sería difícil atopar unha sustancia con semellante prevalencia de uso, potencia adictivo, e efectos secundarios, e que ao mesmo tempo sexa tratada con maior indulxencia. Estou seguro que as grandes tecnolóxicas terán que dar explicacións nuns anos, exactamente como lle sucedeu ás tabaqueiras, pola falta de transparencia e honestidade nas súas estratexias de venta, e no uso de mecanismos para aumentar o potencial adictivo dos productos que tan alegremente mercamos e usamos.

Resumidamente, non pretendo con este texto animar a ninguén a consumir drogas, e por suposto, creo que merecen restriccións e protección todas as poboacións máis vulnerabeis como os menores, pero non é menos certo que hai argumentos abondos para defender que constitúe un dereito que nengunha autoridade ten lexitimidade para limitar ou castigar, pois ten a prohibición de consumir drogas claramente unha base máis moral que médica, e por tanto non ten sustento algún. Igual que defendo o dereito á eutanasia, pero esto non implica inducir ou animar a ninguén a que tome semellante decisión que só a cada persoa compete, non deixemos que se impoña nengunha norma punitiva en este sentido. Sería ben triste que ao final acabemos por tolerar legalmente algunhas drogas soamente porque a industria induza cambios lexislativos ao atopar un mercado lucrativo para explotar. Só con información e aspirando a ter cidadáns maduros, informados, e responsabéis poderemos afrontar esta falsa disxuntiva.

Para Ana e Xan, se en algo nos achegamos a ser adultos autoconscientes e responsabéis e grazas a eles.
 

Referencias bibliográficas

1.- Antonio Escohotado. Historia General de las Drogas. Fenomenología de las drogas. Espasa, 2ª ed, 1999.

2.-Terence McKenna. El manjar de los dioses. Paidós Contextos, 1993.

3.- Jonathan Ott. Pharmacoteon. Drogas enteogénicas, sus fuentes vegetales y su historia. La Liebre de Marzo, 2ª ed 2000.

4.- “Es muy probable que las drogas psicodélicas sean beneficiosas para gente sin trastornos mentales”. Entrevista por Daniel Mediavilla a David Errizoe. El País. 2/11/2022.

5.-“Las terapias psicodélicas, a la conquista del oeste de Estados Unidos”. Luís Pablo Beauregard. El Páis14/1/2023.

6.-Josep María Fericgla. Enteógenos y principales embriagantes tradicionales en el área mediterránea. Alucinaciones, ediciones en Neurociencias, 1996.

7.-Reisinger E et al. Excess mortality among people who report lifetime use of ilegal drugs in the United States: a 20 year follow-up of a nationally representative survey. Drug Alcohol Depend, 2017.

8.- Addiction Psychiatric Medicine. A comprehensive board review.Elsevier, 2023.

9.- Mesa del tabaco. Informe sobre la contribución económica y social del sector de tabaco en España y tendencias en el marco regulatorio del sector. KMPG, 2020.

10.- Informe de la Junta Internacional de Fiscalización de Estupefacientes (JIFE) correspondiente a 2021. Naciones Unidas.

11.-Roques C, et al. The other opiod crisis: the situation in low resource countries. Canadian Journal of Anesthesia, 18 Xullo 2022.

12.- Thomas Szasz. Nuestro derecho a las drogas. En defensa de un mercado libre. Anagrama, 1993. 

13.- Ihara H. A cold of the soul: a japanese case of disease mongering in psychiatry. International journal of Risk and Safety, 2012.

14.- Gearhardt A, DiFeliceantonio A. Highly processed foods can be considered addictive substances based on established cientific criteria. Addiction SSA, 2022.

15.- Korte, M.The impact of the digital revolution on human brain and behavior: where do we stand?. Dialogues in Clinical Neuroscience, 2020.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.