O 'Ovo da serpe' e a procura dunha resposta

“Entón, de que serve dicir a verdade sobre o fascismo que se condena se non se di nada contra o Capitalismo que o orixina? Unha verdade de este xénero non reporta ningunha utilidade práctica. Estar contra o fascismo sen estar contra o Capitalismo, rebelarse contra da barbarie que nace da barbarie, equivale a reclamar unha parte do tenreiro e oporse a sacrificalo”, Bertolt Brecht

A orixe do monstro nazi-fascista producírase nunhas condicións históricas especiais vinculadas ás humillantes imposicións das potencias aliadas trala derrota xermana da Primeira Guerra Mundial e á devastadora crise capitalista posterior

O gráfico título deste filme alemán dos setenta -en castelán, El huevo de la serpiente (Ormens ägg), película dirixida por Ingmar Bergman en 1977 e ambientada no Berlín dos anos 20- deixaba ás claras a súa intencionalidade: advertir que a orixe do monstro nazi-fascista producírase nunhas condicións históricas especiais vinculadas ás humillantes imposicións das potencias aliadas trala derrota xermana da Primeira Guerra Mundial e á devastadora crise capitalista posterior que, en termos de desemprego masivo e galopante pobreza, catapultaron o auxe dun Partido Nacionalsocialista Alemán dos Traballadores -financiado pola Banca e a gran industria petroquímica fundamentalmente, actuando como brazo armado de certa patronal- que erixiu a Adolf Hitler Führer e Reichskanzier esmagando os dereitos e liberdades fundamentais dunha maioría social deprimida, paralizada co medo e sometida ás tensións dunha violencia constante desde a caza dos homosexuais nos anos vinte á Noite dos Coitelos Longos; instigada pola milicia Sturmabteilung -logo a Gestapo- e convertendo en hexemónico o fanatismo maila idolatría a un psicópata por medio dunha engraxada maquinaria de odio que logo foi causante de exterminio sistemático, conquista expansionista, destrución e millóns de mortes nun conflito bélico total a escala mundial. A peza afonda nos mecanismos do terror preludio da deshumanización nihilista elevada á súa máxima expresión no subseguinte pesadelo xenocida.

Lembrar a perversidade dos ideais e praxe nazi-fascistas e de dereita extrema -supremacía racial, tradicionalismo, anti-parlamentarismo, anti-liberalismo, anti-comunismo, antisemitismo, homofobia, imperialismo, populismo e adoración cega ao líder- debera vacinar contra calquera tentativa de recuperar modos e formas da que fora unha das etapas máis escuras da historia humana e tamén contra a idulxencia coa que acollemos o asunto hoxe por mor da recorrente tendencia á amnesia colectiva. Nalgúns casos mesmo por neglixencia e colaboración necesaria da banda de determinados poderes, ao non educar en valores antifascistas.

Non foron xulgadas e condenadas as estruturas do anterior réxime, nin de iure -foi unha evolución, e non unha ruptura- nin de facto. A súa ameaza non se erradicou totalmente

O caso español é paradigmático dada a anomalía histórica que representou durante boa parte do século XX, sendo practicamente o único lugar da Europa Occidental onde algúns dos auto-proclamados demócratas o foron posteriormente sen necesidade de acreditar nun compromiso antifascista pleno e mesmo, en boa medida, moitos deles saídos directamente das entrañas do réxime asasino -ata os últimos días- de Franco; o que derivou nun regueiro de impunidade e condescendencia traducidas nun franquismo sociolóxico que segue vivo e receptivo. Non foron xulgadas e condenadas as estruturas do anterior réxime, nin de iure -foi unha evolución, e non unha ruptura- nin de facto. A súa ameaza non se erradicou totalmente.

Europa enteira atópase hoxe novamente nunha encrucillada con riscos á que o estado español non é alleo: coa confusión da mesma experiméntase un rebrote de asasinatos e intimidacións de natureza ultra-dereitista

Europa enteira atópase hoxe novamente nunha encrucillada con riscos á que o estado español non é alleo: coa confusión da mesma experiméntase un rebrote de asasinatos e intimidacións de natureza ultra-dereitista que ameazan a seguridade cidadá, a estabilidade e a convivencia, xunto a un incremento do apoio a ideas xenófobas. Nalgúns casos puntuais coa complicidade directa das forzas de seguridade e aparellos estatais: o caso grego, por exemplo, é ben preocupante aínda que o estado manifesta vontade por cortar de raíz a situación.

O fenómeno fascista -coas súas especificidades e diferenzas alí onde aniñou- resultara dunha dexeneración e hipertrofia do Capitalismo, na súa vertente máis salvaxe, como medida de excepción e suspensión democrática para frear abruptamente ansias revolucionarias e as aspiracións de igualdade e liberdade das clases traballadoras e subalternas para logo recompoñelo con vigor.

Salvando diferencias poderíanse establecer paralelismos coa conxuntura actual ante o descrédito dos sistemas políticos nalgunhas democracias burguesas e a previsible persistencia desta Gran Crise: de Noruega -caso Anders Breivick- a Grecia -asasinato recente do músico Pavlos Fyssas a mans de militantes neonazis de Aurora Dourada e posible colaboración parapolicial- pasando pola caza de xitanos na Hungría de Orbán ata as agresións a musulmáns -os novos xudeus-, homosexuais e asasinato dun militante esquerdista -Clément Méric- na Francia ou os bos resultados electorais destas formacións en Austria, Holanda, etc...

As consecuencias da financiarización achegan o fermento idóneo no que descargar ira acumulada, procurando chibos expiatorios

Reprodúcense con facilidade discursos do tipo en Italia, Alemaña e o Reino Unido a través de formacións políticas legais. As consecuencias da financiarización achegan o fermento idóneo no que descargar ira acumulada, procurando chibos expiatorios. E a continuidade das políticas de austeridade impostas aos países do Sur agoiran un incremento incesante da desesperación, a desigualdade e a des-posesión que son xa notorias seis anos transcorridos desde o colapso de Lehman Brothers. O futuro comportamento político das lexións do precariado é unha incógnita.

Predomina desde hai tempo retórica radical-dereitista nos faladoiros televisivos. Quítaselle ferro ao acontecido cando segue viva xente que padeceu en carne propia tortura, cárcere e represión

Aquí asistimos con bastante perplexidade -ou non tanta- ás escenas participadas por alcaldes e diferentes representantes públicos da dereita -Baralla ou Beade, por falar tan só de dous casos galegos- que reivindican sen ruborizarse o legado do terrorismo franquista, e mesmo decenas de mozos das Nuevas Generaciones do Partido Popular que foron integramente criados na democracia de baixa intensidade na que vivimos inmortalizan imaxes con bandeiras anticonstitucionais exhibindo o saúdo romano sen atopar resistencia, nin réplica. Escóitanse con naturalidade posicionamentos cavernarios reclamando intervencións militares e bombardeos. Predomina desde hai tempo retórica radical-dereitista nos faladoiros televisivos. Quítaselle ferro ao acontecido cando segue viva xente que padeceu en carne propia tortura, cárcere e represión, e normalmente faise da parte daqueles que alardean de “condenar sempre o terrorismo”. Ascéndense de rango a militares abertamente pro-golpistas e nostálxicos franquistas. Todo encadrado nuns niveis de corrupción empresarial e política que afectan da xefatura ás mais altas maxistraturas do estado, namentres desmontan o estado social e de dereito acompañando un proceso des-constitucionalizador rampante que alimenta as ben coñecidas tentacións involucionistas nalgúns sectores. Parte da actual elite, pois, atópase inmersa na grave sospeita dunha corrupción tan potente e degradante que evidencia relacións de índole criminal.

Non é casual, nin ten porque ser simplemente anecdótico: a forte crise do réxime monárquico de 1978 xunguida á enorme crise socioeconómica reabre o escenario propicio para a irrupción de discursos e proxectos estratéxicos de ambición totalitaria. É de prever que da evolución da situación xeral dependerán as posibilidades dun maior ou menor suceso.

 

Permisividade

A forte crise do réxime monárquico de 1978 xunguida á enorme crise socioeconómica reabre o escenario propicio para a irrupción de discursos e proxectos estratéxicos de ambición totalitaria

O proceso soberanista catalá e a última Diada detonaron reaccións violentas de catalanofobia e a posta en escena da nova ultradereita española en Madrid, aínda que xa actuara traxicamente a través do asasinato a sangue fría dun mozo chamado Carlos Palomino, e actúa en lugares como o País Valenciá ou a propia Catalunya de maneira flagrante. As recentes agresións fascistas de Majadahonda ou as de homosexuais en Santiago de Compostela completan un cadro perante o cal os poderes públicos, algúns medios de comunicación, a administración de xustiza e o principal partido en número de apoios mostran displicencia e, obxectivamente, menor contundencia respecto doutras expresións de violencia política. O estado de dereito propón unha dobre vara de medir á hora de castigar este tipo de accións.

Pode e debe combinarse o combate nos medios, na rúa e nas instancias de representación política? Estáse a facer o suficiente? É precipitado falar abertamente de alerta fascista ou é pertinente agardar?

Ante isto, cal debe ser a resposta colectiva das forzas democráticas? Pode e debe combinarse o combate nos medios, na rúa e nas instancias de representación política? Estáse a facer o suficiente? É precipitado falar abertamente de alerta fascista ou é pertinente agardar? Como articular un dique de contención eficaz? De certo é un fenómeno cíclico e conxuntural que se esvaecerá máis cedo que tarde ou, pola contra, os micro-fascismos cotiáns provocarán a eclosión definitiva do ovo? É posible desde Galiza acadar, aínda que sexa por unha vez, un común denominador na amplitude diversa do nacionalismo e a esquerda?

 

A resposta coordinada

Noutros lugares do estado español e do continente fai tempo que funcionan Coordinadoras Antifascistas que fan un traballo de base no tocante á denuncia e á pedagoxía neste eido

Se a deriva do capitalismo e da Internacional Plutocrática afecta de xeito transnacional e axuda a xermolar actuacións similares na Europa enteira entendo que a mellor arma dispoñible das clases populares é disputar a hexemonía no terreo divulgativo e organizativo en base ao compromiso arredor da solidariedade internacionalista, mais semella evidente que a propia configuración e dinámica das relacións sociais e do traballo na desbocada fase neoliberal dificultan artellar complicidades, organizarse e consolidar un relato crible e alternativo que desactive a dexeneración abertamente fascista dalgúns no medio prazo.

Noutros lugares do estado español e do continente fai tempo que funcionan Coordinadoras Antifascistas que fan un traballo de base no tocante á denuncia e á pedagoxía neste eido. Nos anos oitenta en Galiza, ante a escalada desta tipoloxía de delitos e manifestacións, constituíuse un comité antifascista de carácter cidadá no que estaban representadas todas aquelas forzas políticas e sindicais -a excepción da UCD, CD e a extrema dereita- que acreditaban transversalmente no antifascismo. Descoñezo se continúa activo mais, non sendo así, teño a impresión de que puidera ser un bo momento para considerar a súa recuperación. As asociacións de vítimas da represión e pola recuperación da Memoria Histórica, partidos e sindicatos, sociedade civil e aqueles movementos sociais interesados deberan telo en conta e tomar en consideración o establecemento de contactos para achegar posturas e valorar se hoxe é preciso dispoñer dunha ferramenta do tipo adaptada aos tempos, en tempos de fascismo de novo e vello cuño.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.