Que son os fondos de pensións de empresa?, onde están, hoxe por hoxe, implantados?. Son planes de pensións colectivos promovidos polas empresas privadas ou as administracións públicas para os seus traballadores e cuxo obxectivo é complementar a pensión ordinaria a hora da xubilación. O seu financiamento corre a cargo de cotas mensuais que se retraen dos salarios dos traballadores acollidos. Teñen, ao igual que outros fondos privados, beneficios fiscais. En canto a súa implantación cabe subliñar que na actualidade so algunhas das mais grandes empresas privadas e das administracións públicas están entre as iniciais promotoras. De feito o 90% dos traballadores españois non teñen un plan de pensións de empresa que so presentan un certo arraigo no Pais Vasco (EPSV). A nivel europeo so existen na Gran Bretaña que, non por casualidade, resulta seren un dos estados europeos coas taxas de substitución mais baixas (29%) e mais altos índices de pobreza (os pensionistas británicos que hoxe en día viven na miseria están en torno aos dous millóns).
Son fondos de capitalización e como tales a súa rendibilidade está marcada polos mercados financeiros. Nos últimos 20 anos esta rendibilidade estivo por baixo do 2% e so 6 dos 385 dos fondos que existen en España tiveron rendementos equivalentes ou lixeiramente superiores ao IPC. A explicación é moi simple: as premisas que dan os defensores destes fondos para unha alta rendibilidade dos mesmos na práctica nunca se cumpren.
Hai outras características que merecen destacarse. Mentres o sistema público de pensións ten un dos seus fundamentos na solidariedade os sistemas de capitalización non respectan ese principio xa que favorecen aos/as traballadores das grandes empresas e das administracións públicas que son quen teñen mellores salarios. Favorecen tamén, polas mesmas razóns, aos traballadores dunhas comunidades, como por caso, Madrid, Pais Vasco e Cataluña fronte aos doutras como Galicia, Extremadura, Andalucia, Castela León, Castela A Mancha. Unhas vantaxes que, no caso de expansión destes fondos, farán que se amplíen aínda mais as xa grandes diferencias e desigualdades que na actualidade existen entre os/as pensionistas tanto a nivel territorial como de réxime.
A defensa dos sistemas de capitalización para as pensións vai sempre unida a defensa das políticas neoliberais de rebaixa salarial e axuste fiscal que, por caso, promoven tanto a OCDE como o FMI e que teñen como adaís aos grandes bancos. Velaí que, no caso do País Vasco, sexa o BBVA o principal defensor dos fondos de pensións de empresa e que a primeira e polo de agora única experiencia europea sexa a da neoliberal Gran Bretaña onde contan co apoio da City de Londres. O Banco Sabadell ultimamente ven tamén facendo campaña a prol de "incrementalo aforro para a xubilación". Na práctica todos os sistema de capitalización de pensións supoñen poñer os aforros dos traballadores en mans do capital financeiro para que especulen cos mesmos.
En Gran Bretaña este sistema de pensións se puxo en marcha durante o mandato do socioliberal Tony Blair. Na actualidade so teñen un fondo de empresa aqueles traballadores británicos que superan un determinado salario o que fai que o sistema privilexie as rendas mais altas por que son as únicas para as que son rendibles estes fondos. Teñen durante a súa vixencia beneficios fiscais algo que se presenta como o seu principal atractivo pero que desaparece ao hora do rescate cando os beneficiarios deben cotizar como si se tratara de calquera outra renda do traballo. O seu financiamento equivale ao 8% do salario e corre a cargo tanto dos traballadores (4%), como das empresas (3%), en ámbolos dous casos se desconta en nómina, e o estado (1%). A súa xestión está en mans dos mercados financeiros internacionais (que teñen a City como centro preferente). A experiencia británica tamén nos ensina que a indución a este tipo de pensións de capitalización vai parella a establecemento de procedementos que conducen a fortes diminucións nas futuras pensións de reparto.
Para finalizar non podo por menos de mostrar a miña sorpresa diante desta iniciativa do goberno español de potenciar uns fondos de pensións de capitalización, baseados no aforro, cando a pandemia e a crise sistémica están castigando moi duramente os ingresos das familias e as empresas non financeiras tal que, segundo o Banco de España, no presente exercicio os depósitos bancarios daqueles (os aforros) tiveron unha caída superior aos 17.000 millóns de euros xa que cada vez son mais as familias e as empresas non financeiras que se ven precisadas a acudir a eles para poder seguir tirando.