O Pacto de Toledo e as pensións públicas (I)

O pasado 18 de novembro o Congreso dos Deputados ratificaba por ampla maioría o "Informe de avaliación e reforma do Pacto de Toledo". Informe que na miña opinión contén aspectos moi positivos pero tamén outros que nos deberan preocupar. Entre os primeiros están a recomendación de reforzalo sistema público de pensións, manter o poder adquisitivo, revisar os períodos de carencia buscando contabilizar os anos mais favorables e protexelo fondo de posibles "malas tentacións". Entre o que nos preocupa está a atención que o goberno español lle quere prestar aos fondos de pensións de empresa. Unha atención que nos deixa na dúbida de cales son as súas reais intencións en esta materia. Por caso, estamos diante dunha aposta polo modelo mixto público e privado?. 

Por que se quere implantar este novo modelo de capitalización?. Polas mesmas razóns que vimos escoitando dende fai décadas: que o actual Sistema público de pensións é insostible. Por que se repite o da insostebinilidade?: por que, segundo os defensores dos sistemas de capitalización, a evolución da pirámide demográfica sinala que mentres o número de beneficiarios do sistema seguirá medrando, polo envellecemento da poboación, o número de cotizantes ben descenderá ben non se incrementará a mesma velocidade provocando unha situación de insostenibilidade xa que as cotizacións non serán suficientes para cubrir as prestacións. Unha tese que en principio parecera razoable, pero....

Pero resulta que levamos xa varias décadas, mais de tres, escoitándoa sen que, de ningures se cumpra. E non se cumpre por que nunca se dou ata agora a situación que se afirma. Non se deu por que os seus promotores, voluntaria ou involuntariamente, confunden a idade media, que si é certo que medra, coa porcentaxe de poboación maior, que sube pero moito menos. Así si nos fixamos no que pasou a nivel demográfico no que vai de século (INE) nos atopamos con que en España mentres a poboación maior de 65 se incrementou nun 0,2% (pasou do 19,4% ao 19,6%) a poboación activa medrou mais, un 1,8% (pasou do 46,8% ao 48,6%) e taxa de actividade un 3,8% (dun 54% a un 57,8%). Datos que non confirman que o número de posibles beneficiarios medrara mais e a un maior ritmo que os de posibles cotizantes senón o contrario..

Por outra parte ao utilizar como argumento a evolución do pirámide demográfica estes profetas tamén parecen esquecer que os ingresos non van so en función do número de cotizantes senón tamén das cotizacións ou sexa dos salarios. Uns salarios que dependen da riqueza e a súa distribución. Dependen, xa que logo, da produtividade da economía. Unha variable que non para de medrar aínda que diminúa o número de traballadores. Dado o nivel de avance das novas tecnoloxías é mais que probable que os futuros traballadores teñan unha produtividade media que multiplique hasta por dez a produtividade media actual, multiplicando así paralelamente a riqueza a repartir. Velaí o debate, como se vai esa a repartir?. Seguiremos como ata agora?: no que vai de século os salarios en España medraron un 12% menos que a produtividade. Esta dependencia do sistema público de pensións da riqueza,, ao ser un sistema de pago, tira por terra o argumento demográfico. O debate debe centrarse na distribución da riqueza presente e futura, no peso dos salarios na mesma. Uns salarios que non paran de perder peso na riqueza nacional e que nesta última década situáronse entre os mais baixos de Europa. Si o seu peso no PIB é do 53,5% a media na zona euro é o 56,3% e o 56,2% no conxunto da UE.

Por si esta argumento non fora xa suficiente hai que tamén dicir que o gasto público en pensións en España, 12,6% do PIB, está entre os mais baixos da Unión Europea quedando moi por baixo de estados como, por caso, Francia (16,5%), Portugal (14,9%), Austria (14,6%), Dinamarca (13,5%), Holanda (13,1%), Finlandia (13,1%) e Bélxica (12,75). Como entón se pode dicir que en España non hai recursos públicos suficientes para soster un sistema público de pensións?.

Os razoamentos anteriores non impiden subliñar que si é certo que o actual sistema público de pensións español corre perigo pero por razóns diferentes as que se manexa publicamente. Claro que corre perigo se seguimos coas políticas públicas das últimas décadas de rebaixa salarial e austeridade fiscal. Unhas políticas que crean escaso emprego e o pouco que crean é precario provocando así unha caída dos ingresos no sistema. Desgraciadamente de isto non se fala a pesares de seren o problema central por que, compre repetilo, os problemas fiscais do sistema público de pensións español están nos ingresos e non nos gastos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.