O pai de Migueliño e os divertimentos acuáticos

Indianos ©

Tempo ten pasado dende que Castelao escribira a narración curta 'O pai de Migueliño', encadrado no volume II de 'Cousas' e que fai referencia ó retorno dun emigrante das Américas. A un emigrante que volve fraco, desmellorado, que se dá cun canto nos dentes por poder abrazar de novo á súa familia

Tempo ten pasado dende que Castelao escribira a narración curta 'O pai de Migueliño', encadrado no volume II de 'Cousas' e que fai referencia ó retorno dun emigrante das Américas. A un emigrante que volve fraco, desmellorado, que se dá cun canto nos dentes por poder abrazar de novo á súa familia. A un 'indiano'? Non. Segundo o dicionario da RAG (tamén segundo o Diccionario de la lengua española), indiano é o emigrante a América que volve rico; o pai de Migueliño non era indiano...

A historia, artellada por Castelao, é reflexo de tantas que con seguridade houbo, e mesmo historia que se quedou curta en moitos, moitos casos de xente que aló morreu ou que sinxelamente, non volveu por diversas causas. É máis, boa parte dos indianos volveron de visita ou vacacións, quedando así reducido o continxente que se asentou de volta despois de ter feito cartos en América.

Veume á cabeza o pai de Migueliño co motivo da festa dos indianos en Ribadeo. Unha festa que rexurde despois da pandemia con tanto pulo como xa tiña antes dela, e a pesar do curto recorrido dende a súa instauración. A lembrar que toda festa tivo algún comezo, aínda que algunhas, como esta, que botou a rodar en 2014, sexa moi recente.

Asistentes a unha edición anterior do Ribadeo Indiano © Ribadeo Indiano

Veume á cabeza o pai de Migueliño co motivo da festa dos indianos en Ribadeo. Unha festa que rexurde despois da pandemia con tanto pulo como xa tiña antes dela, e a pesar do curto recorrido dende a súa instauración

Tentei dar algunha pincelada sobre a orixe e actualidade das festas no noso entorno aló polo 2001 como introdución a un traballo realizado por alumnado do IES Porta da Auga, impreso co título 'As festas populares no entorno ribadense'. Alí escribía cousas como 'buscando definir as festas na nosa terra, poderiamos cualificalas de microfestas enraizadas nun corazón popular que busca abrirse ó mundo externo gardando a súa propia identidade.' Ou 'Dende unha mirada desligada da terra, un anacronismo que se resiste a desaparecer.' Naturalmente, o libro trataba de festas do pobo, da aldea, da parroquia... e comparábaas e contrapoñíaas a outras que coñecemos daquela en Europa como 'Le Roi de l'Oiseau', en Le Puy en Vélay (Francia), de carácter medieval/renacentista pero con orixe en 1986, a 'Ducasse' de Mons (Bélxica), de orixe medieval, ou os Xigantes de Ath (tamén en Bélxica), xa con longa tradición pero cunha aparición ben posterior á Ducasse. 

Festas as anteriores que tamén poderían servir de encadre para a consideración da festa dos indianos, unha festa que, usando o dicionario, non cabería chamala festa ‘popular' no sentido de ter saído do pobo, pois foi instaurada institucionalmente sen actividade previa semellante, aínda que poidera selo no sentido de ter sido ben acollida polo pobo. O que non quita que fora instaurada como unha proposta de diversión para contribución ó lucro, algo ben diferente das festas tratadas no libro mencionado. Nin tampouco que entre na definición de ‘festa’ que se poda atopar en calquera dicionario.

Na festa todo o mundo é indiano (mesmo con mucamas negras), e tenta divertirse a nivel do retorno de xente con diñeiro. Desaparecen así cousas como a volta dos ‘pais de Migueliños’, os sufrimentos na emigración ou mesmo diversas características de época. A festa queda desligada do que se fai desaparecer

Nesta festa dos indianos, un dos expoñentes principais son os traxes. O luxo de vestimenta que se ostenta deslígase da súa beleza: traxes sinxelos poden resultar moito máis atractivos, bonitos ou vistosos que outros abondo máis onerosos. E, diría, o nivel está alto.

Retomando o comezo, na festa todo o mundo é indiano (mesmo con mucamas negras), e tenta divertirse a nivel do retorno de xente con diñeiro. Desaparecen así cousas como a volta dos ‘pais de Migueliños’, os sufrimentos na emigración ou mesmo diversas características de época. A festa queda desligada do que se fai desaparecer. A iso ven o título: co motivo da festa neste 2022, encargouse un mural no que aparece como título ‘Ribadeo dende As Figueiras, 1926’ que inclúe un fondo de Ribadeo de época, unha improbable pose de xente máis ou menos ataviada en correspondencia, e, no medio, separando ambas escenas, a ría, cunha moto acuática tirando dun inchable como se poderá ver máis dunha vez este verán. Pode tomarse como unha alegoría: os divertimentos sobrepóñense e a festa pasa a ser un motivo en troques de ter un motivo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.