O paradoxo da lonxevidade, ou como morrer moi san (pero aburrido)

Interior dun ximnasio CC-BY-SA UNE Photos

A nosa moderna e impecable civilización vive nunha contradición que fai rir a calquera con dous dedos de fronte: hoxe manda a ciencia coma se fose un boticario de garda armado cunha vara de avelaíña e mañá xa se saberá. Dende todos os púlpitos ministeriais lémbrannos as regras de ouro para acadar unha vellez de vitrina e formol clínico: comer pouco coma un paxariño con depresión, evitar o viño coma se fose auga bendita para espantar os demos, non fumar, someterse a dietas estritas que saben a pura tristeza de hospital e erguerse a correr en cintas mecánicas dentro dun ximnasio que parece unha nave espacial para marcianos sen humor.

Aí está, sen ir máis lonxe, a gran trampa de vivir baixo a férula destas institucións: se tanto obedeces as súas ordes por medo a todo, ao final acabas cruzando as portas dun centro médico por calquera parvada... e alí é onde se cumpre o castigo divino. Convertido no destino final de quen pasa a vida con demasiadas cautelas, o hospital encárgase de rematarte coa súa propia artillaría culinaria: un xantar a base de purés descoloridos e verzas tristes, que non comería nin o teu can se tivese que facelo. Unha verdadeira inxuria gastronómica servida nunha bandexa de plástico, ideal para que o enfermo perda a pouca saúde que lle quedaba, só de ver flotar aquel caldo sen alma.

Mais este control tecnócrata agocha unha profunda fenda de inxustiza social: hoxe en día, acceder a unha contorna sa, ao tempo de lecer ou a alimentos de calidade xa non é froito dunha escolla libre, senón un privilexio. A precariedade urbana condena a moita xente a vivir nunha espiral de estrés, vivendas indignas e dietas baratas pero nocivas, impoñendo un estilo de vida onde o benestar se converte nun luxo mercantilizado mentres o individuo queda abandonado á súa propia sorte.

 

Galicia é unha das zonas do mundo con máis persoas centenarias que gozan dunha lonxevidade saudable. Para saber o porqué, na obra vaise na procura da evidencia científica, pero non abonda. É preciso sentarse a carón dos maiores e contemplar sen présa o lume lento das súas palabras; só así entenderemos como as claves culturais condicionan de forma determinante as claves biolóxicas

A evidencia dos centenarios: cando a cultura supera a norma

Con todo, se un mira cara atrás coa ollada fonda de quen viu pasar sesenta e sete vendimas, alí onde as lareiras afuman os xamóns coa graxa bendita e o viño da terra lle devolve a cor e a alma aos defuntos (fronte á frouxeza mansa dos integrados nas cidades e a costa, que medraron ao pairo do asfalto), atopamos unha realidade que lle tira o manual de instrucións á cara aos sabios.

Como ben recolle o ensaio A arte de non morrer. Antropoloxía da lonxevidade galega, escrito polo chantadino Roberto Fernández Álvarez e premiado co galardón Ramón Piñeiro, Galicia é unha das zonas do mundo con máis persoas centenarias que gozan dunha lonxevidade saudable. Para saber o porqué, na obra vaise na procura da evidencia científica, pero non abonda. É preciso sentarse a carón dos maiores e contemplar sen présa o lume lento das súas palabras; só así entenderemos como as claves culturais condicionan de forma determinante as claves biolóxicas.

Mais a sorpresa non queda só nos nosos lindes. Se cruzamos Asia para mirar cara ás illas de Okinawa, en Xapón, decatámonos de que a sabedoría dos nosos avós non é unha excepción local, senón un eco universal. Alí, no outro extremo do planeta, os centenarios repiten exactamente o mesmo patrón: pel curtida polo sol, traballo constante e cero obsesións estériles. Fronte ao boticario moderno, tanto en Ourense coma en Okinawa atopamos persoas que chegaron aos cento dous anos fumando a súa pipa, trafegando o seu viño ou o seu té, e comendo produtos tradicionais sen saber o que é un carallo dunha caloría nin unha moderna graxa saturada.

O mito da cinta de correr e o suor sen alma

Un dos grandes desvaríos da vida moderna reside na forma en que inventamos o movemento, convertido hoxe en ritual case pagán e ridículo. Hoxe en día, a maioría da xente pasa oito horas sentada nunha oficina illada do mundo coma un ermitán sen fe, para logo correr a un ximnasio (cunha profunda culpa nos lombos) a correr sobre estúpidas cintas estáticas que non van a ningures, ou a levantar rodas de tractor sen o nobre obxectivo de levar a máquina á veiga, senón simplemente para cumprir cunha cota estética ditada por unha aplicación do móbil que lles di cando respirar.

Fronte a este patético trote, os nosos avós practicaban o movemento con substancia, o que no libro se define a través do valor da laboriosidade e do adestramento na resiliencia. O traballo no campo, o coidado da vaca que muxe nos prados, o labor de labrar a terra ou camiñar dez quilómetros polas corredoiras para ir á feira non eran pasatempos de ocio estético, nin obrigas dun reloxo intelixente. Eran tarefas útiles, constantes e sostidas, onde o suor tiña o sabor do deber cumprido e a terra devolvía en froitos o agarimo que se lle daba, sen necesidade de pagar unha cota mensual para sufrir en calzóns diante dun televisor. Unha filosofía irmá do Ikigai xaponés: o motor vital de levantarse cada mañá cun propósito útil e real, ben sexa coidando o horto ourensán ou cultivando a terra en Okinawa.

Esta fonda fenda vital vese xa dende o berce: mentres o neno de cidade chega ao campo e sinte un verdadeiro malestar cando unha herbeira lle roza unha perna, o rapaz da aldea goza e celebra o que para o outro é tormento, integrando a rozadura coa naturalidade de quen non teme a textura agreste da vida.

O verdadeiro segredo non está en deixar de vivir por estúpido medo a morrer, senón en recuperar a cordura dunha vida máis natural, un chisco máis larpeira e fondamente conectada coa terra e coa comunidade, na que os puritanos de iogur desnatado poidan bailar sós en festas sen música mentres nós brindamos polo milagre de respirar lonxe dunha bandexa de puré clínico

A ditadura dos alarmistas e o pracer de vivir

Outro factor criminal nesta ecuación é o peso psicolóxico dunha época gobernada por alarmistas profesionais. Vivimos rodeados dunha rede sufocante de alertas sanitarias, tabús alimentarios e recomendacións de barómetro que xeran un estrés crónico e permanente. O medo a enfermar, a comer o prohibido (coma se fose un delito desfrutar dun bo anaco de pan con nata e azucre nos tempos de infancia) ou a envellecer de maneira incorrecta sométenos a unha presión de inquisidor medieval, coma se a propia vida fose unha enfermidade incurable que hai que vixiar segundo por segundo.

A fondo, esta visión grisalla e cuadriculada non é casualidade: é a filla lexítima da gran maquinaria de seguros e do negocio da prevención, que converteran a nosa existencia nun mero perfil de risco. Para esta xente, o azar e a ventura son inimigos a exterminar.

Pola contra, os nosos vellos lonxevos (os de Ourense coma os de Okinawa) caracterizáronse sempre por unha actitude vital libre de paranoias. O libro afonda nisto a través da teoría do metasentidiño e o modelo saudade-festa, que atopamos idéntico no concepto do Moai xaponés: redes veciñais e comunitarias de apoio mutuo inquebrantables. Desfrutar dunha boa cazola sen remordementos, compartir unha cunca de viño cos veciños á sombra dun carballo, rir en comunidade e manter uns lazos fortes alimentaban unha saúde emocional que ningún laboratorio sabe medir.

Mais a verdadeira lección que nos deixa esta comunidade global non é só a ausencia de medo, senón entender que a saúde non é un asunto estritamente individual, senón unha construción colectiva. A felicidade, a aceptación da vida coas súas ledicias e as súas dores, e o apoio mutuo actúan como un escudo biolóxico perfecto que combate a soidade non desexada. Porque como diría calquera vello de aldea cun báculo e un sorriso nos beizos: un bo prato de caldo (dos de verdade, non os de hospital) e unha risa a tempo curan máis que cen tratados de boticarios escrupulosos e amargados.

En definitiva, a historia destes centenarios que desafiaron as normas demóstranos que a ciencia a miúdo tenta medir en laboratorios o que para os nosos avós (aló nas aldeas galegas ou nas illas do Pacífico) foi simplemente unha sabedoría cultural e vital. O verdadeiro segredo non está en deixar de vivir por estúpido medo a morrer, senón en recuperar a cordura dunha vida máis natural, un chisco máis larpeira e fondamente conectada coa terra e coa comunidade, na que os puritanos de iogur desnatado poidan bailar sós en festas sen música mentres nós brindamos polo milagre de respirar lonxe dunha bandexa de puré clínico.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.