O paradoxo (do nacionalismo) galego: un BNG con estilo

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a candidata en Santiago, Goretti Sanmartín, na xornada de reflexión do 28M CC-BY-SA BNG

Hai uns días presenciabamos unha imaxe moi emotiva para o nacionalismo galego. Ana Pontón e Xosé Manuel Beiras, xa convertidos en líderes históricos do BNG, simbolizaban cun abrazo a volta á unidade, á casa común. Nun sentido máis amplo, esta performance supón a fin do ciclo post-15M iniciado no ano 2012, precisamente, coa escisión de Anova. Agora ben, se en España este peche, tras o intento impugnatorio máis importante contra o réxime, está supoñendo restauración pola esquerda e radicalización pola dereita, en Galicia ábrese a posibilidade inédita dun goberno liderado polo nacionalismo de esquerdas.

Na era da política dixital, onde os liderados construídos a modo de influencers mediante a comunicación mediática teñen máis importancia ca nunca, o BNG logrou producir un estilo propio que daremos en chamar: Estilo Pontón

Esta disparidade nos ciclos políticos podémola cartografar a través da evolución dos seus actores máis representativos: BNG e Podemos. Hai dez anos, a fronte nacionalista atopábase nun dos peores momentos da súa historia recente. Como consecuencia das dificultades para metabolizar a potencialidade transformadora das multitudes que ocuparon as prazas, tornáronse nun partido identitario, namorado dos seus símbolos, preocupado por atopar traidores dentro e fóra, e, como non podía ser doutra forma, impotente politicamente. Todos estes defectos, sen excepción, están presentes hoxe nun Podemos que, en orixe, constituíuse como unha ferramenta de transformación e unidade na diversidade que viña a rachar coas prácticas e estilos da esquerda tradicional. É dicir, o que antes era unha fase defensiva para uns e ofensiva para outros, actualmente dáse á inversa.

Esta dualidade (España-Galicia e Podemos-BNG) é especialmente reconfortante para certos sectores do nacionalismo que, amparados no éxito electoral de Pontón, insisten na idea de que as posicións identitarias foron condición de posibilidade para o crecemento posterior. Se isto fose así, non se entendería por que en 2016 na XV Asemblea Nacional o BNG decidiu mudar a súa estratexia e iniciar a súa propia “refundación”. O “Proceso Adiante” resultou nunha renovación de imaxe, discurso, candidaturas... que acabaría por cristalizar no liderado de Pontón, quen pasou a ser o principal elemento de identificación do nacionalismo galego. Na era da política dixital, onde os liderados construídos a modo de influencers mediante a comunicación mediática teñen máis importancia ca nunca, o BNG logrou producir un estilo propio que daremos en chamar: Estilo Pontón. 

 

Estilo Pontón

Pontón converteu ó BNG no partido da defensa do feminismo, a industrialización, os servizos públicos... fíxoo ó tempo que borraba do seu vocabulario palabras como “autodeterminación” ou “independencia”. No plano performativo, Pontón fundamenta o seu comportamento nas boas maneiras.

A líder nacionalista practica un estilo aperturista e moderado sustentado sobre á xustaposición de dous planos: o discursivo e o performativo. O primeiro consiste na articulación do nacionalismo galego co benestar das persoas. Pontón converteu ó BNG no partido da defensa do feminismo, a industrialización, os servizos públicos... fíxoo ó tempo que borraba do seu vocabulario palabras como “autodeterminación” ou “independencia”. No discurso público de Pontón é complicado atopar referencias á cuestión nacional, esta queda reducida a significantes máis abstractos como a necesidade de “soberanía” ou “gobernarnos a nós mesmos” e, por suposto, sempre presentados como procesos facilitadores do verdadeiro obxectivo, a xustiza social. Sabedora das dificultades históricas do nacionalismo para penetrar en sectores con identificacións nacionais mestizas, Pontón apela a formas de galeguidade amplas. Sirvan, a modo de exemplo, as súas declaracións no último acto no Multiusos do Sar: “hai moitas maneiras de sentirse galego, de sentirse galega, e todas son necesarias para abrir un tempo novo”.

No plano performativo, Pontón fundamenta o seu comportamento nas boas maneiras. Estas condicionan desde o seu ton de voz, sempre calmo e respectuoso, ata a súa forma de actuar no Parlamento, onde é habitual que os membros do grupo maioritario a interrompan e se mostren máis conflitivos. O respecto polas normas e convencións, mostrándose máis educada que as propias elites, compleméntase cunha performatividade enfocada á representación mediante imaxes que transmitan empatía e proximidade co pobo ó que se dirixe. Estamos ante unha identificación popular (non populista), por iso, é habitual que empregue escenarios caracterizados pola súa cotiandade onde as persoas e ata a comida responden a mesma lóxica: persoas comúns con aspecto e problemas comúns e comida típica presente en calquera fogar. Ademais, usa unha retórica moi correcta e pouco rechamante que está correlacionada cunha forma de ser dialogante e unha actitude de comprensión. Estamos ante a empatía como forma de representación colectiva, unha emoción moi presente en novos liderados femininos caracterizados por un estilo en positivo.

Con todo, debemos ter en conta que personalizar este estilo na figura de Pontón, evitando falar de Estilo BNG, está xustificado. Durante o último mandato no Congreso, Néstor Rego, o segundo dirixente do BNG con maior exposición, non aplicou o mesmo estilo. Se Pontón traballa para representar ó pobo nacional, Rego fai o propio cos intereses de Galiza en España/Madrid. Esta representación da relación nacional faise patente a través dunha manobra de moralización que descansa na explotación á que estaría sometida Galiza. Convertendo a Madrid no “eles” dunha lóxica moral binaria e a Galiza nunha comunidade na que o sentido de pertenza se produce por medio da vivencia colectiva da vitimización.

Durante o último mandato no Congreso, Néstor Rego, o segundo dirixente do BNG con maior exposición, non aplicou o mesmo estilo

A concreción desta estratexia axusta o estilo de Rego a un máis tradicional dentro do esquema do soberanismo galego. O deputado, conxuga un discurso que tamén é nacionalista e de esquerdas, pero, no seu caso, son habituais as mencións á autodeterminación e a República galega. Circunstancia empregada polo PPdeG para tratar de “recordar” que o BNG seguiría a ser “o de sempre”. Isto é, un partido independentista e radical. Este xogo de representacións quedou moi claro nunha das últimas interaccións en redes. A deputada Ana Vázquez (coñecida experta en política dixital) subía unha montaxe de Pontón onde esta saía con camisetas coa ikurriña, a estelada, Otegi... A resposta que obtivo non consistiu nunha defensa das lexítimas alianzas electorais con outros nacionalismos. O BNG respondeu substituíndo as bandeiras por vivenda, sanidade, emprego... Unha metáfora bastante clarificadora. Esta forma de ataque, que no fondo supón presentar o Estilo Pontón como un engano, dá boa conta de que no PPdeG son conscientes de que no BNG existe algo novo que os separa do que tradicionalmente representaron.

Para analizar a performatividade de Rego podemos empregar un concepto derivado dos estudos sobre populismo e afirmar que practica a “transgresión” como estratexia. Faino coa súa forma de actuar no Congreso, incluíndo a desobediencia do regulamento, como cando decidiu falar en galego ata que lle fose retirada a palabra; e tamén cunha retórica belixerante, pouco habitual pola súa contundencia, dirixida habitualmente contra Vox, a monarquía, o Estado español... Este estilo máis belixerante, por ser emocionalmente denso e delimitador de identidades, tamén se fixo notar nas votacións parlamentarias, onde o BNG, a diferencia de Bildu e Esquerra, rexeitou votar a favor dos orzamentos ata en tres ocasións. 

Poderíamos dicir que estes estilos complementáronse. Un tratando de atraer a novos sectores e outro representando ós máis militantes

Poderíamos dicir que estes estilos complementáronse. Un tratando de atraer a novos sectores e outro representando ós máis militantes. Pensemos nos xornais onde escriben as súas opinións. Ela en Público e en castelán, o contrario do que se esperaría dunha nacionalista; el en Nós Diario, o medio máis bloqueiro. Porén, o realmente interesante é analizar cando e por que se producen cambios de estilo: nas campañas todos os candidatos nacionalistas adoptan o Estilo Pontón. O propio Rego, hai uns meses non replicou a estratexia que seguiu na lexislatura. Pola contra, moderouse e, case sempre acompañado por Pontón, liderou unha campaña de moitos corazóns debuxados coas mans, moita alegría, conversacións acompañadas de galletas... Que conclusión podemos sacar? O éxito do pontonismo en 2020 mudou ó BNG. Hoxe no seo da fronte existe unanimidade en que un estilo amable, con formatos incluso cursis, é a mellor estratexia electoral para medrar, unha fórmula gañadora.

O obxectivo sempre foi conseguir que o BNG non producise rexeitamento, que non dese medo. Afastar ó partido dun imaxinario de resistencia e enfado, para vinculalo con emocións positivas como a ilusión e a esperanza. De aí a insistencia en que “o BNG é o partido do si” ou que os nacionalistas van construír “unha Galiza en grande”

O obxectivo sempre foi conseguir que o BNG non producise rexeitamento, que non dese medo. Afastar ó partido dun imaxinario de resistencia e enfado, para vinculalo con emocións positivas como a ilusión e a esperanza. De aí a insistencia en que “o BNG é o partido do si” ou que os nacionalistas van construír “unha Galiza en grande”. Unha retórica que nas campañas se completou coa rearticulación dunha simboloxía similar á das candidaturas do espazo post15M que pretendían xerar unha nova identidade transversal: emprego de corazóns como logo, asimilación da V peronista-errejonista da vitorio ou a insistencia en que temos que sorrir a todas horas. Do you remember Sonrían, que sí se puede?

A política, como diría Bensaïd, é un arte estratéxico, pero a súa vertente electoral consiste en ocupar/crear espazos. A construción estilística que estamos analizando, permitiu á figura de Pontón representar en Galicia un espazo que figuras como Manuela Carmena, Mónica García ou Ada Colau ocuparon noutras rexións. Unha das consecuencias deste proceso pódese observar nas dificultades de Sumar para irromper na política galega, o que queren representar xa o representa Pontón. Como demostra o feito de que en 2020 os votantes das Mareas, ante o derrubamento deste espazo, votaran maioritariamente polo BNG. Isto, a priori, non tiña por que ser así, pero votar por Pontón foi percibido por esta bolsa de electores como unha decisión natural que non implicaba sacrificios ideolóxicos.

A partir desta premisa, tamén podemos entender mellor os resultados do BNG nas últimas xerais, cando, a pesar de adoptar o novo estilo, non puideron cumprir as expectativas autoxeradas. O problema residiu en que ese espazo de progreso a nivel estatal está representado por Pedro Sánchez e Yolanda Díaz e, ademais, os issues que marcan a axenda, como o famoso frenar a la ultraderecha, deixan en fóra de xogo a un BNG que non apostou por participar da gobernabilidade. Dúas semanas non foron suficientes para construír unha candidatura á contra de como se actuara en Madrid nos anos anteriores. O esforzo non foi crible. O Estilo Pontón, polo momento, sen Pontón e fóra de Galicia, non funciona. É dicir, o éxito do BNG actual non é o resultado de que fosen capaces de activar politicamente o resentimento nacional, como parte do nacionalismo vasco e catalán, se non de aproveitar (e crear) unha estrutura de oportunidade favorable grazas a un novo estilo inclusivo que se consolidou grazas a unha activa presenta organizativa no territorio. 

 

As eleccións do 18 de febreiro

Nuns días, o pontonismo, xa consolidado como alternativa de goberno, terá a súa proba definitiva. As eleccións foron convocadas por un PPdeG que trata de explotar certas debilidades da oposición. Os populares apostan a súa vitoria a unha estatalización da campaña, lida sempre desde o seu particular rexionalismo. A dependencia constante do goberno central dos pactos e acordos, facilita os relatos que equiparan as maiorías absolutas con estabilidade. Por outra banda, cos polémicos debates vinculados á Lei de amnistía confían nunha translación electoral da mobilización do que, na literatura sobre territorialidade, se coñece como unha reacción da maioría (backlash majority) fronte as concesións a unha minoría nacional. O tema territorial permítelles empregar o seu marco predilecto para confrontar co PSdeG e o BNG: acusando ós primeiros de conivencia co independentismo e os segundos de representar o mesmo. 

As eleccións foron convocadas por un PPdeG que trata de explotar certas debilidades da oposición. Os populares apostan a súa vitoria a unha estatalización da campaña, lida sempre desde o seu particular rexionalismo. O tema territorial permítelles empregar o seu marco predilecto para confrontar co PSdeG e o BNG: acusando ós primeiros de conivencia co independentismo e os segundos de representar o mesmo

Esta é a estratexia derivada do contexto, específica para este proceso electoral, á que, por certo, debemos engadir que unha convocatoria tan repentina colleu co pé cambiado a case todos. Pero tamén existe unha estratexia que adoitan practicar sen excepción e que neste caso están a esaxerar. É coñecida a fusión total que existe entre Xunta de Galicia e PPdeG, entre institucións e partido, pero, a raíz da crise medioambiental e o ulterior medo á derrota, os populares puxeron en marcha unha xestión norcoreana. Repetición ata o infinito do discurso popular na TVG, propaganda política camuflada nas mensaxes informativas da Xunta, reparto indiscriminado de axudas (hóuboas ata para sacar o carné de conducir), adianto do complemento ás pensións en plena campaña... Nunca a Xunta Electoral tivera tanto traballo. 

Esta flexibilidade e permeabilidade do PPdeG-Xunta a diversos repertorios estratéxicos en función do que lles convén en cada momento: do rexionalismo ó españolismo, do neoliberalismo ó keynesianismo electoral; debera servir para comprender que a ideoloxía non é un valor en si mesmo para eles. A súa única ideoloxía é gañar por riba de todo e de todos. Unha tradición política moi ben representada na traxectoria do seu candidato. Pois Alfonso Rueda foi o encargado de dirixir en 2009 a campaña electoral máis trumpista da historia de Galicia, no mesmo ano participaba de manifestacións ultras da man de Galicia Bilingüe (asociación posteriormente rebautizada co clarificador nome de “Hablamos Español”); pero hoxe tenta construír o seu liderado, aínda moi feble e ligado á figura de funcionario gris, sobre a idea dunha boa persoa, familiar e na que se pode confiar. 

A crise dos pellets supuxo un cambio de tendencia moi evidente. O BNG liderou unha ofensiva que, a diferencia doutras ocasións, contou coa participación cidadá dos que se mobilizaron para recoller plásticos das praias e manifestarse contra o colapso sanitario ou a xestión medioambiental. Os nacionalistas parece que serán os encargados de recoller todo este descontento e volverán lograr o mellor resultado da súa historia

No campo da oposición a precampaña comezou frouxa. Facendo memoria recordaremos que o primeiro gran tema foi se Sumar Galicia debía presentarse ás eleccións. Unha repetición do hit que xa soara en xullo, con resultados ben coñecidos. Unha discusión torpe se temos en conta que o PPdeG-Xunta estaba encantado de que o seu principal rival situase na axenda o debate interno dos partidos, como demostra que Sumar e Podemos Galicia participasen no debate electoral; e que, desde hai varios meses, os destinos político-electorais de BNG e Sumar están ligados. Nas xerais o BNG necesitaba que os de Díaz acadasen o mellor resultado posible, pois esta era a condición de posibilidade para repetir o goberno de coalición. Con Feijóo na Moncloa, as eleccións galegas terían sido un paseo militar para Rueda. O problema non é se Sumar Galicia se presenta ou non, pois un bo resultado pola súa parte, como ven apuntando o sociólogo electoral Jaime Miquel, acercaría a Pontón a Monte Pío. O verdadeiro problema é que non parecen estar en condicións de conectar cos votantes de esquerdas que votan nas xerais e se absteñen nas autonómicas. Esa labor deberana levar a cabo en consonancia cun PSdeG do que se fala menos, pero que tamén está nunha situación incómoda. O fantástico resultado que lograron en xullo, con Sánchez de candidato e xogando o infalible comodín Vox, non debe facer esquecer o fracaso das eleccións municipais, as últimas de axenda galega. A falta dun liderado coñecido, a problemática relación estatal co nacionalismo, a irrelevancia de Vox no país... Son todo indicadores na mesma dirección.

Por último, a crise dos pellets supuxo un cambio de tendencia moi evidente. O BNG liderou unha ofensiva que, a diferencia doutras ocasións, contou coa participación cidadá dos que se mobilizaron para recoller plásticos das praias e manifestarse contra o colapso sanitario ou a xestión medioambiental. Os nacionalistas parece que serán os encargados de recoller todo este descontento e volverán lograr o mellor resultado da súa historia. Entregados por completo ó Estilo Pontón, están a realizar unha campaña concisa e coherente, completamente enfocada na candidata. Esta confianza levounos a adoptar unha posición bastante continuísta, por non dicir conservadora, na que apostan polo seu valor seguro e non toman riscos. Os nacionalistas repiten candidata, listas, programa, retórica... É como se compartisen a hipótese antropolóxica do PPdeG de que os galegos son un pobo que, ante todo, antepón a estabilidade e a continuidade.

A pregunta está no aire: son Pontón e o seu estilo suficientes para gañar a Xunta de Galicia? 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.