O pathos do BNG

O primeiro paradoxo da actual situación do BNG –e, por extensión, do nacionalismo galego– é que, tras ter celebrado a Asemblea Nacional máis multitudinaria dos seus trinta anos de historia, presentada por todos os actores en disputa como sendo tamén a máis decisiva para o seu futuro, pouco ficou decidido en Amio. De feito, desde o mesmo remate da asemblea asistimos, día si e día tamén, a unha interminable sucesión de secuelas, nas diversas acepcións do termo.

Ten razón a UPG ao reivindicar o carácter profundamente democrático da maioría obtida tanto no aval á súa liña política como nas candidaturas encargadas de materializala e liderala: unha asemblea aberta a toda a militancia e cunha altísima participación dá un plus de lexitimidade ás decisións tomadas colectivamente; pero sería de necios ignorar que, canto maior a lexitimidade, maior tamén a carga de responsabilidade na xestión das maiorías. E nese sentido, a opción da UPG –que atinxiu o seu punto máis alto en Amio, pero que se viña aplicando de maneira ríxida desde 2009– por unha confrontación aberta, cando non pola simple descualificación dos outros, provocou que para boa parte da militancia do BNG se chegase a un punto de non-retorno. Resulta difícil negar que, sen esa percepción xeneralizada, a participación na asemblea do BNG tería sido moito menor, o que nos deixa un segundo paradoxo: a implicación no BNG cada vez se dá máis por oposición ao propio BNG que por adhesión ao proxecto político que representa, escenario no cal son inevitables os movementos de disgregación –como o protagonizado colectivamente polo Encontro Irmandiño e tantos outros que como unha ladaíña se repiten día tras día, ora a título particular ora de grupos locais.

Canto maior é a lexitimidade dunha vitoria, maior tamén a carga de responsabilidade na xestión das maiorías

Probablemente, niso teña moito que ver o feito de que a militancia do BNG que non pertence á UPG se sinta como os moradores da caverna de Platón: habitantes dun simulacro, a quen só lles chegan raiolas –tanto máis pálidas canto máis afastado se estea da UPG, pois até nas cavernas hai clases– dunha realidade que xa chega decidida nunha instancia que só poden alcanzar a imaxinar, pero á cal lles está vedado o acceso. Esa é a esencia do modelo frontista no cal está inspirado o BNG, e nada indica –moito menos, tras ser ratificado maioritariamente– que haxa vontade de mudalo, coa conseguinte dificuldade de que no seu seo poidan desenvolverse proxectos políticos diferentes do hexemónico. Nese contexto, tampouco se pode discutir a lexitimidade da decisión daqueles que, como o Encontro Irmandiño, unha vez constatada a imposibilidade de levar adiante o seu proxecto político no seo dunha estrutura máis ampla, deciden asumir o risco de intentalo fóra coas propias forzas.

Xosé Manuel Beiras asume así, mais unha vez, o papel de heroe fundador, ao modo dun moderno Gilgamesh que sabe non dispor de tempo para completar a epopeia, mais que está disposto a deixar alicerzadas as novas murallas de Uruk. Porén, Beiras é plenamente consciente de que para ese empeño necesita da compañía de hostes que, a día de hoxe, dubidan entre violar a interdicción e asumir a punición por tal infracción ou aceptar o statu quo e permanecer abrigados intramuros. A decisión de Carlos Aymerich terá un peso trascendental na trama: marcado polos deuses para morrer, como Enkidu, enfróntase ao dilema de servir de compañeiro a Gilgamesh e axudalo na súa epopeia ou ben asumir o papel de antiheroe. Preso nun bosque de voces diversas que lle indican unha e outra dirección, só el pode tomar unha decisión, que sen dúbida repercutirá moito sobre o colectivo que lidera.

Na asemblea do vindeiro 11 de marzo non se decidirá, como moitos parecen pensar, o destino do BNG, senón o da propia +Galiza

E é que na asemblea do vindeiro 11 de marzo non se decidirá, como moitos parecen pensar, o destino do BNG, senón o da propia +Galiza. O BNG, pase o que pase, seguirá a existir e a ter un peso social relevante, grazas sobre todo á implantación da UPG pero tamén a moitos independentes que non ven claros motivos para o abandono, aínda que electoralmente poida seguir a sofrer oscilacións importantes, cunha clara tendencia á baixa que as escisións só contribuirán a intensificar. Non obstante, +Galiza encóntráse ante unha encrucillada histórica, que determinará se existe como proxecto político ou se conclúe o seu camiño esfarelada e sen ter chegado a decidir cal é o seu sentido. Só unha decisión colectiva –nun ou noutro sentido– clara e respaldada polas bases pode darlle un carácter que supere o do sindicato de cargos públicos que ten cultivado até agora. Claro que, para chegar a ese punto, é necesario que o grupo non se desintegre antes mesmo de realizar a súa asemblea, un perigo que crece a cada día que pasa, xa que o cisma interno leva tirios e troianos a antecipar as súas decisións, condicionando inevitablemente o debate final.

En fin, voltando ao título do artigo, no BNG non hai un só pathos, senón tres, tantos como almas conviviron dentro desa organización: no UPG respírase un pathos dramático; no Encontro Irmandiño, épico; e en +Galiza, tráxico. O país –a Galicia que vén da que este xornal quere ser portavoz– necesita, entre outros ingredientes, de todos eses colectivos, das persoas que os integran e de moitas outras que é preciso atraer a unha tarefa compartida de construción dunha sociedade dona de si. O trascendetal non é, a pesar das apariencias, se o futuro vai ser trillado por un mesmo vieiro ou por varios, senón que se faga cun profundo sentido ético. Entre tantas paixóns enfrontadas, por favor, non esquezamos do ethos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.