Laura Poitras e Rachel Lauren presentaron They´re Here, unha curta sobre o terror das deportación do ICE en USA e como se organiza a veciñanza de Minneapolis contra eles. As dúas, cineasta e xornalista respectivamente, son ben conscientes do que é traballar nunha película que desafía o poder do Estado
Que difícil me resulta decidir de que escribir! As noticias e sucesos circulan a velocidade de vertixe, apenas tempo dá a asimilar, entender, saber. Unhas conmóvenme, outras fan que me alporice ou me anoxe, o medo tamén salta en ocasións e, o peor ocorre cando a ameaza da impotencia se vai pousando paseniñamente. Hai, porén, noticias que merecen ser contadas porque traen raiolas de confianza e optimismo.
Non son eu das que pensan que vivimos no peor dos mundos posibles. Este mundo é ancho en horrores desde que a principal especie depredadora, a humana, sentou os seus reais por toda parte.
Tendemos a pensar que o que vivimos nosoutras é máis ruín que o sucedido noutras épocas, mesmo que algúns dos líderes políticos, relixiosos, militares, financeiros, empresariais que rexen con moito mando e poder son máis prexudiciais e daniños.
Se cadra esquecemos ou non queremos lembrar, Guerras de aniquilación de etnias e pobos enteiros no pasado remoto e en tempos non tan afastados; emperadores, reis e tiranos que deixaron pegadas de espanto; torturas sobre corpos non normativos e violacións masivas sinaladamente de mulleres e de nenos e outras crueldades sen taxa… en nome de Deus, da relixión verdadeira, do territorio conquistado, da obediencia debida. En tempos moi idos e no presente que temos diante dos ollos porque nolo serven sen descanso toda clase de pantallas e medios tecnolóxicos.
Non quero relativizar e moito menos que a persistencia do mal, do horror, do quebrantamento de leis elementais de convivencia e humanidade nos leve á parálise e a coutar a capacidade de orientación colectiva. Saber que os seres humanos por milleiros teñen vivido horrores e crueldades soberanas ás que en tantas ocasións fixeron fronte e lle plantaron cara dános azos e sérvennos de exemplo de coraxe para non nos deixar abater e sentar na impotencia.
Falar disto é importante.
Da man do cine, desde a Mostra de Venecia, dúas novas moi estimulantes e animosas:
Laura Poitras e Rachel Lauren presentaron They´re Here, unha curta sobre o terror das deportación do ICE en USA e como se organiza a veciñanza de Minneapolis contra eles. As dúas, cineasta e xornalista respectivamente, son ben conscientes do que é traballar nunha película que desafía o poder do Estado.
Rachel Lauren Mueller dinos “O orzamento do ICE supera os 70.000 millóns de dólares e un puñado de voluntarios en bicicleta logrou escorrentalos da cidade. É iso pesimismo? Ou é resistencia? Non estou moi certa, O caso, é unha acción que levou a un cambio notorio. É verdade que o ICE segue adiante, mais o perigo do pesimismo é o que nos leva a nós cruzar de brazos e ficar no sofá”
Tamén nesta mesma Mostra, Yuval Abraham e Rachel Szor, autores da celebrada cinta No other Land gañadora do Óscar no 2025, levaron este ano outro documental, NAZA, que refire o sistema israelí para matar civís en Gaza
Tamén nesta mesma Mostra, Yuval Abraham e Rachel Szor, autores da celebrada cinta No other Land gañadora do Óscar no 2025, levaron este ano outro documental, NAZA, que refire o sistema israelí para matar civís en Gaza.
Tres anos recollendo de noite e desde tellados de Tel Aviv, testemuñas de 24 membros do exército e dos servizos de intelixencia israelís que explican meticulosamente como funciona o mecanismo de asasinatos en masa. Boa parte do sistema baséase no seguimento minucioso dos teléfonos dos habitantes de Gaza. O documental recibiu unha ovación de vinte catro minutos e medio (a máis longa rexistrada na historia do festival) e gañou o Premio Especial do Xurado.
O exército israelí respondeu á película cun comunicado que nega o uso de programas de Intelixencia Artificial, e ousan atribuírse “esforzos sen precedentes para minimizar os danos á poboación civil” palestina de Gaza.
NAZA foi producida polo diario británico The Guardian, e a súa equipa de investigación certificou a veracidade do contado. Tamén garantiu o dereito legal ao anonimato das súas fontes.
Yuval Abraham expresaba na entrevista de Elsa Fernández Santos en Venecia (El País,10.09.2016) que “Non é fácil ver tanta xente perdendo os principios morais e humanos máis básicos. Leo as reaccións á nosa película e non só non negan os crimes, as atrocidades que contan os oficiais senón que os xustifican, mesmo os aplauden. É repugnante”
As persoas migrantes desprotexidas, sinaladas e malladas por praias e prazas de Ceuta agardan un sitio na nosa humanidade. Leonora Angono de Regularización Ya reivindicou no remate dunha destas manifestacións nas Palmas de Gran Canaria a historia como elemento de loita
Abraham e Rachel están a padecer persecución e violencia. O Estado de Israel e os lobbys grupos de presión sionistas do mundo farán canto poidan para que o documental non se coñeza. The Guardian anunciou que o vai colgar na súa páxina, en aberto.
Agora, tamén por estes lares, as nutridas manifestacións contra a escandalosa especulación do mercado inmobiliario, contra propietarios decididos a enriquecerse canto máis mellor e contra a inacción dos gobernantes para que o dereito á vivenda se cumpra, achegan unha pinga de esperanza. O desafiuzamento de Mari Carmen rebordou o vaso e deulle á indignación saída á rúas e prazas.
As persoas migrantes desprotexidas, sinaladas e malladas por praias e prazas de Ceuta agardan un sitio na nosa humanidade.
Leonora Angono de Regularización Ya reivindicou no remate dunha destas manifestacións nas Palmas de Gran Canaria a historia como elemento de loita:
“A historia explica porque as persoas migrantes estamos aquí. Os europeos non chegaron a África pedindo visados e respectando a nosa soberanía. Chegaron ao noso territorio, apropiáronse dos nosos recursos e someteron millóns de persoas á escravitude, a tortura e a violencia”.