O Plan Urkullu e Galicia

Íñigo Urkullu, no Parlamento vasco © Parlamento vasco

O lehendakari Urkullu vén de propor unha fonda reforma do marco xurídico-político español para acadar o recoñecemento da plurinacionalidade do Estado e máis a capacidade de decisión e garantía dunha relación bilateral de Euskadi e Nafarroa, ao abeiro da normativa constitucional que abeira os dereitos forais destes territorios e, tamén, de Catalunya e Galicia

O lehendakari Urkullu vén de propor unha fonda reforma do marco xurídico-político español para acadar o recoñecemento da plurinacionalidade do Estado e máis a capacidade de decisión e garantía dunha relación bilateral de Euskadi e Nafarroa, ao abeiro da normativa constitucional que abeira os dereitos forais destes territorios e, tamén, de Catalunya e Galicia como nacionalidades que decidiron democraticamente o seu autogoberno antes de que aprobaran a Constitución

A proposta elude unha reforma constitucional formal, consciente da falla estrutural dos 3/5 de deputados e senadores precisos para irmos á súa máis curta e limitada modificación e opta, xa que logo, por un acordo-marco que fixe os alicerces para este desenvolvemento, ao que seguiria unha convención constitucional. 

Despois -compre deducirmos- haberían seguir as leis orgánicas, novos Estatutos de autonomía e reformas das leis básicas precisas para estruturar esa modificación material do marco xurídico-político .Conxunto de reformas normativas que poderían chegar descentralizar amplamente o goberno do Poder Xudicial e limitar substancialmente as competencias do Tribunal Supremo, canda ampliar e blindar as competencias de Galicia e modificar substantivamente o financiamento autonómico, mesmo coa posibilidade de lle atribuír ao País a recadación, xestión e liquidación fiscal.

Artigo de Urkullu en El País © El País

A FAES, o PP e outros voceiros do unionismo centralista opoñen a esta mutación constitucional material os principios da soberanía única do Estado e da súa unidade indisolúbel. O camiño cara unha mutación constitucional que recoñecera a plurinacionalidade do Estado e o dereito de decidirmos requiriría, segundo estes desaquelados intérpretes, dunha reforma constitucional agravada (voto dos 2 /3 das dúas Cámaras, disolución posterior das mesmas e referendum ratificatorio de toda a cidadanía española). Para eles a Constitución é irreformábel, mais nin Galicia, Euskadi e Catalunya nin a maioría cidadá no Estado haberíamos pasar por condena semellante. 

A Sentenza 42/2014 do Tribunal Constitucional ( que anulou a declaración de soberanía de Catalunya do Parlament de 23.01.2013, mais declarou a constitucionalidade do rcoñecemento do seu dereito a decidir dentro duns determinados parámetros ) recoñece que o principio democrático esixe non só respectar, senón integrar as decisións das minorias (tamén das nacionalidades) a xeito dun proceso de negociación que pode, senón abeirar declaracións unilaterais de independencia, si excluír o rexeitamento a negociar decisións futuras constatábeis e democráticas da cidadanía galega, vasca ou catalá.

O BNG aínda non avaliou esta proposta, malia que encaixe ao cento por cento na súa, arestora, multifronte reivindicación (financiamento, autogoberno, infraestruturas, enerxía...) da axenda galega . O Presidente Rueda, pola súa banda, non refugou a proposta, o que de certo agoira tensións futuras do PSdeG canto á cuestión nacional galega no caso de que Sánchez acadara a investidura nesta enleada conxuntura.

Como escribiu esta semana José Luis Gómez, Urkullu vén de xerar un debate fulcral para Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.