O pobo ecuatoriano, entre a espada e a parede

Recentemente publicouse un informe da Defensoría del Pueblo del Ecuador, no que se investigaron os abusos policiais e o proceder dos medios de comunicación ante a última vaga de protestas contra o goberno de Lenin Moreno. O informe é bastante claro coas arbitrariedades que se cometeron, así como co cinismo co que foi tratando o tema, xustificando dende todos os medios a brutal agresión cara simples manifestantes indignados ante a ineficacia do goberno. Infórmase de feridas graves e de incluso baixas humanas. Ata aquí todo bastante habitual no triste devir Latinoamericano despois de que se apagase a onda expansiva na “nova esquerda” que iniciara Hugo Chavez no 1998. Pero quen é o realmente culpable de que non se evitasen estes sucesos?. Adoita cargarse toda a culpa sobre o despótico arribista de Moreno, pero debemos ir máis alá sempre que queiramos comprender este tipo de fenómenos. Neste caso debemos pensar en quen posibilitou que os sectores reaccionarios do país tomasen o poder e cargasen con semellante violencia contra o pobo. Neste contexto de regresión política, as forzas de “esquerda” americana adoitan falar de persecución xudicial (co caso de Lula por exemplo), bótanlle a culpa ós medios ou din que os seus proxectos foron tan positivos que á xente que sacaron da pobreza se converteu maxicamente en clase media reaccionaria (e desagradecida).

Pero o principal culpable do sucedido en Ecuador é Rafael Correa. Este é un dos grandes defensores do Socialismo do século XXI, un personaxe dun intelecto certamente elevado, sobre todo no eido económico. Deste xeito estamos falando dun dos alumnos aventaxados de Heinz Dieterich, non dun Nicolás Maduro. Polo tanto non podemos botarlle a culpa dos seus erros tácticos á súa falta de coñecemento. Ó iniciar un proceso “revolucionario” (supostamente socialista, se seguimos a Dieterich), o último que este debería permitir é precisamente unha regresión nese mesmo proceso, unha soa concesión á reacción. Pero esa fe cega na benaventuranza da democracia xogoulle en contra á Correa, chegando a contraofensiva incluso ata a súa propia persoa. Así chegamos ó eterno debate: que lle impediu a esta nova esquerda apuntalar o seu proxecto revolucionario? Pero eu atrévome a lanzar outra cuestión: realmente quixeron apuntalalo algunha vez?. Correa precisamente (quizais só igualado por Cristina Fernández de Kirchner, baseándose en argumentos tan científicos como a película Good bye, Lenin!) é un dos máis férreos detractores da ditadura do proletariado. Pero acaso esta non é a ferramenta necesaria para que as agresións contra os sectores populares revolucionarios deixen de producirse, como tristemente se viu en Ecuador?. Vemos así como se derruba a fachada do Socialismo do século XXI, xa que este busca mobilizar ó pobo co fin de aproveitarse disto, non para dirixilo cara un proceso revolucionario real. E do mesmo xeito que se aproveitan da súa mobilización, fano coa súa represión. É moi fácil lanzar consignas dende o exilio ou dende unha embaixada vivindo a corpo de rei, mentres o pobo ó que lle prometiches o ceo é agredido vilmente. Deste mesmo xeito fai o goberno cubano co bloqueo estadounidense, botándolle todas as culpas dos seus propios erros. O mesmo ocorre en Venezuela, xa que mentres as “guarimbas” masacraban a supostos simpatizantes do chavismo (moitas veces só baseándose no seu cor de pel, o que é aínda máis aberrante), os dirixentes chavistas estaban ben gardadiños e protexidos, alentando á contraofensiva para defender a “revolución”(que polo que se ve nin vai chegar nin se lle espera). Pero non fai falta cruzar o charco, xa que o mesmo proceso o vivimos aquí fai nada co caso de Hasel, con xente nas rúas en manifestacións estériles (defendendo a un tipo cuxo único fin era precisamente entrar na cárcere para poñerse o cartel de mártir) que só serviron para que houbese persoas que perderan a vista ou sufriran feridas graves.

Pero logo de que se apagan estes focos (que só benefician á reacción, xa que só xeran frustración entre os indignados), todo volverá á simple loita electoralista que enfronta os dous polos, a tiranía e os “menos malos”, sucedéndose en supostos ciclos de “progreso” e reacción, mentres o pobo segue ferido e sin unha alternativa viable. Precisamente isto é o que se ve no caso ecuatoriano, xa que non por nada este país ten unha das diásporas máis notorias do continente, perceptible ata no noso país. No período de mandato de Correa os progresos sociais foron innegables (trátase simplemente de aplicar as matemáticas), pero a insistencia nese respecto á democracia burguesa, na que unha clase se aproveitará da explotación da outra, é o que condena a estes proxectos a ser algo temporal e efímero (neste sentido teñen bastantes paralelismos ca concepción anarquista da revolución).

En fin, outro exemplo máis de que o capitalismo non se pode reformar, ademais da brutalidade que xera seguir defendendo isto. Pero mentres estes demagogos nos sigan querendo vender que iso non é así e pretender que nos sumemos ás súas aventuras efémeras e idealistas, o proletariado seguirá sufrindo as mesmas agresións tras a restauración da facción máis reaccionaria da burguesía. Realmente merece a pena xogarse a integridade física polo mesmo sistema que te mobiliza cara un oasis que nunca se materializa, unha democracia só para unha clase, na que os traballadores só aplaudimos?.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.