O pobo máis famoso

A Torre dos Moreno, no centro de Ribadeo © Turismo de Galicia

Ao que parece, Ribadeo é o pobo máis famoso (máis 'popular', din os titulares) de Lugo. Iso din os medios que di a empresa 'Musement', que estes días recíbete na súa web ofrecendo xestionarte entradas para museos. Ademais, apuntan o método seguido para a afirmación: o 'cruce de dados dos concellos' con menos de 20 000 habitantes de cada provincia, derivados da procura en Google de 'que ver en', seguido do nome do concello. Ou sexa, a comparación do número de veces que se procurou para cada concello. Non se sabe, non din, se só se fixo coa pregunta en castelán (cabe a dúbida de se se fixo tamén co inglés, o francés ou o chino, pero non teño dúbida sobre se se fixo en galego ou non) ou se se usaron tamén outras preguntas semellantes. Que na propia páxina da empresa de matriz italiana non dera atopado o tema non deixa de ser unha mera anécdota lateral ó que é a 'noticia', pois unha web pode ter páxinas de acceso restrinxido, por exemplo.

Marabilloso. Resulta que Ribadeo capitanea a puntuación de Lugo, logo sería o 'pobo máis popular'. Acompáñano en Galicia Allariz, Cambados e Betanzos. E iso, que quere dicir?

Ría de Ribadeo © Turgalicia

A falta de criterios doutro tipo, que un pobo sexa cualificado de 'pobo máis popular da provincia' quere dicir que ... a xente non sabe que ver neses pobos e procura algo en internet para saír do paso? Que non ten que ver cos concellos, aínda que o que se procura son concellos e non pobos? (Por exemplo, en Ribadeo, incluiría todo o concello, é dicir, tamén Rinlo, outro 'pobo', dando avantaxe ó pobo de Ribadeo fronte a concellos nos que 'o pobo' é único e polo tanto as respostas non aglutinan as doutros pobos). Que os pobos 'gañadores' non teñen unha boa difusión da súa oferta? (ó fin, procuran algo que debera ser ofertado polos pobos...). Son só algunhas posibilidades.

Así as cousas, debemos consideralo un trofeo? En Lugo non tería moita discusión: todos os concellos, a excepción da capital, baixan de 20 000 habitantes, co que todos compiten. Pero na Coruña, a máis da capital, quedaría excluída Santiago, o mesmo que Ferrol, e o mesmo que Narón, Oleiros, Arteixo, Ames, Carballo, Culleredo ou Ribeira, entre máis dunha ducia dun total de 93 concellos, capital incluída, o que non é unha porcentaxe baixa de exclusións. Na provincia de Pontevedra, desaparecería como opción Combarro, pertencente a Poio (e diría que tanto ou máis 'famoso' como localidade, a pesar do mosteiro da capital do concello), ou as Cíes (tanto por ser illas e non 'pobo con concello' como por pertencer ó concello de Vigo, descartado pola súa poboación), mentres Mondariz-Balneario, 2,3 km2, pouco máis de 600 habitantes, ten que competir con Tui ou Sanxenxo, con trinta e vinte veces máis extensión, respectivamente, e trinta veces máis poboación. Coido que se está a comparar cousas que non admiten unha comparación sen máis, co que os números e conclusións resultantes son moi relativos.

A fama é 'mobile qual piuma al vento', parafraseando o dito cantado de Rigoletto. E máis en base noticias como esta de 'pobo máis famoso' ou 'pobo máis popular', á que se lle pode seguir aplicando unha reinterpretación da aria citada, e convir con ela en que "sempre é desgraciado / quen nela confía / quen lle entrega / incauto o corazón!"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.