O poder dos revirados e a soberanía

“Nunca ouviste passar o vento./ O vento só fala do vento./ O que lhe ouviste foi mentira, / E a mentira está em ti.” (O Guardador de Rebanhos,  Alberto Caeiro).

Vivimos tempos duros nos que a mesquindade e a estulticia infestan os camaríns da Política, ateigándoa de cotra ata as ventas, para que a miseria e a frouxidade incen sen remedio, dende o rompente do día ata o anoitecer. Para eclipsar calquera candelo que pretenda asomar o fuciño entre os escuros nubeiros que non deixan de vendar a clareza da luz ata criar unha inverneira interminable.

Apoucados coma morcegos medorentos, observamos –e aguantamos- a truculenta e revirada precaución do goberno do PP diante da convocatoria da consulta catalana

Apoucados coma morcegos medorentos, observamos –e aguantamos- a truculenta e revirada precaución do goberno do PP diante da convocatoria da consulta catalana, e cáusanos arrepío a pouca dignidade das forzas políticas centralistas e recentralizadoras (PSOE-IU-Podemos), incapaces de esixir xogo limpo e respecto para os que discrepan da doutrina dominante. Ineptos compulsivos á hora de reclamar a separación de poderes que debería garantirse en calquera Estado democrático. Obsesionados en antepor a innecesaria unidade de España á defensa de principios que sempre deberían campar por riba de calquera  demagóxica legalidade absurda e sen a mínima obxectividade.

Hai que madrugar moito para descifrar as mentes reviradas –e a chocante eficiencia- do goberno do Estado, e para comprender os retrousos dos líderes dos partidos españois e da procesión dos sabios e pontificios paroleiros, tan valentes á hora de redactarlle –sen pedirlle o seu parecer- o seu ditame ao Consello de Estado e a sentenza ao Tribunal Constitucional, antes da convocatoria de Mas, e tan mexericas á hora de molestarse en buscar propostas cribles sobre a conformación dunha nova e necesaria estrutura do Estado que contente definitivamente aos cataláns e aos vascos. E aos galegos, tamén!

Hai que madrugar moito para descifrar as mentes reviradas –e a chocante eficiencia- do goberno do Estado, e para comprender os retrousos dos líderes dos partidos españois e da procesión dos sabios e pontificios paroleiros

Ah! O meu tío Lisardo escribe para esixirlle ao señor que ocupa a Presidencia do Goberno, que deixe de presumir desa desprezativa actitude de dicir e facer unha cousa e a contraria sen inmutarse. Que nos explique dunha vez, con claridade meridiana, como pode ser posible que, preguntarlle aos cataláns o seu parecer sobre as relacións co Estado, atenta contra a soberanía da “nación española” e, sen embargo, o traspaso cotián de competencias básicas dese mesmo Estado a favor do FMI, do Banco Central Europeo, dun tal Olli Rehn e ata do Vaticano e do sursuncorda deixa totalmente incólume esa soberanía intocable.  Hai que goderse!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.