O porvir da cultura – e a cultura do porvir -

Ao único amigo que escoita o que penso: o silencio.
Á única amiga que escoita o que sinto: a música.

Hai eufemismos moi sutiles na forma e carentes de fondo. Eufemismos evasivos. Abundan moito nos protocolos diplomáticos e no taboleiro de xadrez da realpolitik. Mais hai tamén eufemismos que combinan a sutileza formal e a brutalidade de fondo dun xeito que abraia. Sen linguaxe evasivo e a cara descuberta. Gústanme este tipo de eufemismos, os segundos, e non porque teña unha sádica delectación pola barbarie, senon porque me desvelan claramente con qué clase de persoas teño que tratar e cales son as súas intencions, por moi vomitivas que sexan.

John Brennan, o novo boss da CIA, non se anda con chiquitas e ensina diáfanamente as súas cartas. O 7 de febreiro deixouno ben claro nunha tensísima sesión no senado estadounidense. O uso de drones – avions sen tripulación – para matar de forma selectiva a membros de Al Qaeda ten toda a súa lexitimidade. Así de seco e rotundo o dixo, cun estoicismo que pon os pelos de punta pola súa estarrecedora frialdade, despois de engadir, ademais, que conviría rexeitar a necesidade de calqueira caste de lexislación específica para este tipo de aventuras de cowboy con paranoia supremacista á que tan acostumados nos ten a nosa entrañable axencia de xenocidio e in-seguridade planetaria.

De seguir na súa liña, no futuro, moitos serán os libros que tirán que falar da CIA coma o matadoiro humano con máis eficiencia tecnolóxica e capacidade de organización da historia contemporánea de occidente. Esta perla de John Brennan, porén, non chega nin á sola dos zapatos á xustificación que ofreceu por escrito aos senadores antes de someterse á quenda – prefabricada – de preguntas e respostas en directo que decidirán a súa confirmación como futuro director da CIA, a saber, que os devanditos drones deberán usarse de forma coidadosa e responsable, e que o goberno utiliza xa esa tecnoloxía de acordo con rigorosos procesos de control.

O máis vomitivo das perlas de Brennan non é a súa forma, tampouco o seu contido. O máis triste é que non teñen oposición nin alternativa, pois a meirande parte dos senadores demócratas e republicanos que sentan o seu cu nas cadeiras asisten ao show con  silencio cómplice.

Hai unas semanas, Tzvetan Todorov, nun artigo titulado ¿Neoconservadorismo á francesa?, publicado no diario EL PAIS, definía o neoconservadorismo coma unha doutrina xeopolítia fabricada a posteriori e como consecuencia dos atentados do 11-S nas torres xemelgas. O seu núcleo duro, tan diáfano como pragmático, e, ao mesmo tempo, tan mesiánico e maniqueo, ven a dicir o seguinte : Hai que (obriga) “intervir” (acción) noutros países (exterior) para “erradicar o mal” (purificar) que impera neles e impoñer (violencia) o “ben”.

Non fai falla facer moito malabarismo hermenéutico para concluir que do que se trata é de defender unha pauta de conducta na política exterior basada na obriga dunha acción extra-muros do propio estado coa intención de purificar ao outro/s dun mal que ameaza, non só ao resto do planeta, senon tamén aos cidadans vinculados a un estado protector que suspende os dereitos civís coa excusa de fortalecer a national security.

A definición de Todorov dá no cravo, e ademais, engade:
“O neoconservadorismo é moralismo e idealismo, e é diferente das doutrinas xeopolíticas coma o realismo, segundo a cal a política exterior dun país díctaa os seus intereses, sen que preocupe en absoluto o destino doutros pobos”.

Máis adiante, recalca:
“Neste aspecto está emparentado con outras formas de mesianismo coma o colonialismo, que se xustifica na superioridade da civilización occidental, e o comunismo, que pretende garantizar aos pobos que o adoptan un porvir radiante”.

Efectivamente, ningunha estructura de dominación colonial, sexa cal for a súa especificidade histórica, política e económica, pode xustificarse sen a imposición de altas doses de moralismo e idealismo despegado da realidade, tanto no mesmo proceso de cristalización do sistema colonial/neocolonial coma na súa posterior xustificación, cando se trata de insinuar, non poucas veces, que é de sentido común aceptar as consecuencias positivas – sic - dun proceso colonial.  Deste idealismo moralista do que fala Todorov a decretar a lei do silencio sobre un pasado de imposicions e violencias sistémicas de todo tipo, só hai un paso, e témome que tanto a cara oculta desa ideoloxía chamada comunismo – na súa praxe política - coma a cara oculta desa outra ideoloxía chamada liberalismo – na súa praxe económica – hai xa tempo que saiu do armario a ensinar tódalas súas vergoñas. Algo tirán que dicir, xa que logo, diante do confesionario laico de incompetencias, barbaridades, soberbias e crimes cometidos contra a humanidade.

Mentras John Brennan vomita o seu lixo verbal xurando o seu cargo de director da CIA ante Deus e a constitución norteamericana, mentras Antonio Muñoz Molina recolle o premio Jerusalem das mans tinguidas de sangue de Simon Peres… e mentras Bieito 16 anuncia a súa recente dimisión como representante de Deus na terra, en Europa andan, traxicómico contrapunto, na procura de héroes: escritores, científicos e grupos mediáticos e editoriais, obsesionados con re-re-reconstruir novamente unha idea de Europa como remedio ao colosal aborto político-institucional, monetarista e militarizado no que deveu dende o Tratado de Maastricht, veñen de reunirse o 28 de Xaneiro en París coa intención de presentar un Manifesto pola Unión Europea: Umberto Eco, Julia Kristeva, Bernard Levy, Peter Schneider, Antonio Lobo Antunes, Claudio Magris, Salman Rushdie, Fernando Savater, Vargas Llosa.. entre outros, compartiron a conclusión de que Lady Europa está chea de perigos e ameazas.

Ata aquí, nada sospeitoso, agás o feito de que non se mencione en absoluto o crecimiento progresivo de movimentos sociais e políticos de extrema dereita con cada vez máis implantación e influencia nos parlamentos Europeos, e agás o feito de comprobar, día tras día, que semellan non importar as múltiples razons, motivos e circunstancias do euro-escepticismo: a simple intención de mostrarse euro-escéptico co elitista, xenófobo e desfragmentado modelo social, político e económico da UE convírtese en razón suficiente para ser estigmatizado a priori e sen posibilidade de debate, de xeito que exabruptos  igual de populistas  que os exabruptos verbais que os mass-media Europeos desprezan en boca de calqueira presidente Latinoamericano que verbalice a súa intención de oporse frontalmente ao modelo neoliberal de desenvolvimento – Patria o muerte – son cómicamente substituídos por exabruptos idénticos dentro da UE, a saber: Europa ou Caos e Unión política o muerte . Éstas son, en concreto, as dúas máximas repetidas en París polos Euro-intelectuais que fan do seu amor filiativo a Europa unha caste de nacionalismo pan-europeo nostálxico e evasivo que imita todos os fundamentos éticos, estéticos e epistemolóxicos sobre os que se edifica o nacionalismo cultural: a mentira.

Este conservador e reaccionario pan-eurocentrismo, que dalgún xeito intuín/intuíamos  xermolar xa hai uns anos e sobre o que tratei/tratamos de alertar en Rebelion.org non debería extrañarnos que funcione coma o cemento cultural de non poucos escritores, artistas e científicos obsesionados con buscar unha narrativa fundacional afín á Europa-fortaleza que habitamos a día de hoxe. Dende sempre, o vínculo máis ou menos intenso entre estética, coñecimento e poder é un feito histórico, e camiñar dende esta intuición é o mellor punto de partida para unha crítica literaria, política e cultural digna de tal nome para este século 21. Vínculo ao que, ademais, habería que engadirlle a profunda importancia que adquire o discurso xornalístico para a de-formación da opinión pública e a imposición sutil das modas culturais de época. E para mostra, un botón : por alí estaba, en París, compartindo té e pastas cos nosos euro-intelectuais - ou, azarosa sorpresa! -, Don J. Luís Cebrián, a quen non se lle enrugou ren o entrecello ao pedir un pacto inmediato polo emprego despois de executar un ERE automático e masivo en El País e cargarse o suplemento cultural de Galicia que nos traía ar fresquiño dende a capital.

E xa que os exabruptos e os eufemismos causan silencio, murmurios e censura na alta corte, cando saen da boca dun cowboy bárbaro e soberbio coma John Brennan, máis silencio cando saen da boca dun asesino coma Simon Peres, e máis silencio aínda cando sae do silencio dun escritor coma Muñoz Molina – eu pensaba, coitado de min, que as conciencias cotizábanse a máis de 10.000 dolares no mercado - quixera contribuir con estas consideracions de plebeo republicano: A Europa realmente existente é un inferno para a procura da felicidade colectiva, e a Europa ideal que imaxinan boa parte dos seus grandes escribas e intelectuais  hai xa moito tempo que deixou de importarlle aos soños da meirande parte da sociedade civil europea. O divorcio entre o mainstream literario e cultural europeo e a vida cotiá é tan profundo que xestos tan honorables coma o de John Berger, negándose a recoller un premio literario pola nobre obriga de ter que ir a apañar patacas, pasan tristemente desapercibidos.

Se puidese ser actor neste teatro, diría que a miña Europa ideal sería aquela na que non haxa que pedir permiso a ninguén para traballar, comer, pensar e crear. Ou sexa, vivir. E diría, tamén, que sería desexable que os nosos euro-intelectuais aprendan, no sucesivo, e a partir de xa, a mirar alén do seu euro-embigo, porque mentras se obsesionan con reconstruir existencial e políticamente, a golpe de arquitectura mental cartesiana, as vísceras da podre Europa neoliberal, ésta desfragméntase e féchase en sí mesma a unha velocidade e cun descaro que sobarda.

Non fai falla educar ás novas xeracions, nin no coñecemento de héroes nacionais coma Garibaldi ou Juana de Arco, como se ven facendo tradicionalmente nas escolas europeas cos mitos nacionais, e que Umberto Eco criticou acertadamente, nin no coñecimento de héroes realmente Europeos –sic- coma Lord Byron, que se foi a loitar a Grecia polos gregos- Eco dixit -, como insinuou a proposta pedagóxica e cultural que ofreceu a posteriori o mesmo Umberto Eco. Europa non precisa héroes nin mitos nos seus cimentos culturais para convencer da necesidade global dunha pedagoxía laica que promocione valores de paz, xustiza e liberdade civil. Non precisa de héroes nin mitos nos seus cimentos para convencer da necesidade global dun republicanismo federal e solidario e dunha pedagoxía intercultural. Deberían pasar xa os tempos nos que se buscaba na Kultur o que non se atopaba máis alá do mundo secular, a saber, un mero consolo existencial para aliviar interiormente o desasosegó que causaba – e sigue causando – a contemplación da violencia que arraiza dende as entrañas da miseria económica.

Os fundamentos éticos e epistémicos que cohesionan moralmente a unha comunidade, real ou imaxinada, e viceversa, son, ao meu modo de ver, un punto de partida irrenunciable para convivir no seu seo. Ofreceron algo disto ao auditorio os nosos benqueridos euro-provincians? No. Absolutelly not. Non é a teta que da cartos no mercado nestes momentos. Probablemente nunca.

Non deberían, xa que logo, resultar apocalípticas as palabras de Rafael Argullol, senon realistas e sensatas, e refírome ao seu recente artigo publicado en El País o 3 de febreiro titulado Europa relega su cultura. Un artigo que, con todo, non deixa de estar inzado de saudosismo cultural e lugares comuns sobre o que é ou debería ser eso chamado a cultura Europea - coma se tal cousa existise coma un todo armónico e coherente sen contrapuntos nin oposicions – e que mesmo chega a sentir nostalxia pola súa presencia na vida pública, o cal non é senon síntoma da vella leria do intelectual que non pode resistirse a que o seu caudaloso acervo de capital cultural acumulado sirva de orientación á Polis. O certo é que nada, absolutamente nada nin ninguén garantiza que a fusión da cultura e o poder político, coma se fosen un só corpo, e por sí mesma, garanta unha boa orientación deste último para evitar recaer en novos episodios de barbarie.

Con todo, inseridos neste malestar cultural permanente de cromatismo múltiple, no que a cultura está a adequerir un aura de relixiosa e salvífica solemnidade para solucionar os males do mundo todo dun plumazo, cómpre reparar nestas palabras de Argullol, porque revelan un síntoma da ambivalente condición á que o grande mercado está relegando á cultura:
“O que ata fai relativamente pouco se consideraba en Europa cultura transformouse en Arqueoloxía, co risco de que a propia Europa se convirta nunha peza arqueolóxica que, nun futuro non moi distante, exporase á mirada dos novos poderosos”

Hai tanto que reflexionar sobre o verdadeiro contido da primeira liña de Argullol! Que, por que, de que modo e dende que posición social se consideraba cultura en Europa até fai pouco?

Así pois, entre a concepción netamente arqueolóxica e museística da cultura e a concepción instrumental, compracente e servil coas mentiras, tratos e tretas da realpolitik, é evidente que temos un espazo social e mental dende o que fuxir, tanto do saudasismo nostálxico coma do servilismo político, e ese espazo non pode ser outro que o da imaxinación ética e estética sen concesions a ningún conformismo cínico. Non precisamos futuros ideais nin pasados miltonianos. Habitar o malestar cultural dunha sociedade que tirá que aprender a morrer  para vivir de novo e re-significar a humanidade e a phronesis – prudencia, é requisito fundamental para curar a ferida mirándoa frente a frente, mais non ignorándoa.

Se a boa mediciña e os bos médicos curan os corpos, penso que non é difícil intuir cales son os horizontes que debería marcarse a creación cultural, veña do lugar, clase xénero ou ideoloxía que veña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.