O PP e o bumerán

En España non é que non houbese unha revolución triunfante xamais, é que as reformas foron sempre de voo curto, galináceas até para os gustos menos esixentes. Máis aló dos méritos que se lle poidan atribuír á Santísima Transición -que os tivo- é claro que foi planeada para que o cambio político non perturbase os intereses das elites nin tampouco os dos seus acólitos máis menesterosos. A Lei de Amnistía foi concibida, sobre todo, para exonerar o réxime dos seus pecados. Un exemplo: Utrera Molina, ex-Secretario Xeral do Movemento, e sogro de Ruiz Gallardón, agora reclamado pola xustiza arxentina, seguiu tan campante coas súas reflexións falanxistas e joseantonianas en La Razón Española, a revista dos inasequibles ao desalento. Foi unha lei precavida nada dun empate na relación de forzas, que é o que marcou o momento. Os franquistas sabían que a ditadura non podía perdurar, os demócratas que non tiñan forza para impor a ruptura. Nesa equipotencia resúmese o período.

O que se dá en chamar a cultura da Transición derivou da imposibilidade en España de establecer un relato compartido

O que se dá en chamar a cultura da Transición derivou da imposibilidade en España de establecer un relato compartido. Non só polo pluralismo nacional, que o dificulta, senón porque o novo réxime só podía pór entre paréntese un pasado, que non era, nin podía ser, común. España non é Francia, nin Alemaña ou Italia: aquí a guerra gañárona os malos. E non houbo ruptura posterior, como en Portugal. Ortega decidiu que entre Cataluña e España o que se impuña era a conlevancia: o mesmo valería para España mesma e a súa circunstancia. A Transición só podía ser posible se se puña en sordina a tradición democrática e republicana e pasábase con luva de seda pola escura historia da represión que, segundo algunhas voces, parecería que non foi máis aló da losqueada cariñosa ao neno que desobedece e importuna. Cando espertamos, os franquistas seguían aí. Así que houbo que marear a perdiz.

A explosión de narcisismo colectivo nos anos oitenta e noventa foi fenomenal. Está a afundir agora ante os nosos narices

O que valeu para tecer o relato desde entón foi a posta ao día dos items do liberalismo español que arrinca do século XIX, incluídos os máis nacionalistas. 'El Maestro en el erial', o libro de Gregorio Morán sobre Ortega dá algunhas pistas sobre o particular. O aluvión de Modestos Lafuente foi impresionante, aínda que de cando en cando asomase o nariz algún Menéndez y Pelayo. España por fin ingresara en Europa, na Modernidade, o Progreso e etcétera e, por tanto, rompera coa súa excepcionalidade e as súas pantasmas, como declararon os historiadores máis conspicuos. A Lenda  Negra esvaecía, mentres España ía como unha moto. A explosión de narcisismo colectivo nos anos oitenta e noventa foi fenomenal. Está a afundir agora ante os nosos narices.

Foi José María Aznar, un dereitista de nova fornada, ao que por certo detestaba o antigo ministro de Franco, o que sentiu a necesidade de saír do armario e darlle unha forma aceptable, non avergoñada, aos tópicos do franquismo

Por certo, non foi a esquerda a que levantou a perdiz. Non foi a Lei de Memoria Histórica o comezo da revisión do pasado. Nisto, coma no de Cataluña, se a memoria non me falla, e se non estiven todo o tempo nos biosbardos, foi Aznar o impulsor. Fraga nunca renegou do franquismo -podo testemuñalo en primeira persoa- pero tampouco tivo a necesidade de reivindicalo imperiosamente. Foi José María Aznar, un dereitista de nova fornada, ao que por certo detestaba o antigo ministro de Franco, o que sentiu a necesidade de saír do armario e darlle unha forma aceptable, non avergoñada, aos tópicos do franquismo. Había que facer unha dereita orgullosa e sen complexos. Conseguiuno. A retórica neocon anglosaxoa rendeu grandes servizos á causa. A dereita descubriu que aderezando o liberalismo con calquera cousa podíase servir unha ensalada dixerible para grandes públicos. Pio Moa, Jiménez Losantos, Cesar Vidal et altri compuxeron o retablo de publicistas á ofensiva, atrincheirados na Cope de Rouco Varela, o presumible ideólogo da contrarreforma.

Podemos, considerado con perspectiva, podería ser expresión dunha demanda rexeneracionista, como hai máis dun século. Se algo debe asustar as elites non é o seu radicalismo, nin o dos seus posibles coaligados, senón o seu reformismo sen medos nin ataduras

A liña do poder non sufriu, pois, máis que un corte mínimo. A técnica, en xeral, consistiu en cooptar nova xente, que se sentiu encantada de poder compartir mesa e mantel cos de sempre. As elites extractivas -ese grupo de xente chupando da sopa boba- afunden as súas raíces nesa continuidade xamais posta en cuestión. O mesmo fío condutor pode aclarar, aínda que só sexa un pouquiño, a extensión da corrupción, a naturalidade con que se practicou. Visto o visto, para que ía ninguén indagar nada? Podemos, considerado con perspectiva, podería ser expresión dunha demanda rexeneracionista, como hai máis dun século. Se algo debe asustar as elites non é o seu radicalismo, nin o dos seus posibles coaligados, senón o seu reformismo sen medos nin ataduras. Un azañismo 3.0. Se os seus resultados son bos e o seu relato de España rende forzará, xunto coa situación catalá, que foi conducida con enorme cegueira, unha nova transición que debe plasmarse nunha nova Constitución que modifique o edificio ou, o que non é probable, o levante de novo.

É difícil que o PP poida subtraerse a esa discusión, aínda que iso lle poida custar unha escisión á súa dereita se entra nela, ou cara ao centro se se limita a confrontar con todo e con todos. Nestes días a neurose de Podemos fai que a xente fale moito da horrible disxuntiva que o PSOE pode afrontar se ten que escoller entre a Gran Coalición co PP e un goberno reformador con Podemos, pero tamén o PP verase obrigado a estar en cruces de camiños que preferiría evitar. Se escolle o camiño do muro, do dicir que non a todo e atrincheirarse, someterá a España a unha tensión insoportable e tamén ao que quede dos seus electores. Pódelle pasar calquera cousa.

Manter o radicalismo aznariano pode levar á dereita a reducir as súas marxes, ou á escisión

Nas dúas últimas décadas o PP puxo en práctica unha política neocon con bos resultados: deu a batalla das ideas, levou ao seu terreo aos seus competidores, buscou a polarización e conseguiu galvanizar certos segmentos de opinión con especial presenza en Madrid, Valencia e Galicia. É verdade que esa polarización lle deu éxito electoral e, máis importante aínda, significou o retorno do conservadurismo basal á sociedade española. Con todo, funcionou como un efecto bumerán en Euskadi en 2001 e en Cataluña e en toda España nas eleccións que levaron ao poder a Maragall en 2003 e a Zapatero en 2004. Nas actuais condicións de empobrecemento xeral, de estreitamento do perímetro das clases medias, de descrédito pola extrema corrupción, manter o radicalismo aznariano pode levar á dereita a reducir as súas marxes, ou á escisión. Terán que parar a pensar sobre iso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.