O PPdeG indulta a Baltar

Alfonso Rueda, con José Manuel Baltar nun foro do xornal La Región no que o presidente da Xunta presentou o da Deputación de Ourense, en novembro de 2022 CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Despois da decisión do TS, a efectos xurídicos, o ex-presidente da Deputación de Ourense xa pode ser catalogado coma delincuente

Dende hai anos, a familia Baltar é ben coñecida na política galega. Quen necesite mais información pode atopala no recente e interesante libro publicado por Cristina Huete e Primitivo Carbajo ("Os Baltar. A senda do caciquismo na democracia plena").

Hai poucos días, Xosé Manuel Baltar regresou á primeira liña mediática por mor da sentenza ditada polo Tribunal Supremo na que se establece que cometeu un delito contra a seguridade viaria por transitar a mais de 200 km/h nun tramo no que non debería superar os 120 km/h. Convén lembrar dúas circunstancias relevantes: conducía persoalmente un vehículo oficial fora da axenda de actos correspondentes ao seu cargo e utilizou todas as trécolas procesais posíbeis para demorar a decisión definitiva sobre a denuncia existente dado que estaba acusado da comisión dun delito.

Despois da decisión do TS, a efectos xurídicos, o ex-presidente da Deputación de Ourense xa pode ser catalogado coma delincuente. Esta circunstancia remítenos, mais unha vez, á coñecida dualidade entre as responsabilidades xudiciais e as políticas. Na última colaboración nesta mesma páxina ("Politizar a xustiza e xudicializar a política") tiven ocasión de aludir aos comportamentos dalgúns dirixentes políticos nesta materia. Poren, non podía calcular que ía ter lugar un exemplo tan rápido e pedagóxico sobre este asunto.

Xosé Manuel Baltar é uha das tres persoas designadas polo Parlamento galego para ocupar un escano no Senado. Foi proposto polo PP, sabendo que estaba involucrado nun procedemento xudicial debido á denuncia formulada pola Garda Civil de Tráfico

Xosé Manuel Baltar é uha das tres persoas designadas polo Parlamento galego para ocupar un escano no Senado. Foi proposto polo PP, sabendo que estaba involucrado nun procedemento xudicial debido á denuncia formulada pola Garda Civil de Tráfico. Agora,coñecida a sentenza condenatoria, o máximo dirixente do PPdG -Alfonso Rueda- anuncia que non considera necesaria a dimisión do senador e, polo tanto, non vai esixir a súa renuncia. A gravidade desta decisión admite poucas dúbidas: o mantemento de Baltar na Cámara Alta compromete seriamente a propia reputación democrática do Parlamento galego por canto o político afectado está representando ao poder lexislativo galego. O PP podería substituílo inmediatamente sen atrancos legais nin reproches das forzas da oposición. Remedando a famosa expresión de Feijoo, se non o fai é porque non quere. Prefire realizar un acto de prepotencia coa súa maioría aritmética antes que aceitar unha mínima dose de rexeneración democrática na vida dunha institución tan relevante como é o Parlamento de Galiza.

Escoitaremos agora invocar o "escándalo moral" que predican os voceiros da rúa Génova cando se refiren ás actuacións contra o fiscal xeral e a parella de Pedro Sánchez? Aceptará o partido de Rueda que a Cámara do Hórreo reprobe a conduta do senador? Polo que temos visto até agora, non é realista agardar un comportamento semellante. Os escrúpulos éticos nunca guiaron a folla de ruta da familia Baltar e dos seus valedores no PPdG. Revive na memoria aquela coñecida frase de Franklin Delano Roosevelt referida ao vello ditador nicaraguano Anastasio Somoza: "É un fillo de puta pero é o noso fillo de puta".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.