Como pode ver calquera paseando polas nosas cidades e vilas, inzan os estabelecementos que compran ouro e oferecen a mellor taxación para quen se teña que desprender de xoias, alfaias ou obxectos que porten este metal precioso. A ninguén se oculta que tal sobredemanda ten a ver cunha circunstancia forzosa e lamentábel: ter que se desfacer, venda mediante, deles por mor de obter algún ingreso preciso neste ermo laboral que padecemos. É ben sabido que, en moitos casos, por riba do seu estrito valor material, prima un valor afectivo, sentimental, unido á memoria ou á herdanza do vendedor ou vendedora destes tempos. En se divulgando estafas, infraprezo, uso de maquinaria trucada etc., as autoridades apresáronse a asegurar a vixilancia sobre estas prácticas vantaxistas e a non as permitir, para garantir os dereitos dos utentes e impedir que elementos desalmados e fraudulentos se aproveitasen dunha apurada situación económica dos vendedores.
O prezo do ouro outro a que me vou referir é elefantiásico: médese en destrución de recursos naturais; contaminación atroz de ríos e terras; perdurabilidade de toda a polución inducida; perigo certo para vidas e facendas
O prezo deste ouro médese-pésase por miligramos. O prezo do ouro outro a que me vou referir é elefantiásico: médese en destrución de recursos naturais; contaminación atroz de ríos e terras; perdurabilidade de toda a polución inducida; perigo certo para vidas e facendas. E, por contra, nesta macroameaza, o goberno galego olla para outro lado e non move un dedo para impedir semellante atentado mortal. Estou a falar, claro está, do proxecto de mina aurífera en Corcoesto, a proba máis clara e flagrante dun dominio colonial reservado á Galiza, nunha das súas terras, a de Bergantiños, máis férteis en todos os sentidos (riqueza natural, capacidade económica, profusión artística singular). Dígase un só lugar de todo o continente europeu onde se permita, nos tempos de hoxe, a explotación dunha mina a ceo aberto. Dígase un só lugar onde se prevexa utilizar unha tonelaxe de cianuro tal que asegure o veleno e transmisión tóxica para miles de persoas e a destrución programada dos recursos naturais e económicos que pertencen aos habitantes destes lugares e, por extensión, a todos os galegos e galegas.
Dígase un só lugar de todo o continente europeu onde se permita, nos tempos de hoxe, a explotación dunha mina a ceo aberto
Non abondou con arruinar a Ría de Pontevedra coa instalación e funcionamento da celulosa. Non abonda coa vergoña de padecer as nosas rías convertidas en esgotos. Seica non tivemos bastante coa choiva ácida con efeitos mortíferos ben repartidos por todo o país. Non é suficiente chorar a contemplación de tantos e tantos ríos acugulados de porcaría, con mortandade incluída de miles de peixes. Non basta ter que aturar vertedoiros incontrolados e outros millenta focos de polución, morte e insalubridade. Non. Cómpre arredondar o servilismo e a subordinación da Galiza -que o goberno autonómico tan ben practica- dobrando o xoello diante dunha multinacional como a que visa abrir a mina de Corcoesto, mentindo, comprando vontades, falseando datos, oferecendo uns postos de traballo envelenados desde o primeiro minuto.
¿Que máis precisa a Xunta de Galiza para ter un mínimo xesto de dignidade política e prohibir rotundamente tal proxecto? ¿Ha de ser a Galiza, máis unha vez, pasto da voracidade capitalista transnacional e obxecto de destrución?
A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños leva meses pronunciándose cunha dignidade e perseveranza exemplares. Miles e miles de persoas teñen acompañado as manifestacións convocadas. ¿Que máis precisa a Xunta de Galiza para ter un mínimo xesto de dignidade política e prohibir rotundamente tal proxecto? ¿Ha de ser a Galiza, máis unha vez, pasto da voracidade capitalista transnacional e obxecto de destrución?
Voces moito máis sabidas e expertas do que a miña xa se teñen pronunciado ao respeito con toda a competencia de informes científicos ben documentados. Non consintamos máis un tributo ao prezo do ouro!